Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

En Auschwitz non había libros

viernes, 18 de junio de 2021
Sucedeu en maio de 1933. Na berlinesa Praza da Ópera, centos de saúdos nazis contemplan con abraio as lapas da fogueira onde arden libros 'subversivos'. Só catro meses despois de que un pillabán asasino chegara ao poder na chancelería de Alemaña. Para vergonza do país máis culto de Europa. Para noxo da Humanidade. E iso que o poeta Heinrich Heine tiña ben avisado que "alí onde queiman libros, ao final acaban queimando xente".

O noso Manuel Rivas di que os libros arden mal. Tamén arden mal os corpos. Atrancos que non frearía o entusiasmo técnico da barbarie nazi polo lume. A así convertíronse en fume, bruídos e cinza os libros de Freud, Marx e outros representantes da 'decadencia moral'. As fogueiras de libros nas universidades alemanas foron o anticipo premonitorio das cámaras de gas nos campos de concentración para se desfacer de seres humanos 'decadentes': comunistas, homosexuais, discapacitados, xitanos. E xudeus.

As lapas, faíscas e cinzas dos libros incendiaron de indignación Europa. Pero a indignación é fogueira que arde ben e dura pouco. Tan pouco que o pastor luterano Martin Niemöller escribira uns versos, popularizados por Bertolt Brecht, para denunciar a covardía dos intelectuais alemáns. "Viñeron polos socialistas / e non dixen nada / porque non era socialista...". Os versos van percorrendo categorías de xente prescindible, sindicalistas, xitanos, xudeus. "...logo viñeron por min / pero ninguén quedaba / que falara por min". ¿Denunciaría hoxe o crego luterano a mesma covardía? Este 27 de xaneiro cumplíronse 75 anos da liberación do campo de exterminio nazi na Polonia ocupada durante a carnicería da 2ª Guerra Mundial. Auschwitz é hoxe símbolo do Holocausto. Nese memorial da maldade humana arderon 1.100.000 seres humanos. O feito de ser un lugar moi visitado non pode convertelo nun museo de turismo negro que banalice o abismo de perversión e a inimaxinable magnitude do xenocidio.

Daquel nazismo que pensamos enterrado para sempre, brutal, primitivo e ao final tan eficiente, non poden agromar os neofascismos hoxe, coa súa carga de xenofobia, odio e racismo. Nin retornar ás ideoloxías excluíntes de nacionalismos identitarios, supremacismos raciais, credos enfrontados, a banalidade do mal da que alertaba Hannah Arendt, filósofa alemana de orixe xudea. Daquela bota nazi aos berros de odio dos populismos ultras. Coa súa pretensión totalitaria do monopolio moral da representación do pobo. Con tanto frío no motor oxidado de piedade que é o corazón. Con tantas concertinas no cerebro onde as certezas expulsan as dúbidas.

Para eles, un libro da memoria inmaterial, esta sí, gravada a lume na mellor conciencia da Humanidade. Titúlase: "Auschwitz-Birkenau, campo alemán de concentración e exterminio. 1940-1945".
Pinto Antón, J.A.
Pinto Antón, J.A.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania