Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Do A ao Z con Concha Blanco (1)

lunes, 28 de junio de 2021
(A e B)

Seguindo a estela daqueles libros publicados por Everest Galicia que levaban por título Do A ao Z con... (Castelao, Neira Vilas, Pondal, Rosalía, Uxío Novoneyra...) eu, quixen facer un Do A ao Z con... Concha Blanco agora que acaba de recibir a homenaxe á escritora na súa terra. Para iso, farei un percorrido seguindo as letras do alfabeto.

Do A ao Z con Concha Blanco
A de afecto
, porque só o afecto puido levar a tanta xente (en tempos de pandemia) a acudir á homenaxe que a AELG e o concello de Cee lle dedicaron o 12 de xuño de 2021. Cando tocou plantar o pradairo, non só escritores e escritoras botaron a súa palada senón o profesorado que estaba presente e outra xente que quixo poñer o seu granciño nesa sementeira.

A de alumnado. Para o seu alumnado... e os doutros. Textos e actividades. Títulos que así o demostran. (Contos pra escola, A vaca titiriteira, O milagre de Carola...).
Ao logo da carreira continúa elaborando as actividades arredor das súas obras sen ningún tipo de pudor (A vaca titiriteira, en Altamar; A min que me importa!...) e publicando unidades didácticas, por exemplo na páxina da AELG.

A de avós. A presenza dos avós contando contos (e acompañando) en case todas as súas obras por exemplo en A min que me importa!, Quero que veñan meus pais, Tita, Catuxa quere saber e Catuxa quere saber máis, Cos ollos do avó...

A de autoestima porque é a busca de autoestima de cada un dos rapaces e rapazas da escola unitaria rural o que a leva a convertelos en personaxes de historias que levan o seu nome e están escritas na súa lingua. Tentar que non se avergoncen dela, que sexan conscientes de que é unha lingua na que escribir e ler igual que calquera outra, unha lingua de prestixio, de educación.

A de alcoholismo ao que a leva a observación da vida e preocupacións do seu alumnado, ata ao puntos de escribir un par de obras nas que este se fai moi presente (O milagre de Carola, Querido Iván).

A de AELG que a homenaxea en "A escritora na súa terra".

A de agasallo coma o que lles fixeron Concha Blanco e María Canosa á rapazada de Cee que estaba de cumpreanos nos tempos de confinamento. Libros seus dedicados que a policía local levaba ás súas casas... porque ser dun lugar e fomentar a lectura levou ás escritoras a compartila da maneira máis persoal e xenerosa.

B de bondade. Levo observado que cando unha escritora é bondadosa precisa convencernos de que é posible un mundo benigno a través da súa literatura. Entre nós, recoñecémolas, necesitan mostrar o lado bo dos personaxes e buscan que as historias teñan un final próximo á felicidade. Dise que a literatura infanto xuvenil pode tratar todas as temáticas, que o único límite está na desesperanza, porque aos pequenos e pequenas non podemos secuestrarlles o optimismo igual que non estaría ben deixarlles un mundo sen cor. Pois ben, Concha Blanco, móstralles un mundo no que hai obstáculos e dificultades pero que poden resolverse en moitos casos e que a felicidade é posible. É no mundo animal no que se permite unha maldade maior mentres que no humano téntase que non vaian máis alá dos veciños rexoubeiros.

B de Boris, que é a gata que lle dá nome á serie (Boris e Boris e compañía) e que tamén aparece na novela O balcón do meu universo.
Sampedro, Pilar
Sampedro, Pilar


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES