Leccións actuais do pasado
Pinto Antón, J.A. - viernes, 25 de junio de 2021
O XVII foi un século terrible. Os mellores pensadores decatáronse de que o mundo afundíase nunha longa crise. Non viron o papel relevante da natureza na centuria máis dura da Pequena Idade do Xeo. Un mundo medieval desaparecía e outro novo xurdía do frío da natureza e das cinzas de guerras interminables. Como agora, o cambio climático provocou transformacións sociais. Guerras, fames, frío abriron novos horizontes intelectuais e maneiras de pensar.
Aquel terrible XVII permitíu a Europa converterse en potencia mundial. Hoxe, o cambio climático escurecido polo coronavirus, ameaza á Humanidade. Obrigará a vivir doutra maneira nun escenario de cambios drásticos e inevitables. Daquela, e dun xeito inimaxinable para nós, apostouse pola desigualdade. A creación de grandes propiedades que se apoderaron das terras comunais expulsou a miles de labregos. Tamén agora se aposta pola desigualdade, e o cambio climático expulsa a millóns de seres humanos.
Fames, pestes, pandemias atopaban resposta na relixión, caza de bruxas, sermóns apocalípticos sobre a fin do mundo. Agora búscanse outras causas. Atemoriza a globalización brutal. A pandemia deixounos espidos.
Os mercantilistas apostaron pola globalización do comercio ou de como seguir coa guerra por un medio máis barato. A expansión europea e as carísimas guerras xa non se podían soster con impostos e unha agricultura arruinada. Buscaron fóra a plata americana, as carísimas especias, o cereal do leste que alimentaba aos exércitos. Plata, especias e cereal arrincados da suor dos escravos.
No XVII unha eclosión intelectual transformaría Europa: Descartes, Kepler, Newton, Locke, Bacon, Spinoza, Hobbes, Galileo, Rembrandt, Shakespeare, Cervantes, Brueghel. A carón deles, que apostaron pola racionalidade, proliferaban magos, alquimistas, iluminados, astrólogos. Hoxe, a ciencia, a revolución informática e biomédica chega a límites inimaxinables. E tamén menudean xicofantes, antivacinas, fake news e negacionistas do cambio climático. Algúns, en postos de altísimo poder.
A Pequena Idade do Xeo provocou cambios estructurais nas sociedades. A cidade ampliou horizontes intelectuais e prosperou a filosofía e o pensamento racional. Reforma e Contrarreforma crearon escolas. A educación demostrou ser 'perigosa' e os libros, semente transformadora. Á hora de botar as culpas das calamidades, os sospeitosos habituais: xudeus e bruxas. Agora temos os nosos: estranxeiros, inmigrantes. O XVII pechou o mundo medieval e abríu as portas á modernidade. Hoxe estamos nos bordos dunha nova época e ata dunha era xeolóxica inédita, o Antropoceno. Daquela, enfrontáronse desde as forzas da razón ao lado escuro. Agora sabemos máis: todo está entretecido. Mentres tratamos de aprender as duras leccións do pasado.

Pinto Antón, J.A.
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora