
Xullo, mes de Santiago, mes da sega no vello calendario agrario, é o sétimo do ano. Os romanos déronlle este nome ao mes en lembranza de Xulio César (alcumado O Galaico por cegar nas súas campañas bélicas ata este recuncho do noroeste), entre outras cousas reformador do calendario que pasou a chamarse xuliano, vixente ata o século XVI.
Tempo de veraneo e escapadas ás praias ou ás sombras das fragas. Areais inzados de senté a torrarse ao sol. Continúan a celebrarse curros e rapas de bestas polo país adiante: en Amil, Sabucedo, na Curota, en Candaoso
Rolda de romarías e festas. Nun poema adicado a este mes, Díaz Castro, o poeta de Guitiriz escribiu:
Polos días do Carmio a festa chega ao río.
Unha música ardente ven no aire como un río
De recordos. Foguetes lonxanos can no río.
As festas son innumerables. Citemos algunhas, as máis sonadas. O oito é a Santa Isabel en Outeiro de Rei, na carballeira sombriza ao pé do Miño. U once é o San Bieito, fundador da orde benedictina (os monxes negros do ora et labora), patriarca do monacato europeo, atribuenselle poderes sanadores. Por terras pontevedresas é padroeiro de varios concellos e dedicanselle varias romarías como ben acredita o seu abondante folclore:
San Benitiño do ollo redondo
Hei de ir alá miña nai se non morro
Hei de levar unha bota de viño
E un moletiño de pan pró camiño
E de todas elas ninguna como a de ribeira do Lérez:
Se vas ao san Benitiño
Non vaias ao de Paredes
Quel hai outro máis milagreiro
No conventiño de Leres.
O dezaseis, O Carme celebrase en vilas mariñeiras: Camariñas, Sada, Marín, Vilagarcía
procesións marítimas e danza de arcos nalgunhas. Os pesqueiros de baixura adórnanse de flores e bandeiras e enchen as cubertas de parroquianos a acompañar a Virxe polo mar. Ven logo a Santa Mariña, disque avogosa dos sordos e do pan ben feito, festexada na parroquia noiesa de Obre, en Teo, As Neves, Xinzo, Cambados
Aínda que o seu santuario é nas Augas Santas, perto de Allariz, venerada onde os antigos adoraan as ninfas da auga, e onde o pobo recompuso as estaxes do seu martirio.
O vintecinco é o Santiago, día mayor de Galicia, día nacional ou da patria galega. Festa rachada e manifestacións cívicas en Compostela. Festa tamén en ducias de parroquias: Padrón, O Burgo, Lesa, Cereixo, Ois, Ameixenda, Franza, Adragonte
Remata o mes co San Pantalión e a Santa Marta de Betania (irmá daquel Lázaro volto á vida), celebrada na vila de Ortigueira, na parroquia bergondesa de Babío, un dos grandes outeiros mariñáns, e en Ribarteme, a onde se ofrecen os que estiveron en perigo de morte e acoden á procesión das mortallas, se atopan caro que os leven, nun cadaleito a medida.
Agardemos tempo soleado e caluroso, aínda con néboas de mañanciña. De auga nin gota, para facer bo o dito Polo San Bieito, rega a eito. Que o calor non nos deixe, para que polo Santiago comence na viña a pintar o bago.