Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

'A Néboa é un Trasmallo'

viernes, 18 de junio de 2021
A POESÍA EN GALEGO DE FRANCISCO DE FIENTOSA

"A néboa é un trasmallo
para pesca-lo paisaxe:
Alpendres e xuvencas
rásganse nil o traxe".

Neste pequeno poema de Francisco Vega Ceide (Francisco de Fientosa), volvemos á temática acuática porque o poema pretende indicarnos un momento climático, concretamente un axente atmosférico referido á néboa que tan intensamente percorre a Valuria ou Terra Chá, froito de ser unha cunca e de estar atravesada por múltiples ríos.

A néboa está concibida nun pequeno poema de catro versos de arte menor, heptasílabos, de rima consonante, neste caso; aínda que ao noso autor gústalle máis a rima asonante xa que, de todos os poemas vistos, este é un dos que riman vogais e consoantes nos versos dous e catro, quedando sen rima o primeiro e o terceiro. A estrofa é unha cuarteta, moi empregada por Paquiño de Outeiro ( - a - a ), como el firmaba na primeira época de escritor.

Diciamos que volvía coa temática acuática en canto que todo o poema está subordinado a un instrumento de pesca: o trasmallo.
Comeza o primeiro verso cunha metáfora A de B, onde A (néboa) é o termo real, o existente, e B é o termo imaxinario, grazas ao cal se pode construír a metáfora (trasmallo).
Volvemos estar diante doutra metáfora impactante, mais os parecidos son importantes,

"A néboa é un trasmallo"

A néboa semella un trasmallo pola súa forma de rede branca que nos impide ver ben o do outro lado. Coidemos que o trasmallo ten tres panos superpostos, os exteriores son de malla longa e o interior, de malla estreita pola que quedan presos os peixes e as troitas, mais aquí non é para pescar peixes, é

"para pesca-la paisaxe"

o que supón un engano, igual que burla aos peixes, o trasmallo quere tamén burlar e confundir a paisaxe mediante o embeleco dos seus fíos brancos de liño que confunden as vistas ao lonxe da paisaxe, o mesmo que fai a néboa na que
"Alpendres e xuvencas
rásganse nil o traxe".

É dicir, os alpendres e as vacas novas, que son elementos da paisaxe, "rásganse nil o traxe", como se fose unha silva do camiño que desgarra as febras dos tecidos do traxe, mais neste caso volvemos a outra metáfora na que "rasgar" non ten o valor de "rachar", máis ben sería "esganifar" por todas partes debido a que o que nos quere dicir o poeta é que o traxe que visten os alpendres e as xovencas, non se ve en consonancia co que é, senón que se ve nunha especie de "esfumato", como aparece no cadro da Gioconda, de Leonardo da Vinci, no que, polo fondo da pintura do cadro a paisaxe está como borrosa, como se houbese fume nunha fogueira, desvirtuando toda esa parte posterior e feito adrede para non ver con claridade. O mesmo ocorre con Francisco de Fientosa, onde os alpendres e as xovencas están desvirtuados pola néboa que lles rouba ás figuras parte da súa claridade e limpeza, facéndoas máis borrosas, e se a néboa chega a ser mesta e pecha, resgámonos nela o traxe.
Otero Canto, Xosé
Otero Canto, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES