Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Unha reflexión ao redor dos premios Follas Novas

martes, 15 de junio de 2021
Estes días nos que ao redor das Letras Galegas se suceden unha serie de iniciativas, todas elas de grande interese para o país, son momentos que nos obrigan a repensar o noso lugar no mundo, que nos moven a introducirnos na vida e obra da persoa á que se dedican as Letras e afondar no seu papel en defensa da lingua.

Dicía Xela Arias que escribir pode ser, de por si, un acto revolucionario, pero facelo en galego (cultura minorizada e devaluada) si, é unha revolución sempre.

Un traballo de resistencia, unha heroicidade porque escritores e escritoras traballan cunha lingua que é a nosa (pero acerca da que hai que andar a dar explicacións sempre), unha lingua con dúas propostas de normativa (que sempre complica un pouco máis a toma de decisións), unha lingua á que semella que pouca xente quere (polo menos falar e ler nela) e que é acusada de imposición e de practicar pouco a sedución (primeiro por paleta e pobre, agora por ideoloxizada, seica).

A min, falar de sedución sempre me semella unha trampa, porque me dá idea de que o que pretende seducir é porque lle faltan méritos e debe saír ao camiño a chiscar o ollo, a chamar a atención, a convidar a que se lle mire... e entendo que iso debería ser necesario fóra de Galicia pero no país de orixe só tería que ser a secas, porque é o seu lugar de nacenza e residencia, o seu lugar no mundo. Polo feito de chamarse galego debería ser defendido e apoiado pola poboación enteira e polas administracións que a representan.

Non debería haber ningún xénero de dúbidas pero vivimos no país de Nunca Xamais e non pode haber descanso, no país dos ananos que buscan a liberación a través dunha Branca de Neve que agarda polo príncipe, no país da autodestrución e temos que ver como se queiman os herdos e se perden as colleitas.

Si, dicíao Xela Arias e podemos confirmalo, na actualidade, escribir en galego pode ser un acto revolucionario aínda que non imos negar que sempre hai quen o poda perverter todo, as palabras e as prácticas.

Non só escribir é un acto de resistencia (na maior parte dos casos), tamén o é editar ou vender libros en galego. Isto sitúa as editoras e librarías, tamén no lado bo, como ben explica Camilo Franco (ese sabio que se ri de si mesmo para que non nos asustemos cando nos canta as verdades). Estas tres entidades (Asociación de Escritoras/es en Lingua Galega, Asociación Galega de Editoras e Federación de Librarías) que entregan os premios, coñecidos como Gala do Libro en convocatorias anteriores, e actualmente como Follas Novas do Libro Galego.

Por todo isto, sería necesario parabenizar non só aos libros ganadores, non só aos libros finalistas dos premios senón tamén a todos os libros publicados no 2020. Todos eles son superviventes, revolucionarios e ganadores, xa só polo feito de existir.
Sampedro, Pilar
Sampedro, Pilar


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES