Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Cirrios e abraio humano. No día mundial dos cirrios

martes, 15 de junio de 2021
Hai poucos dias que os cirrios (chamabámolos vencellos por terras de Tabeirós ou Montes sendo eu cativo) fixeron acto de presenza, riscando veloces os ceos, preto do porto de Guixar da fermosa cidade olívica. Estaba eu á espreita porque hai só algúns anos comezara por simple curiosidade e calada admiración a tomar nota da súa anual chegada onda nós tras eles se despediren da ría de Vigo a finais do verán anterior pra volveren a ceos africanos.

E xa que escribo estas liñas xustamente no día 7 de xuño, Día mundial dos cirrios, quero compartir co lector os pra min rechamantes datos (pola súa case exacta repetición anual) da súa chegada onda nós nos últimos anos.

Son estes: no ano 2017 avisteinos o 24 de maio; no seguinte, 2018, un día antes (o 23 de maio); en 2019 a chegada tivo lugar o 25 de maio; e nesta mesma data (25 de maio) chegarían tamén no ano seguinte (2020); finalmente, neste ano 2021 saudáronme ledos e lixeiros dende as alturas o 27 de maio: algún quizais me coñeza por el criar ou ser criado nunha discreta fenda da parede do edificio onde me hospedo.

Hai seguramente un secreto e cordial fío de inconscientes lembranzas que une a miña idade provecta coa dos recios tempos dos anos trinta e corenta do pasado século. Durante algún tempo coidei que só era simple fantasía miña, mais puiden logo confirmar con persoas do meu tempo a veracidade do que seguidamente comento. Os cirrios abondaban naquela época e adoitaban criar descendencia baixo as tellas da vella igrexa parroquial de Sabucedo. Os escuadróns dos voantes cirrios formábanse con frecuencia xa que logo na proximidade da igrexa, na que era tamén devota hóspede a silente curuxa.

Rapaces e mozos sabiamos (seguramente por herdada tradición) que lanzando ó aire con destreza un disco redondo de cartón ou material semellante en cuxo centro previamente faciamos un tamén redondo e axeitado burato era posíbel, con boa sorte, acadarmos poder ter vivo nas nosas mans tan admirada e abraiante ave. Esa vivencia de ter nas miñas mans a tenra e afouta ave, viva e incapaz de levantar por si soa o seu voo tras caer xunto co disco ó chan no seu frustrado e irrealizábel intento de atravesalo polo burato permanece viva en min tras moitos anos.

O cirrio estaba alí vivo e fermoso, mais non era quen de volver voar: as súas ás son excesivamente longas pra unhas patiñas tan pequechas (a denominación técnica do cirrio é por iso "apus apus", "sen pés", aínda que os teña...). Houbo que erguelo do chan e darlle impulso pra que continuase a súa feliz e imposíbel vida, mais ben envexada por nós, por máis que daquela pouco ou case nada sabiamos sobre o seu singular comportamento. Hoxe sabemos que son criaturas excepcionais, que viven e moran día e noite nos ceos, sen endexamais aterraren nesta terra nosa agás no escaso tempo que dedican a asegurar a súa descendencia. Feliz día vos desexo, admirados cirrios! Lévovos dende a miña infancia nos fondóns da alma!
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES