Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Vermos a natureza pra coñecermos a Deus

domingo, 13 de junio de 2021
A parábola de hoxe é a da semente que cae na terra. O modo de vivirmos nas grandes cidades agáchanos ou fainos esquecer non poucas veces cousas fundamentais da vida: de como nacen as patacas, os castiñeiros ou outros seres vivos. Dun gran pequerrecho e intranscendente á primeira vista sae un mundo de vida, de frondosidade, de beleza... Menos mal que nos pisos das cidades aínda podemos coidar nos balcóns ou nas terrazas unha ou varias macetas con plantas do noso gusto. E iso fainos presente, aínda que sexa a pequeno nivel, o que ocorre na natureza en grandes proporcións.

Cando eu era rapaz -nacera nunha pequena parroquia da nosa verde terra galega (non moi lonxe da do Balbino da novela de Neira Vilas)- unha das cousas que me gustaba facer, á parte de seguir niños de paxaros e apolitar nas árbores, era sementar castañas nun pequeno recipiente de lata con terra dentro e poñerme despois a esperar a que chegara o día no que os primeiros gromos do futuro castiñeiro farían acto de presenza. Coido que non tiña que ver coa Trindade divina da que falabamos hai un par de domingos, pero si que metía tres boas castañas na terra (non eran nin dúas nin máis de tres) e xa non me acorda ben se agromaban despois un, dous ou ata tres cativos aprendices de castiñeiros. Logo, cando eran xa algo grandiños, levabámolos a unha veiga ou leira, para replantalos alí. Cos anos os castiñeiros, xa bos mozos ou adultos, devolvíannos nun só ourizo, dos moitos que o castiñeiro tiña, as tres castañas das que nos desprenderamos anos antes para sementalas na terra.

Estas marabillas da natureza que Deus puxo a andar están aí simplemente diante nosa. Para que aprendamos así a vermos como é a realidade e como é tamén Deus, aínda que elas non sexan máis ca pequenos sinais, a xeito de vagalumes, para orientármonos no escuro camiño da vida.

Xesús recorre moitas veces, como ben sabemos, a este tipo de realidades da natureza para que aprendamos a comprender o seu reino, o que el chama "o Reino de Deus". É lóxico, porque o estilo de Deus, o seu modo de facer as cousas non pode ser moi distinto nun caso e noutro, quero dicir no eido natural e no que adoitamos chamar sobrenatural ou espiritual. Á fin e ó cabo, Deus é o autor común e único destas diferentes dimensións da realidade, que máis dunha vez separamos demasiado. É un estilo que sempre ten que ver co marabilloso, co inesperado, co que nos abraia. É dicir, co divino.

Xesús descríbenos de maneira moi fermosa o proceso do gran de trigo desde que se sementa na terra ata que a espiga xa está a tempo para ser recollida e para se converter logo en pan tenro e quente que nos alimenta. Ou apréndenos a ver tamén o que lle pasa ó gran de mostaza, que malia ser tan pequerrecho, é capaz de se converter logo en preferido obxectivo dos paxaros para construíren alí na primavera os seus niños.

As comparanzas de Xesús coa flora e a fauna que temos diante dos ollos, por pouco que nos debrucemos na natureza, fálannos de que Deus, o creador da realidade toda e grandioso sementador de vida, de bondade e de amor, é un sementador que non quere queimar etapas, que dá tempo ó tempo, que non exerce violencia endexamais con ninguén. O que si fai é sementar arreo e de moitos modos a súa palabra, acochándoa co seu coidado e co seu agarimo para que poida logo producir froito.

Teñen moita importancia na evolución da humanidade os bos sementadores e sementadoras. Aquelas e aqueles que coa súa palabra, co seu modo de se comportaren cos demais, van facendo coa súa vida e coa súa constancia e paciencia que outros acollan e deixen medrar en si a semente de vida recibida.

Pois ben, se pola nosa parte non nos sentimos moi satisfeitos porque non acabamos de vérmonos a nós mesmos tan bos cristiáns como desexariamos, tentemos polo menos sementar coas nosas pobres palabras e coas nosas humildes obras a frutífera palabra de Deus e as súas grandes obras e marabillas. E esperemos, teñamos paciencia, ata que agrome ó seu tempo a semente transformándose en nova e vizosa árbore, pois Deus ten os seus propios ritmos, que non teñen por que se identificar cos nosos.

Porque, á fin e ó cabo, non somos nós os verdadeiros sementadores. É sempre Deus quen, polos seus sorprendentes camiños, continúa a sementar a súa misteriosa palabra no mundo. El segue a facer sempre, xunto con nós, o traballo da súa sementeira. Nós non temos por que coñecer de antemán os froitos concretos que el quere acadar por medio de nós, na nosa época, ou por medio dos que veñan despois de nós, nunha historia que endexamais deixará de se presentar en cada tempo concreto como nova e sorprendente.
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania