Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Hoxe houbo unha gran riada (3)

viernes, 11 de junio de 2021
A POESÍA EN GALEGO DE FRANCISCO DE FIENTOSA

"HOXE HOUBO UNHA GRAN RIADA" VII


VII

Hoxe houbo unha gran riada:
as samesugas dos cómaros
botáronse sobre a agra.

Os ourizos do caneiro
fuxiron da auga ó monte:
Hoxe son toxos no vedro.

Tan grande foi a crecente,
que veu a fouce da lúa
a segar na auga corrente.

Hoxe houbo unha gran riada:
Tódalas redes pesqueiras
andan no ar pervagadas.

Redes de troitas e peixes,
redes de anguilas e oucas;
hoxe unha gran riada,
¡ai, as zoquiñas das dornas!

SEGUNDA PARTE
Se na primeira parte a riada xeraba tres conceptos: samesugas, ourizos e fouce de lúa; a segunda parte tan só xera unha, as redes.

CUARTA TERCERILLA
"Hoxe houbo unha gran riada:
Tódalas redes pesqueiras
andan na ar pervagadas".

Comeza a segunda parte coa repetición paralelística coa que principia o poema:
"Hoxe houbo unha gran riada"

para despois continuar con que

"Tódalas redes pesqueiras
andan no ar pervagadas".

Onde "pervagar" en portugués é camiñar sen rumbo ou vagar sen destino certo, mais en galego, pensamos que é moverse polo aire, tal e como nos di o autor noutra metáfora, tamén impactante e referida á corrente do río que levou as redes para os prados e para as fincas, aínda que podería ser, incluso, que algunha aparecese entre os salgueiros da beira do río, sendo así que, neste caso, andaría “pervagada” mais tamén pode estar referido á presenza dun día de néboa.

CUARTETA
Remata o poema cunha estrofa distinta, unha cuarteta asonantada, que vén a ser a ampliación da última tercerilla e, por suposto, do contido desta última, referido ás redes.

"Redes de troitas e peixes,
redes de anguilas e oucas;
hoxe unha gran riada,
¡ai, as zoquiñas das dornas!"

As redes para troitas e peixes serían os chamados trasmallos, que eran feitos de liño con cortizas na parte superior e con chumbos ou pedras na inferior, os trasmallos tiñan unhas bolsas onde enmarañaban as troitas e os peixes, pero tamén había redes para as anguías feitas de arame, parecido aos arames conque se pechaban as galiñas no galiñeiro, mais con furados máis pequenos para que non escapasen as anguías e polos que, ás veces, entraban as oucas.
Por que remata o poema con este verso?

"¡ai, as zoquiñas das dornas!"

A F. de Fientosa, sabemos que o mundo do mar e da auga era algo que o fascinaba e moi a miúdo xunguía, como xa vimos, o universo mariño co universo labrego. Este derradeiro verso, supón, tamén, outra metáfora moi atrevida, pero preciosa, comparando as zocas coas dornas na súa forma exterior e doéndose das zocas que andarían polo mollado e pola riada e, ao mesmo tempo, tráenos o recordo das dornas ou embarcacións mariñeiras empregadas polos galegos e algo evolucionadas desde a noite dos tempos.
Otero Canto, Xosé
Otero Canto, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES