Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Personaxes medievais (VI)

miércoles, 02 de julio de 2008
Personaxes medievais das Terras de Pallares (VI)

MUNIO FERNÁNDEZ DE RODEIRO

Fillo de Fernando Muñiz e de Tareixa Rodríguez, era neto do conde Munio Fernández, da familia fundadora do mosteiro de Ferreira de Pallares. Estivo casado en primeiras nupcias con Constanza Martínez, sendo pais de Tareixa Muñoz. Unha vez viúvo, contraeu matrimonio con Maior Afonso, filla de Afonso Suárez, a quen doou quince casais en 1253. Con esta segunda esposa tivo varios fillos e fillas, como se le no seu testamento: “et fasso herees de toda mia boa, asi do que agora ey, como do que ouer des aqui en deante os fillos et as fillas que ey de Mayor Afonsi” (AHN, Clero, Lugo, Ferreira de Pallares, 1089/18).

Este militar, vasalo do rei, foi un importante magnate do século XIII, ocupando diferentes cargos concedidos pola realeza entre os anos 1214 e 1255. En 1229, xuntamente co seu irmán Rodrigo, aparece gobernando o territorio de Pallares como tenente, cargo no que o volvemos atopar en 1233, 1238, 1254 e 1255. Como tenente de Camba consta en diversos pergameos de Oseira entre 1228 e 1261, e da antiga xurisdición ourensá de Orcellón figura entre 1237 e 1260.

Entre 1239 e 1252 achámolo desempeñando o cargo de meiriño maior de Galicia en varios diplomas, un antigo xuíz con ampla potestade e que tamén era nomeado directamente polo rei. Igualmente, polas mesmas datas, ocupou o posto de prestameiro de Pallares, e en 1260 tamén o de Ourol e Mougán. En 1248 tiña o dereito de comendeiro no mosteiro de Ferreira de Pallares.

Ademais de herdos familiares, adquiriu unha importante cantidade de bens, case todos a través de compras e algún troco. En 1259 realiza un acordo notarial coa súa muller, Maior Afonso, para o reparto, post mórtem, de diversas herdades situadas nas terras de Monterroso (Arada, San Breixo, San Miguel de Penas) entre os seus fillos (AHN, Clero, Lugo, Ferreira de Pallares, 1088/17).

O último documento relacionado con el é o seu testamento, realizado en abril de 1261, por mor de marcharse a loitar polo rei Afonso X ás terras de Sevilla. Nel, envía o seu corpo á súa capela do mosteiro de Ferreira, co seu mulo, sabas, un vaso de prata pola súa alma, ou cen soldos se non o houbese, e un cáliz para a capela. Así mesmo, manda á súa esposa que constrúa a igrexa de Santa María de Arada. O legado do benfeitor inclúe importantes doazóns monetarias a diferentes cenobios: Vilar de Donas, Oseira, Dormeá; hospitais: Portomarín e Lugo; igrexas: Bóveda, San Martiño dos Condes, Santa María de Negral, Santa María de Mougán, San Salvador de Insua, San Breixo, Santa María de Arada,... e noventa soldos para a ponte de Abres (AHN, Clero, Lugo, Ferreira de Pallares, 1089/18).
Vázquez García, Carlos
Vázquez García, Carlos


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES