Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Machados neolíticos atopados nas medoñas

miércoles, 07 de julio de 2021
A finais de abril pasado 'A Voz de Galicia' deu noticia dun machado prehistórico tardoneolítico, feito en pedra jadeíta, que viaxou dende os Alpes italianos a Vilalba pasando por la Bretaña francesa. Chegaron a tal conclusión tres docentes da USC ademais doutros catro de distintas procedencias. A peza depositárase na Facultade de Xeografía e Historia da Universidade Compostelá na década de 1920 e procedía da colección de Santiago de la Iglesia quen a recibira do vilalbés Manuel Mato Vizoso aló polo 1900. En orixe díxose que fora atopada no lugar de Bouza ou de Veiga de Garea, parroquia de Vilapedre, Vilalba, ao sur da serra da Carba.

Pola foto do machado que ilustra a noticia, e porque o coñecemos dende hai anos, Machados neolíticos atopados nas medoñassabemos que mide 13,5cm. de longo, que é color verde con vetas claras e que preto do extremo proximal presenta unha perforación que puidera servir para ser colgada como amuleto. É unha peza interesante, pouco frecuente e merecedora dunhas liñas para ser valorada.

A zona onde se atopou, o sur da serra da Carba, parroquias de Lousada, Vilapedre, San Simón e Samarugo, é rica en restos arqueolóxicos. De alí coñecemos dous grupos de pequenos machados de pedra puída atopados en medoñas e cistas que se deben ter en conta cando estudamos a prehistoria da comarca. No Museo Provincial de Lugo gárdanse un total de once exemplares que, xunto con outros materiais, forman parte dos seus fondos dende a década de 1940. Outro grupo de seis expuxéronse para os escolares de Moreda-Lanzós en 1988 con motivo da participación do colexio no programa de TVG 'De escola a escola'. Lamentablemente son descoñecidos as circunstancias e os lugares concretos nos que se atoparon, pero sabemos que parte deles apareceron ao traballar a terra con arados de ferro que afondaban na terra máis que os tradicionais de madeira.

Por investigacións prehistóricas realizadas sabemos que hai uns catro mil anos formaban parte da ofrenda que se facía a un defunto cando era sepultado entre pequenas pedras ou lousas que protexían o cadáver nunha case imperceptible cista ou medoña. Observamos que algúns dos machados están rematados con perfecto pulido e tacto suave, que outros non foron acabados e mesmo que hai algún que semella a medio facer porque o anaco de pedra do que se partiu non permitiu máis traballo que o realizado. Tamén hai algún que no gume presenta pequenos sinais de uso só perceptibles con lentes de aumento e que parecen feitos ao cortar cousas delicadas. O tipo de pedra na que foron realizados son variedades dun mineral coñecido como sillimanita, silicato de aluminio, rocha metamórfica, que presenta colores claras con vetas escuras e que parecen formar augas. A jadeíta tamén é un silicato, pero aluminicosódico.

Cando nalgunha ocasión estudamos estes machados manifestamos que descoñeciamos os lugares onde puidesen existir vetas de sillimaanita e deduciamos que chegarían, ben a materia prima, ben manufacturados, por medio de comercio ou intercambio. Hoxe sabemos que existen afloramentos deste mineral nos montes da Toxiza, entre Mondoñedo e Alfoz, é dicir, ao norte da serra da Carba, a menos de dúas xornadas de camiño, ida e volta, das parroquias de Costa e Samarugo. Se ao anterior unimos que unha porcentaxe relativamente elevada de cistas e medoñas estaban emprazadas a carón de camiños e pasos naturais que comunicaban áreas xeográficas, concluiremos que a circulación de viaxeiros e dalgunhas mercadorías de certo valor ou prestixio estaba presente hai varios miles de anos.

Podería pensarse que a función dos machados neolíticos remataron a súa función acompañando un defunto. Pois resulta que a realidade é máis complexa. Pasaron séculos e estes artefactos foron coñecidos, aínda o eran hai pouco, no mundo rural como pedras do raio por pensarse que foran fabricados por un fenómeno atmosférico case divino. E por ser incomprensible a súa orixe, os seus poderes e aplicacións foron rodeados dun halo de misterio. Acompañados de estampas piadosas, oracións tipo gozos ou herbas sandadeiras, non era infrecuente velos metidos en pequenos fardelos colgados do corno ou do pescozo da vaca que se consideraba enferma de enfermidade que nin menciñeiro, veterinario ou albeite cura, dese mal que vén co aire e que, se cadra, marcha co vento.

Non só machados de pedra
Nas medoñas e cistas, acompañando os enterrados, tamén se pousaban obxectos valiosos como cerámica, follas de sílex, puntas de frecha, prismas de cristal de rocha e os propios machados de pedra puída de variadas formas e tamaños. Que se amortizasen obxectos de certo luxo, que se gastasen enerxías construíndo a tumba, que se transportasen chantas para formar unha cámara funeraria, que se decorase o seu interior e que se edificasen tumbas á beira de camiños naturais para ser vistas polos viandantes, fan concluír que aquelas xentes de hai catro ou cinco mil anos tiñan crenzas na vida do alén, que rendían culto aos seus defuntos e que non querían esquecelos.

Riqueza arqueolóxica ao sur da Carba. Prospectores.
A riqueza arqueolóxica desta comarca xa era coñecida hai máis de cen anos. Hoxe podemos referirnos a ela porque houbo quen se ocupou de gardar o que se foi coñecendo. Hoxe, aquí, queremos recordar.
Machados neolíticos atopados nas medoñas
Manuel Mato Vizoso
Unha rúa e un colexio levan o nome deste vilalbés que viviu entre 1846 e 1909. Traballou como funcionario do xulgado municipal, recompilou datos históricos e deixou unha importante obra literaria. Hoxe coñecemos os seus escritos históricos por estar agrupados nun volume promovido polo centro educativo que leva o seu nome. Sabemos que mostrou gran interese na historia de Vilalba e a súa comarca e, polo tanto, en conservar obxectos arqueolóxicos aparecidos ao chou. Sempre anotaba con coidado tanto o que vía coma a información que lle facilitaban. Estudaba lugares onde eran visibles restos históricos e arquitectónicos e non deixaba de informarse do que outros investigadores manifestaban ao respecto. Así explicamos a súa relación con Santiago de la Iglesia quen aló por 1911, xunto con Francisco Tettamancy, foi un dos promotores da campaña promovida para que a torre do castelo de Vilalba non se derruíse como pretendía certo promotor inmobiliario que ten rúa na vila.

Os estudos de Manuel Mato Vizoso tiveron recoñecemento. O Concello de Vilalba outorgoulle o título honorífico de cronista da vila, a Real Academia Galega nomeouno correspondente e a colonia habaneira custeou e colocou unha placa na súa casa cando lle rendeu unha sincera homenaxe no san Ramón de 1917.

Pero Manuel Mato Vizoso non só mostrou interese en asuntos históricos. Tamén é autor dunha interesante obra literaria. Compuxo poemas de circunstancias e de recreación e dramatización histórica e, sobre todo, destaca como autor de pezas teatrais breves, chamadas apropósitos, que merecerían ser reunidas, publicadas e difundidas para que os estudosos do asunto lle outorgasen o lugar que merece dentro da literatura galega. A modo de exemplo recordamos que, con música do seu irmán Santiago Mato, é autor dunha peza en lingua galega e castelá titulada 'Juan Soldado o El repatriado de Cuba', obra que se puxo en escena por primeira vez en Vilalba el 10 de agosto de 1899, que se representou sucesivamente, e na que trata a dolorosa repatriación dos soldados que serviron con honor en Cuba. Polas crónicas dos trinta primeiros anos do século XX, e aínda despois, sabemos que calquera velada literaria celebrada na vila non se remataba sen que os asistentes coreasen a peza ‘Maruxa ou Os cantares de Villalba’, letra e música de ambos irmáns, que foi estreada naquela Vilalba do 4 de xaneiro de 1897.

Os Leisner
Especial atención merece o matrimonio formado polo matrimonio Leisner, George e Vera, que nas décadas de 1930 e 1940 visitou a zona estudando os monumentos megalíticos. Na súa obra ‘Die megalithgräber der Iberischen halbinsel’ xa se cita como gran medoña a coñecida como ‘Iglesia ou Capela dos Mouros’, na parroquia de Samarugo. Hai noventa anos o feito de visitar os lugares onde se emprazan os dolmens tiña certas dificultades. Para andar por corredoiras e carreiros eran obrigadas as bestas e ir con pé lixeiro. Buscar os megalitos obrigaba a traspasar vales, subir montes e chegar a cumes, actividade que aproveitaban os Leisner para trazar mapas topográficos con destino ao exército alemán pois ademais de arqueólogos eran espías. Proba do interese estratéxico da comarca é que os habitantes da Terra Chá recordan as tres desaparecidas antenas de radio coñecidas como Torres do Arneiro e que, instaladas polos alemáns en 1940, prestaron servizo de comunicación a barcos e avións polo Atlántico, o Mediterráneo e Europa Occidental ata 1980.

Vázquez Seijas
Outros estudos de referencia obrigada para a arqueoloxía do sur das serras do Xistral e da Carba son os que publicou en 1947 e 1951 Manuel Vázquez Seijas no Boletín da Comisión Provincial de Monumentos de Lugo. Por eles sabemos que en Samarugo apareceron dúas puntas de frecha de bronce; que en 1916, nunha medoña do lugar de Lobán, Ángel del Castillo atopou un machado plano de cobre; que en Lanzós, noutra medoña de preto da mina, apareceu o puño dunha espada ou puñal de bronce; que a Capela dos Mouros non era a única gran medoña e tamén menciona a de Chan da Arqueta na parroquia de Costa; que foron varias follas de sílex e machados de pedra atopados na contorna de medoñas desta zona; que en 1948 foi apareceu un molde para a fabricación de machados planos de cobre que se corresponde coa mesma tipoloxía ca o machado referido por Ángel del Castillo en 1916...

Lamentablemente estes obxectos, tamén outros aparecidos na comarca, están dispersos e iso non permite unha visión ordenada de conxunto da riqueza arqueolóxica das terras vilalbesas. Por outra parte as medoñas que se retrataron e debuxaron hai setenta anos preséntanse hoxe transformadas ou deterioradas pola desaparición dos chantos da cámara e polo medre incontrolado da vexetación. Por veces resultan de difícil localización.

Chanta decorada, pedra abaladoira e outros penedos.
Mención aparte merece unha chanta decorada que apareceu ao desfacer unha medoña no lugar de Rairo-Porto de Bois, Samarugo. Démola a coñecer en 1995 e presenta decoración chea de coviñas que relacionamos co mundo dos mortos, coas súas crenzas e tamén co simbolismo astral. Atopáronse chantas co mesmo tipo de decoración en Mollafariña-Cazás, en Roza das Modias-Alba e máis modernamente en Orizón-Castro de Rei.

Nos estudos máis antigos da comarca hai referencias a unha pedra abaladoira, a bloques graníticos con formas semiesféricas gravadas e recórdase que Manuel Murguía, en 1901, publicou un debuxo gravado nunha rocha que existira en Samarugo ao que, dicía o historiador, non se lle podía negar carácter relixioso de cultos relacionados co sol, coa lúa ou mesmo con deuses celestiais. Referíase ao tal gravado como xa desaparecido. Conta a moderna tradición que por estar próximas a camiños algunhas destas pedras foron fragmentadas para que servir de firme de estradas que permitirían o progreso que se achegaría coa circulación de automóbiles.

Capela de San Salvador - Vilapedre
A Arqueoloxía non só estuda restos prehistóricos. As construcións que se realizan ao longo do tempo deixan a súa pegada e son obxecto de atención do estudoso. A reflexión vén a conto porque na parroquia de Vilapedre, acabando a serra da Carba, non lonxe da antiga igrexa parroquial, quedan os restos dunha capela que no seu tempo gozou de moita devoción. Estaba dedicada a san Salvador. Hoxe encóntrase deslousada, coas paredes case derruídas, abandonada a toxos, silvas, e uces. Sábese que estaba enteira na década de 1920 e que cando morreu o seu último gran devoto e coidador, Salvador Puentes López, empezou a deteriorarse e deixaron de celebrarse as romarías. O seu bisneto, Divino Puentes, mantén o recordo de que os nevaríos, as intensas choivas e as bestas do monte que coucearon a porta buscando protección dos ventos, provocaron a súa ruína total. Mesmo se conta que nun ano de grandes neves algúns cabalos morreron dentro da capela porque o vento pechou a porta, non puideron saír e tampouco se lles puido valer.

Tempo despois, vai xa para corenta anos, os viaxeiros viron as ruínas e repararon que a pía de auga bendita situada no interior da parede sur estaba enmarcada coa parte superior dunha ventá xeminada de arco de ferradura que se cataloga con claridade como prerrománica, visigótica ou mozárabe. Na peza recoñécese o clásico arco que se traza cun radio que parte dun punto situado a unha altura aproximada dun terzo ou dous quintos da medida do propio radio con respecto á liña que une o arranque das columnas laterais que terman do propio arco.

Aqueles incansables viaxeiros, sempre curiosos, deron en pensar se a pedra recolocada na pía de auga bendita formaría parte dunha capela ou igrexa anterior construída por xentes xermánicas ou mozárabes do sur nos lugares de Vilapedre, se formaría parte dunha ventá que iluminaría un presbiterio ou se tería algo que ver con outra moi semellante que aínda se conserva na ábsida da igrexa do antigo mosteiro de Soutomerille, Castroverde, templo tamén dedicado a san Salvador e que hoxe clama por adecuada restauración.

Reflexións
Todos estes datos recordan a riqueza patrimonial histórica e etnográfica que posúen as terras de Vilalba e que convén recordar e poñer en valor. Tamén levan pensar na estratéxica situación da comarca como lugar de paso entre zonas da xeografía galega dende o remoto dos tempos, posición que aínda se mantén hoxe. Sempre insistimos que en Vilalba conflúen os camiños que van do Alto Miño ao Eume, da Meseta Lucense á Mariña Occidental e dos ramais que comunican estes dous eixes viarios. Do asunto ben se pode tomar nota nos nosos tempos, porque xa se sabe que polos grandes itinerarios aparecen viaxeiros, comerciantes, negocios, intercambios de produtos e ideas,... en definitiva, riqueza e progreso. Os prehistóricos xa sabían que os camiños e vías que comunicaban as comarcas, base para intercambio de mercadorías, eran o fundamento da riqueza e do progreso.

Así os feitos o cronista reflexione sobre a desaparición do patrimonio histórico-artístico da comarca, sobre a importancia de divulgar sucesiva e reiteradamente os restos do pasado de cada parroquia e cada lugar, para que se valore o que outros foron noutrora para que permaneza a memoria dos antepasados.
Pombo Mosquera, Xosé Antonio
Pombo Mosquera, Xosé Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES