Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Aparta a vista

martes, 15 de junio de 2021
A chamada cota de pantalla, o tempo que lle adicamos a atender pantallas, seque a medrar na nosa sociedade. No traballo tamén, pero sobre todo, fóra del. Mídese en horas e moitas veces sobrepasa á cota de tempo que adicamos ós nosos amigos sen estar mirando á pantalla. En tempos, podíase falar de cota de pantalla noutro sentido, que daba a porcentaxe de tempo que a xente pasaba na diante da televisión engulindo contidos dunha ou outra canle. Hoxe, aínda que o 'share' siga tendo un certo pulo para amosar a popularidade dunha ou outra cadea ou programa, a cousa é moito máis complicada pola proliferación de pantallas de todo tipo, con todo tipo de contidos. Por suposto, hai que incluír o consumo de redes sociais, pois literalmente temos caído nesas redes despois de axudar a tecelas no que nos parecía unha raiola de vontade propia. Iso nos parecía, vontade propia.

Coido que o poñer fronte a nós un ou outro contido é algo que nos incumbe e no que podemos exercitar a nosa capacidade de elección voluntaria. Coido que si, pero tamén que cada vez é máis difícil o facelo: a enaxenación da propia vontade (é dicir, o quitárnola), ou a alienación (e dicir, o traslado desa capacidade a alguén alleo) intentadas de xeito constante por diversos medios, fan que pouco a pouco, pero cada vez máis, non sexamos conscientes desa perda de vontade ó tempo que nos é arrebatada.

Xa non se trata (non só), á antiga usanza, de que quen pon a noticia diante de nós está dirixindo a nosa atención e polo tanto, ten camiño feito para tentar levarnos por un ou outro carreiro (‘quen pon a pregunta dirixe a unha resposta’), sexa mercadotecnia comercial ou electoral. Á vista da tv moitas veces é difícil pensar noutra cousa que non sexa relacionada co que estás a ver, aínda que ese pensamento se centre en algo como 'que noxo de programa'. Pensas por ti mesmo, pero están a dirixir a túa atención con algún obxectivo, aínda que só sexa nunha primeira capa o procurar que te sintas divertir. E ese dirixir a atención predispón o pensamento. O teu. Así, quen é capaz de poñer as cousas no candeleiro, sexan as novas diarias no xornal ou nos noticieiros da televisión cun nesgo de noticias sobre un país ou un feito, ou a serie onde -mira que casualidade- os protagonistas teñen no baixo do seu edificio unha franquicia dunha cadea coñecida, ou o programa de comentarios culebrón machacón subxectivo onde non importan feitos ou razoamentos senón o coller unha idea e defendela fronte ó que sexa e como sexa... ten moito camiño adiantado para conseguir que o resultado ó que chegas pensando coa infraestrutura mental que te proporcionan sexa... a visión dende esa infraestrutura. Algo coñecido e non raro neste tempo. Pero algo que está xa obsoleto.

Agora trátase de facerte partícipe da propia defensa do que está a encadear as túas ideas. E é que, se logran que defendas unha idea unha vez, unha, queda como túa, ti mesmo a etiquetas como algo a defender. E é difícil cambiar para atacala, ou ter sinxelamente unha visión clara, se dende o primeiro momento a defendes sen pensar. E iso por moito que cha meteran de xeito inconsciente. E unha e outra vez... Sempre houbo algo diso, pero dende a ubicuidade das pantallas, e xa se sabe, ‘unha imaxe vale máis que mil palabras’, e a rapidez das comunicacións e a ‘resposta automática, sen pensar’, moito máis.

Mellor, aparta a vista da pantalla...
Gregorio Montes, Antonio
Gregorio Montes, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES