Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Illa Pexegueiro

martes, 15 de junio de 2021
Recibo por man amiga un exemplar da nova edición da Viaxe á illa das mulleres loucas de Alfonso Pexegueiro que publica o Concello de Ponteareas. O poemario orixinal aparecera hai xa máis dun cuarto de século e tivo varias edicións, implementadas, ao longo destes anos. A presente é, con certeza, a máis completa e case diría que definitiva, á vista dos moitos e moi valiosos materiais que incorpora.

Viaxe á illa das mulleres loucas é un dos títulos imprescindibles da poética galega das últimas décadas. O seu visionarismo, a espectacular torsión simbólica que nel se produce, a miríade de lecturas e procesos de sincrético diálogo con poetas de todo tempo e lugar que condensa e, sobre todo, a poderosa palpitación vital e emotiva que traman os seus versos fan desta obra un dos cumes creativos do de Angoares e un dos libros que veñen marcando o rumbo da escrita recente.

A edición que agora ve luz mercé ao apoio incondicional do concello natal do autor engade ao texto primixenio non só interesantes addendas poéticas, senón tamén un importante número de paratextos que complementan, contextualizan e proxectan a vibrante escrita destes versos.

É o que acontece coas entregues palabras de saúda de Fernando Groba Bouza, concelleiro de Cultura e Lingua de Ponteareas, o que aínda se fai máis visible nalgúns textos explicativos sobre a súa poesía asinados polo propio Pexegueiro e tamén noutros materiais incluídos no libro, como os artigos de Clodio González Pérez, as cartas co crítico Mario Regueira ou a tradutora norteamericana Helen Lane e un completo dossier de prensa sobre o que se foi dicindo das diferentes edicións da obra, incluíndo a tradución dalgún texto, recensións varias e mesmo comentos ata agora inéditos.

De por parte, esta edición incorpora tamén diversos textos a propósito das adaptacións escénicas e musicais do poemario e un cd que recolle a gravación da súa teatralización, recitacións e performances ao seu redor e varias entrevistas a Pexegueiro realizadas por María Solar e Xabier Fortes emitidas no telexornal de TVE2 e no programa Zig Zag Diario da TVG.

A maiores, esta nova entrega da Viaxe á illa das mulleres loucas, que recolle como cuberta a suxestiva ilustración que no seu día creara para a obra Antón Lamazares, incorpora gran cantidade de materiais gráficos, entre eles cadros de Xaime Asensi, Guillermo Alonso Monroy, Amando González, Xavier Costa, Carlos Crego e Xosé Freixanes, caligrafías de Waad Merhej ou fotografías do autor e do seu mundo tiradas por Ana Corbillón, Pablo González, Lois López Rico ou Carlos Crego.

A Viaxe á illa das mulleres loucas xestouse entre 1979 e 1983, entre o rianxeiro Asados e a cidade olívica. Ía titularse, de primeiras, Triángulos do desexo, pero a esa súa paixonal pulsión sumouse logo a melancolía da infancia ida cabo do río Tea, nos Caboucos, pé dunha breve insua de misterios insondables para o rapaz que Pexegueiro foi e que o esporeou a imaxinala como un territorio terriblemente máxico beira dos Caboucos, da Ceña e da Moscadeira.

O resultado foi que acabou aparecendo por vez primeira en edición bilingüe galego-catalá na editoral Llibres del Mal en 1984, publicándose en castelán en 1986 e xa só en galego no 2004 en Galaxia. Longo periplo no que foi coñecéndose por moito lectorado e recibindo xusto recoñecemento pola crítica.

Non hai mellor escusa que esta magnífica edición para volver á Viaxe á illa das mulleres loucas e redescubrir unha escrita de fonda complexidade, que convida a unha relectura radical da realidade e da memoria e que codifica escenicamente a visión dun mundo propio: Illa Pexegueiro.
Requeixo, Armando
Requeixo, Armando


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES