Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Gala do Libro ou Follas Novas

jueves, 10 de junio de 2021
Gala do Libro ou Follas Novas Este ano, a Gala do Libro pasou a chamarse Premio Follas Novas e o nome semella ben acaído: Follas Novas, obras novas, libros publicados no 2020.

Son quince as modalidades deste premio, que nunca son suficientes, pero que se van ampliando conforme pasan os anos e se ve a necesidade de diferenciar determinados xéneros.

Neste caso foron as seguintes:

Ensaio e investigación, na que resultou ganadora Aurora Marco con Irmandiñas, un volume no que se recolle xustamente unha investigación que fai visibles as mulleres das Irmandades da Fala, esa época na que espertou o país para mostrar o mellor que tiña. Aurora Marco é unha muller a ter en conta polo moito que traballa a favor de causas xustas como a da muller e a memoria histórica.

Divulgación, na que resultou ganadora Unha mente que voa de Xurxo Mariño, que xa acadara este galardón hai tres anos con Terra. Ciencia, aventuras e sorpresas dunha viaxe arredor do mundo.

Narrativa, foi para Suso de Toro pola novela Un home elegante. A biografía novelada de Ramón Baltar e arredor del a súa casa; unha familia de médicos de Santiago que, ao sernos presentada, tamén elabora dalgunha maneira a memoria dese ámbito sanitario na Compostela do século XX.

Infantil, recaeu no poemario Mar de mazá de Elvira Riveiro. Un monllo de poemas nos que a autora recolle todo o seu imaxinario arredor do mar, as referencias e emocións que este lle esperta. Un tema que xa tratara en As redes de Inés.

Xuvenil, foille outorgado a O mal querer de Natalia Carou que resultara ganadora con anterioridade no premio Vilar Ponte. Unha novela con protagonista adolescente no que problemáticas como o acoso, a violencia de xénero, o maltrato infantil se fan presentes

Libro ilustrado, foi para Contrahistorias de Galicia de Antonio Reigosa ilustrado por Rita Gutiérrez. Este libro que, segundo o seu autor, son as outras historias, a cara B, o lado escuro e encuberto do noso pasado.

Banda deseñada, recaeu en O derradeiro libro de Emma Olsen de Pablo Prado baseado na novela de Berta Dávila, do mesmo título. Esta obra, igual que a novela orixinal está publicada por Galaxia.

Iniciativa bibliográfica, para a colección "Pequena memoria histórica" dirixida por Eva Mejuto que comezou con A lavandeira de San Simón, ilustrada por Bea Gregores. Unha historia que se sitúa na illa de San Simón no tempo en que esta era campo de concentración de republicanos.

Obra traducida, para A nosa negra de María Reimóndez. Un traballo que a tradutora definiu como anticolonial e feminista.

Libro de poesía, para A desvértebra de Ana Romaní. Unha poeta e académica, de obra repousada, que levaba dez anos sen publicar e que agora o fai da man da editora de Antón Lopo: Chan da pólvora.

Libro de teatro, para Só un home bo de Raúl Dans, publicado por Edicións Positivas. Unha historia de abusos, secuestros, desaparicións... con final sorprendente e moi na liña teatral.

Libro mellor editado, para Nós-outras con poemas de Marica Campo e ilustracións de Menchu Lamas, publicado por Chan da pólvora. Unha obra de moita calidade na que se xunta unha boa poeta e unha artista recoñecida na arte contemporánea.

Iniciativa cultural ou de fomento da lectura, foi para o Salón do Libro de Pontevedra cos seus máis de vinte anos construíndo lectores e lectoras, adaptándose aos problemas que xorden en cada momento (converténdose en virtual o pasado ano ou celebrándose maioritariamente ao aire libre nesta convocatoria) e internacionalizándose.

Proxecto literario na rede, para a páxina Galicia encantada, a enciclopedia da fantasía tradicional de Galicia. Un proxecto con máis dunha década de funcionamento que é mantida por Reigosa coas achegas de quen se participa e o seu bo facer.

Traxectoria en xornalismo cultural para Montse Dopico por todos estes anos de traballo en profundidade en diferentes medios (El País, Magazine Cultural Galego, Praza Pública...).

Houbo modalidades que se foron subdividindo como Ensaio e investigación da que se desgaxou ivulgación, Infantil e Xuvenil que se separaron ou creando algunha nova como a de Banda deseñada que apareceu hai tres anos recollendo -dentro do seu abano- tamén o humor gráfico.

Nesta ocasión, recuperouse a presencialidade do acto (con retransmisión) aínda que con todas as medidas de seguridade, despois de que o ano pasado tiveran que facela virtual. Foi conducida por Quico Cadaval coa participación do cuarteto de saxofóns da Banda Municipal de Música de Santiago.

Como nas edicións anteriores, cada unha das asociacións entregou un premio, a AELG fíxoo ao Escritor Galego Universal José Luandino Vieira, a Federación de Librarías de Galicia a Manuel Arenas da libraría Arenas da Coruña e a Asociación Galega de Editoras recoñeceu o traballo de Xulio Amigo, o editor de Galaxia desaparecido neste tempo, sendo recollido polas súas fillas.

No nome das tres entidades falou o novo presidente das librarías e pediu a aplicación íntegra da Lei do Libro e da Lectura de Galicia, aprobada hai xa preto de quince años.

A cultura, o libro, semella que van retomando o pulso, agora tócanos a nós lectoras e lectoras cumprir dende a nosa atalaia.
Sampedro, Pilar
Sampedro, Pilar


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES