Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A reconciliación de Lucía

miércoles, 02 de julio de 2008
Vaste a reconciliar, Lucía. Neste mes de xuño, coma outras nenas e nenos da tua mesma idade, vas recibir a primeira hostia consagrada, o corpo e o sangue de Cristo, segundo o rito da igrexa católica. Fíxate que grande importancia ten o teu día que é coma se foras unha dos apóstolos da última cea. Iso creo eu, que ó peor o que digo e case un pecado de ignorancia. Confesarei, se peco, co Padre Mato (don Xesús Mato) e direille que escribín isto con boa fe. ¿E verei como resolve!.

Ao que ía, Lucía. Sei que estás nervosa, ilusionada, leda e nun mar de alegrías. Vai ser un día especialísimo, que non esquecerás, seguramente. Eres, creo eu, como unha noiva pequena que comulga co deus que ti queres, co deus do amor; co deus da vida.
Para que vexas como cambian os tempos, cóntoche.

Os nenos de hai corenta ou cincuenta anos, tiñan moitísimos medos; tremendos, si; apabullantes: ¿serei quén de non tocar cos dentes?, ¿quedaríame algunha cousiña por dicir?, ¿irei ao inferno negro polo esquecido?. Eran moitos os interrogantes, tantos, tantos, que case se convertía o día nun problema irresolúbel.

Polo de hoxe xa non é así, de maneira que, Lucía, como ben sabes, o teu día da reconciliación será completo e feliz. Así o pido, se o meu pedido chega e se recolle, e así cho desexo.

Non me quero meter noutras literaturas porque sei pouco, e o pouco que sei está bastante baldeiro de consistencia doctrial.

Por outra parte, Lucía, ti sabes máis da primeira comunión ca eu. Polo tanto, pecho esta senda na que me metín e xa non digo máis. Canto máis escriba máis pecarei e non sei se o Padre Mato vai poder con tanta pecadenta recepción.

A todas as nenas e nenos de primeira comunión, a ti, especialmente, un regalo sinxelo, humilde, pero garimoso. Este:

O CANTAR DO LAGARTO
(A Lucía Pardo e a todas as nenas e nenos de primeira comunión)

O lagarto grande,
ó sol no penedo,
canta moi quediño
un cantar de nenos.

Son verde lagarto,
lagarto verdeiro.
Para verte, nena,
poreime en primeiro.

Vereite bonita,
noiva da promesa.
Tan linda e preciosa,
tan guapa e dereita.

Cantarán alondras,
cantarán á fresca.
Termiño a termiño,
os santos da igrexa.

Eu, lagarto verde,
do Muíño do Rato.
Porei meu peteiro
xunto aos teus zapatos.

Xa os teño refrescos,
con xeo na pedra,
que me tentou Chema
na tarde da quenda.

Falarán as herbas,
prados en Roupar.
E a avóa nova
en bágoas está.

Eu, lagarto verde,
do Muíño do Rato,
cos beizos perdidos
cabo os teus zapatos.

Eu, lagarto verde,
do muíño parado,
miro como os nenos
son reconciliados.

Gzlez.Vigo, Marcial
Gzlez.Vigo, Marcial


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES