Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Intervención do Presidente da Xunta de Galicia no acto de entrega das Medallas Castelao 2021

martes, 29 de junio de 2021
Santiago de Compostela, 28 de xuño 2021

Autoridades presentes,
señoras e señores.

Galardoados, parabéns, parabéns colectivos en nome de Galicia.

Gustaríame que este acto que hoxe nos congrega tivera un dobre propósito.

Como sucede con todas as cerimonias de entrega das Medallas Castelao, trátase de recoñecer nun ambiente solemne e cercano a persoas e entidades que forman, por así dicilo, a "selección galega" que mellor nos representa dentro e fóra de Galicia.

Pero a esta intención, inalterable dende a creación destes galardóns en 1984, súmase outra relacionada co tempo no que estamos, dominado pola idea dun novo rexurdimento no que a forza de todos os galegos é vital.

En poucos momentos da nosa historia foi tan necesaria a máxima que o propio Alfonso Rodríguez Castelao plasmou nun dos debuxos do Álbum Nós.

Nel vese unha escultura e un grupo de xente traballando nela. "Hai sitio para todos", dise no pé da viñeta.

Na Galicia do 2021 non soamente hai sitio para todos, senón que todos son imprescindibles para que o noso país retome con novos azos o camiño que emprendeu hai catro décadas co inicio do autogoberno.

Unha exposición que aínda se pode visitar no Museo do Pobo Galego percorre o éxito colectivo dunha epopea na que os galegos souberon avanzar, e tamén souberon caer e erguerse.

Tan meritorios como os logros de todo tipo que a autonomía fixo posible, son as respostas decididas aos desafíos que Galicia tivo que dobregar.

Unha nova Negra Sombra asomou nas nosas vidas en marzo do ano pasado.

Somos un país de palabra e de palabras, e debido a iso resultounos máis duro incorporar ao noso vocabulario cotián expresións que non forman parte da nosa maneira de ser.

Alonxar, confinar, pechar...

Galicia, pola contra, é sinónimo de achegar, liberar e abrir. A nosa peripecia como pobo consiste en superar as distancias, romper os confinamentos, superar as barreiras que nos limitaban.

O pobo galego vence o determinismo xeográfico e orográfico que nos situaba nun lugar recóndito do mapa e nos dividía en pequenas comunidades inconexas. Cun esforzo épico derrotamos igualmente un illamento psicolóxico que limitaba a nosa capacidade para estar no mundo cunha voz propia e potente.

Soamente un pobo que achega, libera e abre pode protagonizar un acontecemento que resoa en todas as épocas e culturas.

Poucos pobos teñen no seu palmarés unha tradición tan unificadora, universal e atemporal como o Xacobeo. O Camiño aproxima lugares distantes, acerca persoas que non se coñecían e rompe, en definitiva, os confinamentos artificiais que esquecen a unidade fundamental do xénero humano.

Pois ben; a pandemia supuxo un ataque directo á esencia da galeguidade, que nos obrigou a ser como non queremos ser, a vivir como non queremos vivir, a estar como non queremos estar.

Foi unha experiencia dura, prolongada e antinatural. Ao igual que o farían moitos outros galegos confinados para protexerse do inimigo invisible, tamén eu temín que as secuelas da crise supuxeran un retroceso sensible nos logros acadados.

¿Seríamos quen de recuperar a vitalidade que a Covid-19 nos estaba roubando? ¿Perderíamos os valores que nos fixeron fortes?

Todos tiñamos o desexo de que Galicia "espertara do soño" dos confinamentos, distanciamentos e peches, cun vigor renovado, pero o reto era certamente descomunal.

Estámonos erguendo. A Negra Sombra cede, aínda que nos arrebatou familiares, amigos e compatriotas cos que non poderemos celebrar o pleno rexurdimento do noso país.

Non podemos ignorar que Galicia está incompleta sen eles, nin esquecer os numerosos dramas laborais e empresariais que a pandemia deixa.

Polo tanto, que ninguén vexa triunfalismo onde hai só a constatación de que, pouco a pouco, igual que alguén que se recupera despois dunha dura convalecencia, Galicia estase erguendo.

Galicia participa dunha recuperación na que relocen valores cívicos e políticos que nos son propios dende hai moito tempo.

Velaí a idea de interdependencia que impulsa intensas relacións de cooperación, fuxindo de anacrónicos postulados que propugnan territorios confinados en ilusorias independencias.

Velaí a idea de comunidades unidas por fortes lazos de cooperación, nas que non teñen cabida exclusións nin rupturas.

Velaí a convicción de que unha cogobernanza leal e non esporádica é a mellor receita fronte a unha crise que reclama respostas a diferentes niveis administrativos e políticos.

Vemos reafirmada a democracia galeguista que nos inspira durante estes corenta anos de autonomía.

Non só nestas guías de actuación que están marcando o rumbo do mundo democrático, senón tamén nas respostas que se deron nos momentos máis crús da crise desatada pola Covid-19.

En definitiva, o autogoberno nace para unirnos máis, para posuír institucións sólidas e para poñer a proba a capacidade de xestionar más eficazmente os servizos públicos e o país no seu conxunto.

Todo este compendio púxose a proba durante a pandemia.

Os servizos responderon, grazas a profesionais eficientes e entregados.

As institucións funcionaron.

E sobre todo brillou un galeguismo cívico que debe figurar nas páxinas destacadas da nosa historia como pobo.

Podemos empezar a recuperar ese vocabulario perdido. Galicia volve a ser o país das cercanías.

En Galicia a palabra "lonxe" sempre é relativa, e as persoas alleas convértense en próximas.

Non son ideas retóricas que adornan un discurso; os galegos poñémolas en práctica revitalizando un Xacobeo bianual que simboliza o triunfo sobre ese mundo de sombras no que estivemos sumidos estes últimos e longos meses.

O contrapunto do confinamento de persoas, países e comunidades é un Xacobeo que, ademais, ten a virtude de ser un feito colectivo que fai de cada galego un anfitrión.

Non somos diferentes aos homes e mulleres doutros tempos que viron no Camiño o mellor antídoto contra os males que poboaban as súas vidas. Así queremos que siga sendo na época que nos toca vivir.

O Camiño está cheo de "Gente Viajera", como a que poboa o programa radiofónico de Esther Eiros. A medalla que hoxe Galicia lle outorga premia a unha galega que non se cansa de abrir camiños, levando sempre á súa terra natal na mochila.

Galicia aínda non sabía o que esta muller lucense, que mora en Cataluña, fixo, fai e seguirá a facer por Galicia desde as ondas.

Santiago Pemán é o pai do tempo autonómico. O clima xa non era uniforme antes de que Pemán tomara posesión del, pero Galicia tiña que conformarse con predicións que moitas veces reiteraban tópicos.

O seu mandato iníciase cando nas nubes aínda non había datos e unha das mellores ferramentas estaba, e está, no refraneiro.

Do amigo Pemán podemos quedarnos con innumerables consellos. Para un político, o mellor é aquel que advirte non correr cando chove. ¡Atá mañá, don Santiago!

Xoán Luis Saco Cid é un home que sabe latín. É un home ligado a Ramon Otero Pedrayo. Como alumno do patriarca, como docente no Instituto que leva o seu nome, e como presidente ata fai nada da Fundación Otero Pedrayo.

Premiamos a un profesor vocacional, a un humanista amante do latín que sabe "catilinarias" que hoxe estarían de plena actualidade. En definitiva, premiamos a un home culto.

Falabamos antes de Galicia como un pobo de cercanías, e Manuel Vila López contribuíu ao acercamento ao pobo xitano. Fíxoo como profesor e tamén como cidadán preocupado por estender os dereitos cívicos aos colectivos máis marxinados.

Homes coma el fixeron visible unha parte da nosa sociedade que permanecía oculta e que algúns non querían ver.

Premiar ao Centro Superior de Hostalería de Galicia abarca dous motivos.

Falamos dun centro de referencia en Europa. De feito, unha das profesoras que recolle a distinción é unha profesora estadounidense de Misouri, responsable do departamento de inglés da escola. É un centro de referencia en Europa que ten contribuído decisivamente ao éxito da nosa Comunidade como destino turístico. As mulleres e os homes que se forman nel son a primeira versión de Galicia que atopa o visitante, e os resultados certifican o éxito das súas ensinanzas.

Pero ademais esta Medalla Castelao supón unha homenaxe a un sector profundamente castigado pola pandemia, sometido á incerteza e que, malia todo, respondeu con responsabilidade ás normativas.

Señoras e señores, autoridades que representan ao pobo de Galicia, familiares, galardoados, persoas que nos seguen a través da CRTVG, para nós é un motivo de satisfacción poder celebrar esta xornada das Medallas Castelao, onde todo parece indicar que empezamos a ver o final de túnel.

Falamos con Santiago Pemán sobre a posibilidade de facer este acto no exterior. Todo parecía indicar que había posibilidades, pero tamén todo parecía indicar que era moi arriscados. Santiago Pemán acertou plenamente e por iso estamos aquí, baixo teito, pero seguros, desfrutando deste orballo, que non choiva, que deixa os campos de Galicia verdes xa no verán.

Rexorde a Galicia das cercanías, despois desa Negra Sombra moi longa á que o noso pobo respondeu coa arma do sentidiño.

Non debemos gardala. Ten que estar sempre a punto porque nos situamos nunha transición ata unha etapa plena de posibilidades, onde poder conxugar verbos como achegar ou apertar.

Nesa tarefa hai sitio para todos.

Máis nada.
Moitas grazas.
Núñez Feijóo, Alberto
Núñez Feijóo, Alberto


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES