Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Indulto

viernes, 18 de junio de 2021
O concepto de INDULTO ocupa un lugar de privilexio nos faladoiros do noso país. Nada mellor puido encontrar o Goberno Central para distraer aos cidadáns dos problemas que tan maxistralmente crean os nosos gobernantes. E neste caso, deixando caer a conveniencia de concedelo aos políticos independentistas cataláns en prisión polos delitos de sedición e malversación, ven a ser unha suposta astucia máis dos asesores, que xa non cola a un pobo cansado deste modo operandi, aínda que entusiasme a grea de gregarios/as.

Nun estado de dereito, democrático, cando menos eticamente, o indulto ven a ser un odioso privilexio e unha descualificación para as lexítimas institucións xudiciais, e, conseguintemente, unha contradición no mesmo seo das institucións que constitúen ese estado de dereito. Porque, sinxelamente, se hai razóns para corrixir as consecuencias inxustas das sentencias dos tribunais de xustiza, algo está fallando, e non me veñan co manido argumento de que incluso as leis boas, perfectas e xustas, poden ser defectuosas na súa aplicación a certos casos particulares que están circunstanciados con eventos que non existían no momento da súa publicación. Creo que aquí pode preguntarse se non é posible introducir as necesarias modificacións para actualizalas. En caso contrario, o estado non sería democrático, nin de dereito.

Pero renunciemos a esta argumentación e ateñámonos a España. Cando menos, prescindindo da definición xurídica, etimoloxicamente, o indulto (indu=non; urgeo=impeler, urxir), ven a ser un recurso que se utiliza para corrixir e suspender a pena imposta a un delincuente, entre outras razóns que se sinalan no art. 25 da Lei de Indulto, de 1.870, e o art. 11 da de 1.988, no que modifica ao anterior, é preciso que se constaten probas e indicios suficientes que acrediten o arrepentimento do penado, quen debe renunciar expresamente o emprego de vías ilegais PARA A CONSECUCIÓN DOS SEUS OBXECTIVOS POLÍTICOS. Ignoro a doutrina marcada pola xurisprudencia; pero está moi claro o sentido de que o indulto favorece directamente ao penado e non é compatible con calquera arbitrariedade por parte de quen o concede, cuxa función non debe ser outra que a de evitar unha situación inxusta, non equitativa ou con evidente inutilidade pública, e, fundamentalmente, premiar o arrepentimento do penado.

Estes presupostos deveñen inoportunos e improcedentes onde as supremas autoridades do país non ofrezan unha confianza suficiente que garante a sagrada obrigación, irrenunciable, de defender a integridade e unidade do territorio de España, xa que os delitos polos que foron condenados os penados teñen suficiente gravidade para esixirlles con indiscutible certeza os indicios do arrepentimento, aos que fai referencia a Lei do Indulto; pero neste caso eles, polo contrario, o que parecen deixar claro é manter o "procés" co propósito de quebrantar a soberanía española, de non respectar a Constitución e, incluso, de terxiversar o mesmo proceso histórico constitutivo de España, no que sempre estivo integrada Cataluña, e non pouco coa eficacia colaboradora de ilustres cataláns.

Ademais, o indulto, aínda que favoreza directamente só os penados, parece que os españois, en gran parte, sospeitan que se trata de aportarlle amparo ao señor Presidente do Goberno, como destinatario, incluso consensual, dos beneficios indirectos do mesmo, que nada tería que ver, politicamente falando, se non se convertera o colateral en principal nunha decisión tan delicada, pouco intelixente e vergoñenta, froito de negociar a pacificación de España cos mesmos que foron condenados por inquietala, incluso sen esquecer que tampouco os presidentes anteriores tiveron escrúpulos en asfaltar o camiño que conduciu ata aquí.

Esperamos, con escasa confianza, que a Presidencia do Goberno, e este, como representantes lexítimos do interese xeral e común do país, non comprometan a propia dignidade, quebrantando a elevada responsabilidade que teñen ante o pobo soberano, e impidan ridiculizar a función pedagóxica da debida exemplaridade, indultando aos que intentaron derribar os piares nos que se asenta o poder e as competencias das que están investidos, para salvar a permanencia no posto dun moi discutido singular Presidente cos apoios, con paradoxo, dos que cuestionan os fundamentos que garanten a lexitimidade da súa mesma condición presidencial.

Ah…!. Tampouco cambia a tornas o spot do Sr. Sánchez acompañando ao Sr. Presidente dos EE.UU, porque xa non cola; nin as calculadas contestacións do Sr. Rufián aquí en Galicia, escudándose en cambios conceptuais para apoiarse nunha legalidade improcedente. Son recursos, que, sen dúbida, tamén utiliza a oposición, para suavizar os efectos da falta de confianza popular e pretender que se abraien os seguidores.

Así pois, a aplicación deste suposto indulto arrastra consigo non poucas dificultades, porque, no fondo, os indultados non só non están arrepentidos, senón que nin tan sequera van aprender a non ofender, nin van resultar eficaces para corrixir a mala educación e as actitudes infantís dos que estruturan as súas formas de racionalidade cos ingredientes da paixón, estremando a ridiculez da propia indignidade mediante unha amañada indolencia encamiñada a provocar estados de violencia. E esta parece ser a estratexia dos penados.

Aos secesionistas cataláns, o que hai que recordarlles é que están desprestixiando un pobo culto (o catalán) dotado de importantes condicións humanitarias, impulsados por un atávico anquilosamento xenético, con evidente involución. É este, precisamente, un fenómeno que empeza a espertar interese incluso no ámbito estritamente científico, porque, segundo parece, "omos cada vez máis CULTURAIS que XENÉTICOS, posto que A CULTURA AXUDA A HUMANIDADE A ADAPTARSE O ENTORNO E SUPERAR OS DESAFÍOS MÁIS RÁPIDO QUE A MESMA XENÉTICA, debido a que o enriquecemento simbólico das prácticas culturais conforma un patrimonio INTANXIBLE de difícil cuantificación, como din os investigadores. Polo tanto, o Sr. Presidente do Goberno talvez acertaría con outros métodos que excluíran ilegais e perturbadoras concesións aos que aínda seguen empeñándose en cambiar o sentido da evolución cultural, capaces de converter, e teatralizar, calquera antollo infantil, nunha irrisoria fantasía.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES