Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Perpetuamente noutro tempo

martes, 06 de julio de 2021
Perpetuamente noutro tempo. Esa foi a idea que me pasou polos miolos ó ler o primeiro dos dous capítulos adicados a Ribadeo en 'Miscelánea da antiga provincia de Mondoñedo', de Xosé Isidro Fernández Villalba. Trata o capítulo das actas do concello de Ribadeo entre 1936 e 1940. E alí, nun curto resume, poden verse a xénese de situacións que dun xeito ou outro estenden a súa sombra ata a actualidade, e que teñen paralelismo con outras que se lles asemellan noutros concellos.

Ante a Semana Santa de 1937, o pleno decidiu 'restablecer o vello costume de acudir ós actos eclesiásticos da Semana Santa'. Restablece, é dicir, xa non se estaba a ir. Pero o caso é que dito restablecemento chega ata a actualidade, despois de cambios constitucionais e, supostamente, ‘de réxime’, gobernos variados nos que se inclúen partidos no poder e alcaldes que en principio non se chamarían eles mesmos ni nós lles chamaríamos golpistas, fascistas ou anticonstitucionalistas. E iso a pesar de voces críticas que expresamos a idea do estado aconfesional, aquela do artigo 16 da Constitución do 78 que enuncia que ningunha confesión terá carácter estatal.

O concello daquela non era democrático... era unha 'comisión xestora' encargada 'pola autoridade' para iso, para xestionar. Hoxe as cousas cambiaron, hai votacións. Pero as listas son cerradas, os partidos confecciónanas e moitas veces o pobo pouco decide nesa confección. Mesmo se se quere presentar unha candidatura á marxe de partidos, como pasou por exemplo no 2015, é necesario -en Ribadeo, daquela coa poboación que tiña, pouco máis de 10 000 habitantes- dispoñer de 500 avais, o que fai difícil, moi difícil, esa participación máis directa (baixando de 10 000 veciños o número redúcese moito) polo número, polo que cada aval supón e polaa fiscalización que se fai dos avais.

Comezando 1937, o pleno decidiu facer vertedoiro de lixo do foxo do forte de San Damián. Hoxe, mantense máis ou menos limpo, pero outros lugares de recoñecemento histórico seguen descoidados e cubertos de maleza e lixo. De feito, aínda esta mesma semana se anunciou o comezo de xestións para a recuperación dun elemento que marcou o progreso de Ribadeo durante décadas, a estación de ferrocarril da liña Ribadeo-Vilaodriz, comezada con transporte de mineral e que vertebrou unha comarca enteira impulsando a súa entrada na modernidade. Anúnciase, logo aínda está por facer...

Coa guerra xa decidida, na segunda metade de 1938, a corporación municipal comprometeuse a enviar representación perpetuamente á misa e solemne procesión que no día dos Remedios se celebra en Mondoñedo. Instituída por certo a causa de 'non ter sufrido a comarca a dominación marxista' e que se segue a celebrar ata hoxe. Algo parello ó que comentaba da asistencia ós actos da Semana Santa, pero ademais, desta volta non só cun significado político senón que ven acompañado de orzamento ad hoc: 100 pesetas para a asistencia. Algo que hai que poñer en situación se se ten en conta que a festa de reis do ano seguinte, 1939, custou 101 pesetas. Agasallos a poderes e festas que se lles fan, competindo polos magros orzamentos públicos con servizos sociais ou ilusión do pobo. Algo que segue en competición hoxe.

Pódense engadir moitos máis detalles. Detalles que, ás veces meras anécdotas, en conxunto permiten interpretar a historia e mesmo ver unha estrutura. Así, en 1938 o consistorio decide instalar un teléfono a conta do concello na casa do alcalde. Supoño que no seu momento, empregarían algunha xustificación que lles pareceu plausible, pero visto dende hoxe non deixa de ser unha actuación en favor propio por parte de alguén con poder, na máis pura tradición de corrupción de ese poder que debera emanar do pobo.
Gregorio Montes, Antonio
Gregorio Montes, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES