Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A escritora na súa terra 2021

jueves, 24 de junio de 2021
A escritora na sa terra 2021 Neste 2021, a homenaxe na súa terra, que cada ano dedica a AELG a un dos seus escritores ou escritoras, recaeu en Concha Blanco.

Realizouse en Cee o sábado 12 de xuño. Como é costume, colocouse unha pedra sobre a que vai gravado un poema da autora, plantouse unha árbore (neste caso un pradairo, esa escultura de follas vermellas que colorea o aire), entregóuselle a esculturada letra E realizada por Soledad Penalta e o concello de Cee dedicoulle unha praza.

Certamente, é un luxo facer coincidir a homenaxe dos escritores e escritoras coa do concello que representa a súa terra, mentres a dos primeiros deixa esa obra viva que é a árbore e esa escultura pública que é a pedra, o concello ponlle o seu nome á praza, que é ese lugar no que permanecemos, onde nos paramos máis que na rúa pola que pasamos.

Concha Blanco merecía esta homenaxe porque a mestra é unha das pioneiras da literatura infantil galega, porque comezou a escribir historias nas que os rapaces e as rapazas da súa aula eran os protagonistas para demostrarlles que se podía escribir e ler na lingua na que falaban e que era posible formar parte das historia e da Historia. Era unha forma de devolverlles a autoestima que ao longo do tempo lles roubaran dicíndolles que o seu idioma non valía e que falalo era "falar mal".

Esas primeiras historias e poemas que ían acompañados con actividadese aos que chamou Cousas para a escola e Cousiñas para a escola foron publicados por Isaac Díaz Pardo en Ediciós do Castro. Elas foron o comezo dunha carreira literaria que continúa ao longo de máis de corenta anos e medio cento de libros, a súa maioría destinados á infancia e á mocidade aínda que tamén conta con varios para adultos.

Na meirande parte das súas obras aparece a súa terra de nacenza e residencia: Lires e Cee. Por iso, tamén por iso, tiña sentido esta homenaxe na súa terra. Porque nela se sitúan os relatos,de aí son os personaxes, falan dela os seus versos ou aparece nas dedicatorias, como sucede nos libros O milagre de Carola e Quero que veñan meus pais, din: "LIRES, onde eu nacín aquel día" (así de simple e significativo)."Para Lires, que foi o meu berce, por deixar que o vento do mar arrolase os meus soños."

Un anaco do libro Sara di: "Lires sempre sería para Sara o seu lugar de referencia, no que nacera, ao que volvía sempre que lle era posible, do que presumía e o lugar que recomendaba a quen quixese experimentar e tocar o silencio e a paz".

Cousiñas prá escola, consta de tres partes, na terceira (que leva o nome de Lires) propón un traballo de investigación arredor dunha aldea calquera, utilizando como exemplo a súa, Lires.

E así o conta ela na autobiografía publicada na Biblioteca Virtual Galega
"No Concello de Cee hai unha aldea que se chama Lires. En Lires está a ría máis pequena de Galicia, que coa marea baixa desaparece; é unha ría con maxia. Antes da ría hai un cruceiro e preto do cruceiro está a miña casa onde nacín o 19 de xuño de 1950".

Unha terra e unha autora!
Sampedro, Pilar
Sampedro, Pilar


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES