Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Con luz e taquígrafos

miércoles, 30 de junio de 2021
Esa era una expresión usada para manifestar que algo quedaba exposto con datos, de xeito razoado e claro. Hoxe os taquígrafos desapareceron, substituídos polos medios de recordatorio verbal, gravacións mesmo con imaxes e interpretación escrita: estamos nunha era dixital, querendo dicir con iso algo que vai máis aló do seu significado orixinal, comprendendo dende o uso das ondas electromagnéticas codificadas á intelixencia artificial, nunha mistura que soe escapársenos en profundidade e nebulosa en amplitude, contradicindo ó significado da expresión 'con luz e taquígrafos' que, non obstante, fixo quedar anticuada.

Volvendo á expresión, o de 'con luz', hoxe é caro: os custes ó consumidor están disparados, mentres as ganancias que se lles permiten ás eléctricas tamén o están, e as inxustizas de tarifa, custando só o mantemento da liña unha boa porción do total, a asimetría do trato entre as grandes eléctricas, impoñendo condicións e substraéndose de servizo, etc, fan a situación máis lamentable. Carencia ou pobreza enerxética, así a chaman, e queda encapsulada, clasificada... e oculta a idea do que representa de mala distribución, enriquecemento legal pero ilícito, normas ad hoc en contra do medio humano e ambiente... e corrupción.

En 'Regreso ó futuro' hai unha pasaxe da película no que hai unha confusión de quen ven do pasado ó presente sobre Ronald Reagan, o actor de segunda, coa conseguinte aclaración de que é o presidente do goberno dos Estados Unidos. Pero é quen ven do pasado quen queda sorprendido, mentres quen non cambia de tempo non ten ningún asomo de sorpresa, pero tampouco de recoñecemento de contraste. Aquí sería ó revés, ó preguntar se segue sendo presidente do goberno, ou ministro, ou... aquel ou aquela conselleira das eléctricas, o que nos levaría máis ben, de 'regreso ó pasado' de connivencia e convivencia de poder político e económico, de caciquismo, para empregar unha verba que por estes lares coñecemos ben. Por outra banda, un recoñecemento que, ós que vimos xa cunha algo longa traxectoria vital, temos asimilado, mentres quen ten menos idade segue sen recoñecer como nada más que real (no sentido de 'natural'...)

De xeito paralelo, parece que os novos 'taquígrafos' non recollen moito da letra pequena dos contratos, como corresponde ós murmurios nas conversas, inaudibles, pero que prestan efecto para quen os di e son efectivos, causan efecto e considéranse, se ten o poder. Ou sexa, como as grandes eléctricas, telefónicas ou bancos, en relación coas que se podería dicir 'dálles os cartos e corre', non vaia ser que te pidan máis, porque outra cousa non vas sacar, os servizos van ser os que queiran eles, igual que o prezo. Dubido que coñeza a ninguén maior de idade que non tivera un encontronazo (e saíra perdendo) cunha telefónica, unha eléctrica, un banco...

Non hai taquígrafos, e a luz está cara. Non porque custe conseguir electricidade, senón polas ganancias que se queren lograr. E penalizar o baixo consumo, aumentando o tramo fixo da factura, fai que as guerras pola tarifa do consumo realmente feito (enerxía, e non potencia contratada) teña importancia pero non sexa máis ca unha distracción de que pase o que pase, as eléctricas seguirán a gañar.

Unha cousa. E, todos eses sectores, banca, telefonía, electricidade, non son servizos, non poden estar incluídos no servizo público? Non houbo unha telefonía pública en España? Non seguen sendo EDF e EDP testemuñas de empresas públicas de electricidade durante décadas pasadas nos países veciños? Non está a capitalización bursátil dos maiores bancos españois por baixo das axudas recibidas pola banca e nunca recuperadas por esa entidade comunitaria que é o estado?

Debo recoñecer, por último, que as orixes deste escrito teñen pés nas novas de ganancias das eléctricas e un pequeno desencontro (segundo eles non chega a iso) coa telefonía. Nada novo: seguirá. Por iso mesmo, nós tamén temos que seguir turrando para poder desfrutar da luz con claridade recollida en medios fiables polos taquígrafos.
Gregorio Montes, Antonio
Gregorio Montes, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES