Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Aquel zoqueiro (19)

martes, 22 de junio de 2021
.../...

Volvendo ao noso Zoqueiro, e seguindo coa explicación ou historia dos oficios, referiume que a gran dificultade, a gran pexa do seu, estribaba en baleira-las zocas, en facer unha escultura inversa do pé, para darlle a forma, o axeitamento debido, co doado que era aquilo de calzarse unhas abarcas, uns simples coiros envoltos ao pé e atados por sobre da empeña, co reforzo dunhas tiras que abranguesen a perna por riba dos calcañares. Ao seu entender, primeiro foron os zocos, e despois as zocas, culminando nesa cousa, nese invento de trípode que son as "al madreñas", ¡outro invento dos mouros para librarse da humidade nórdica, inspiradas nos estrobos dos seus cabalos, que iso de meter unha zapatilla en lugar dunhas pallas dentro da zoca, iso foi un regusto de xente sibarita, alambicada!

Naquel punto da conversa o Tío Xosé colleu unha trade e fíxome notar a diferenza operativa entre o trade dos carpinteiros e maila trade dos zoqueiros:

-Aquí o feminino está ben claro, pois mentres o trade se contenta con furar, con avanzar, ao besta, tal que fai o porco de Cas Balado, a trade parécese á cocha da cría, que se abre canto pode con tal de facerlle sito ao furador…

Dito así, "ao besta", bruto resultaba, pero eu entendino ao dereito, que martelar aquel par de aspas cóncavo - convexas da trade, por moi axeitada que fose a bigornia, eliminando, de paso, e case que completo, o remate parafúsico, de berbequí, que só lle serve a esta ferramenta de punto de apoio, non é cousa doada de facer, de expandir, de equilibrar con simetría, nin sequera para os mellores ferreiros.

-O legre, ou alegre, ou legras, que da súa función tiraron os médicos iso do "legrado"..., foi un acerto máis livián suposto que as covas, imperfectas pero amplas, da trade, requirían un instrumental subseguinte que alisase as costuras, as imperfeccións internas; como digo, no baleiro da zoca!
Aquel zoqueiro (19)
-¡Coño! ¿Así que os médicos aprenderon de nós, dos zoqueiros, iso que lles fan ás mulleres, a algunhas?

O tío Xosé tomoume a mal aquela expresión tan vulgar, pero tan vulgarizada entón, así que me reprendeu con acritude:

-¡Rapaz, modérate, que os xuramentos e mailas obscenidades son cousa exclusiva dos arrieiros; en definitiva, dos carreteiros, que por algo traballan e conviven coas bestas! Un zoqueiro traballa para as persoas, e domestica, incluso, a madeira, poñéndoa ao seu dispor...; ¡isto noso ten moito de sagrado!

Subíuseme o sangue ás meixelas, e fiquei máis mudo có Mudo da Veiga do Outeiro, pero aquel home tiña de psicólogo aínda máis có noso párroco, con todo ser pastor de almas e non de vacas, así que me deu unha saída honrosa:

-Chacho, estas furáchelas bastante ben, pero o malo do caso é que, coa túa lentitude, baciar dúas zoquiñas en toda a mañá, nin o xantar merece, así que, lárgate con elas á cociña, que túa avoa, que se pasa de inocente, igual che dá un aprobado..., ¡e de paso, próbaslle o caldo!

Naquel xantar tivemos un invitado sorpresa, outro tío segundo, pero da outra rama, un tal Carballeiro de Serés, que herdara pola súa muller, por María Manuela Fernández Gómez, unha fanega de trigo daquelas rendas familiares, daqueles foros de Caraño, e presentárase provisto dunha egua albardada, para propoñerlle a meu padriño que o acompañase a Caraño, de paso que cobraba as nosas... As nosas, á parte dalgún carto, ¡un par de pesos!, eran cousa de catro fanegas, entre trigo e centeo, pois os capóns xa nolos redimiran por mediación dun tal Luna, que viñera no pasado verán facendo de home bo..., ¡bo para o seu cliente, para o foreiro pagador! Meu pai chegou a saber que o tal Luna lle papara de honorarios ao seu veciño máis do que nos pagou pola propia redención, por non face-la súa proposta directamente, pero a xente é así, ¡líbranse dun señor para meterse na vasalaxe doutro! Aquela maldición xitana de, "¡Que teñas preitos e que os ganes!", tamén operaba entre nós, e iso que non éramos cíngaros.

Aquelas fanegas daban moito de si, que eran pola medida de Meira; ¡por tanto, ferrados de frade! Procedían da herdanza dun antepasado, daqueles fidalgos Gómez de Neira, da Olga, e ao casar cunha rapaza da casa do Pacio (pazo) de Bergland construíron a que logo sería Casa de Gómez, segundo queda dito.

-Corre présa ir polo froito, -manifestou o tal Carballeiro-, pois entre a pouca colleita deste ano, e logo que ese Caraño é un sitio de moita ratume...

Nin ben o dixera cando lle saltou enriba o Zoqueiro, coma un resorte, agarrándoo polas súas lapelas de pana raiada, máis sucias que unhas zocas. E menos mal que estaba a mesa de levante por medio, pero aínda así unha daquelas cuncas de barro, das de Bonxe, ben vidradas por certo, fíxose anacos, quedando por sobre da mesa os cachelos, pois o leite que contiña baixoulle en liña recta ao propio Carballeiro, á súa petrina. Tatexou:

-¿Que lle pasa, que ataque lle deu..., ou faltei en algo?

O "artista" que nones, que non lle soltaba os colares. E miña madriña desencaixada:

-Señor Xosé, teña en conta que a ignorancia é unha eximente... E logo que aquí o noso parente descoñece que vostede é de Caraño. Non é ningunha deshonra que haxa ratos en Caraño, pois, de coñecelo, se o quixese ofender, falaría dos raposos, que teño entendido que ese alcume lles dan, tal que o de cucos aos de Gondel, ou Puchos aos de aquí, aos de Montecubeiro…

Por fin retirouse o Zoqueiro, e incluso se desculpou:

-¡Como lle chaman "ratume" aos ladróns..., eu entendín que era para que non lles roubasen esas rendas..., que cobralas si que é latrocinio, pois veñen de certos abusos das Casas Grandes!

Terzou meu avó:

-Os foros van camiño de ser redimidos, pero no seu momento, no inicial, os propios aforados facían por conseguilos..., ¡que así tiveron terras de seu para traballar! Son pasos da Historia, que mellor lles era pagar un foro que vivir de escravos dos propietarios da terra...!

Aínda con iso alegou o Zoqueiro:
-¡Admitido! Pero, ¿como puido darse esa acumulación de terras nos..., nos primeiros?

-Querido tocaio, a miña sabenza a tan lonxe non chega... ¡Iso preguntarémosllo a San Pedro, que se ten as chaves do Ceo, tamén lle darían os ferrollos da Historia!
-.-


Foros, subforos, censos, enfiteuses, diezmos, e demais trangalladas da propiedade rural.- Para entender algo máis daqueles arcanos, en particular aquilo das rendas de Caraño, tiven que agardar ao domingo, que veu meu pai da súa escola en Pousadela, pois estoutros monitores diso pouco máis sabían có resto da parroquia. Parece mentira que un asunto tan importante, que incluso custou vidas, emigracións, e Deus sabe cantas desgrazas, fose tan ignorado en canto á súa orixe e ás súas motivacións. Ben dicía meu avó que o burro leva a albarda pero non a sinte..., ¡porque non especula! O de meu pai era distinto, que como escaseaba o diñeiro para empregalo en avogados, el, por ben menos, fíxose cuns cantos libros que trataban do tema, en particular das normas lexislativas que foran saíndo ao respecto, así que aqueles coñecementos servíronlle para negociar e para asesorar unhas cantas redencións.

De Caraño viñera o pai dun tal Phelipe Gómez Piñeira, ¡con D. de Fidalgo, que por algo o era, "fillo d'algo"!, que aí tiñamos a procedencia daqueles foros herdados. A casa de orixe, a da Olga, que nalgún documento a teño visto cun "H", conservou dúas troneiras frontais, desas de cruza-los fogos defensivos; ¡todo un detalle, complementario dos seus escudos! En canto á súa fincabilidade, ocorreu que os servos cansaron de selo, e a Casa de controlalos directamente, así que, uns e outros, inventaron aquel sistema de asignarlles as leiras, decruadas ou non, alugándollelas en especie manducable, e por excepción, en diñeiro. Os contratos adoitaban facerse por vida de tres Reis, que non era moito, xa que aqueles monarcas, entre as súas endogamias dexenerativas, as xoldas, os piollos patos, consecuencia de tanta promiscuidade e de tanta afección pola muller do próximo, as ceas pantagruélicas, etcétera., no tardaban moito en irse, en que os levasen para debaixo das súas laudas gloriosas.

Os foros concertáronse maiormente en especie, ¡en especie vendible!, que así os vasalos, obrigados a entregar unha renda fixa, fose mal ano ou bo, dobraban os cadrís ata rega-la terra coa suor da propia fronte. ¿Que lles sobraba aos señores o trigo, o centeo, os capóns, as troitas...? ¡Despois da súa mantenza parasitaria, ademais de vender podían pagar, e pagaban en especie, aos canteiros e demais artesáns das súas obras suntuosas e/ou defensivas! ¿Que o señor se ía tras da Corte, fuxindo das cortes labregas, ou que a Xefatura daqueles frades se establecía en Valladolid? Nese caso igual de doado, que xa proverían os mordomos correspondentes; iso si, detraendo unha raspiñada considerable, ¡que así acabaron, que así lograron, certos lacaios, certos burgueses, pasarlles diante aos seus administrados!

O sistema foral, neste país, foise erosionando tardiamente, a finais do século XIX, acelerándose a súa caída en torno ao ano 1920, de tal xeito que, no 26, cando se promulgou aquela famosa Lei de Redención de Foros, un acerto, ¡obrigado polas circunstancias!, de Primo de Rivera, esa figura xa estaba liquidándose; os Rexistradores da Propiedade calcularon que nesta provincia de Lugo xa caeran os foros, as rendas censadas, por debaixo dos dous millóns de pesetas. ¡Das de entón, por suposto! Aqueles de Caraño pactaron cos meus a redención das súas a mediados dos anos corenta, do século XX. En xeral, as redencións efectuáronse con cartos vidos de Cuba e da Arxentina, pouco a pouco, que por entón os xiros máximos, habituais, aquelas "letras", non pasaban das 500 pesetas por unidade de xiro, ¡que era un capital para as posibilidades dun emigrante!

A Compilación antedita, no seu artigo 3º, definiu perfectamente as figuras forais: El foro confiere al foratario o forero el dominio de determinados bienes inmuebles fructíferos, con la obligación de conservarlos y mejorarlos y, ademas, la de pagar al aforante o forista cierta pensión anual y otras prestaciones, en reconocimiento del derecho real que éste conserva en la transmisión realizada...

¿Terrible, non si? ¡Pois aínda foron peores aqueles préstamos documentados baixo a falacia de, "Vendas con pacto de retro"; as vacas postas "en cabana"; o reparto caciquil dos "Consumos", e un longo etcétera que, dito así, todo xunto, faría tremer ao lector inxenuo, a todo aquel que siga emperrándose en que, "cualquier tiempo pasado fue mejor"!

As vendas con pacto de "retro" foron terribles na nosa bisbarra porque os prestamistas, dos que aínda queda algún fillo de..., ¡deles!, adoitaban escondérselles aos debedores cando se achegaban a paga-lo acordado, e así andaban, fuxidos, ata que pasase a data límite fixada de antemán para a recuperación da finca. Os debedores, na súa ignorancia, non acudían, non sabían acudir, a un Xulgado para depositarlle ao acredor, en tempo e forma, a cantidade estipulada, co cal... ¡retro! Cando alguén tiña apuro de cartos, tal que para pagarlles a pasaxe aos fillos emigrantes, ou despachar herdeiros, e non llos emprestaban os parentes ou os veciños, fose por non fiarse del ou polo seu importe, o apurado non tiña máis remedio que verse con aqueles fulanos, que chamaban "burgueses", que lle prestaban, ou facían que lle conseguían, a cantidade, por elevada que fose, pero na escritura non poñían "préstamo", senón "venda" de tal ou cal finca, ou incluso de toda a casaría, en X pesetas, realmente x + i, coa condición de que se o "vendedor", que así lle chamaban aos prestatarios, ¡sen intereses, aparentes, de ningunha clase!, se arrepentía da venda nun prazo que andaba entre catro e dez anos, e que era improrrogable, con só devolver ao prestamista, posto como comprador, aquela cantidade..., ¡a posta no documento!, a venda quedaba anulada, retraída, retroactiva... ¿Enxeñoso e pícaro, non si?

Por aqueles días do Zoqueiro aínda estaba en vigor outra artimaña, pero esta de menor contía, consistente en que o tendeiro fiaba..., ¡pero quedándose coa Cartilla do Racionamento do debedor/a! Nestes casos non facía falta esconderse, pois chegaba con estraperlar, mentres durase a demora, tódolos produtos que lle correspondesen a esta clientela. Destes casos déronse máis na capital que nas vilas, onde foron máis abondosos do que a xente pensaba e oía.
.../...
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES