Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O ano 2050 encadrado nos fins

viernes, 04 de junio de 2021
Tampouco hai que pasarse. Non todo son troulas dos gobernos. A oposición cando perde o debido sosego, esa Gelassenheit que abordamos noutro artigo, non gana prestixio: Xa o dicía Aristóteles, a virtude está no medio entre o exceso e o defecto. E como estes días temos de moda ridiculizar as previsións para a España do ano 2050, dispáranse as intencións de estendelo ó Goberno na persoa do seu Presidente. Que, tamén hai que dicilo, non está moi sobrado de crédito; pero tampouco a oposición. Vivimos nunha época na que os grandes talentos das políticas nacional e mundial escasean: moito verniz académico ocultando a inconsistencia na praxe e as esbardalladas parlamentarias.

Non pretendo facer eloxios das previsións do Goberno da situación de España no ano 2050. Carezo por completo de documentación, e aínda que a tivera, non estou moi seguro de que fora capaz de asimilar o seu contido. Non obstante, que se investigue con responsabilidade científica o horizonte, máis ou menos próximo, da dinámica sociopolítica do noso país mediante a valoración dos parámetros menos vulnerables, que permita situar aos gobernantes en condicións de orientar as decisións políticas, paréceme eloxiable, malia o dea a coñecer a incompetencia e incredulidade da persoa institucional que lle corresponde. Porque camiñar por unha ruta que non se ten idea de a onde nos leva, é unha insensatez, que aquí, si, xustificaría as críticas da oposición, que non serían froito dunha astucia electoralista, senón a defensa do que considera que debería facerse en pro dos intereses comúns dos españois.

Penso, pois, que o que debe preocupar neste caso é a transparencia dunha cuestións semántica dos fins e o resultado dunha investigación que traia á superficie o necesario coñecemento das soterradas tendencias históricas mundiais e nacionais, que avalen, como mínimo, a realidade plausible da situación de España prevista para o ano 2050, considerando a territorialidade, que se encargaron de poñer en xogo gobernos anteriores, e parece que a problemática xerada está en mans frívolas e de escasa confianza, porque os destinatarios desa mensaxe nin sequera teñen seguro que España será a dese ano, cando no presente houbo tantos deslices no tratamento do Covid, tanta permisividade para as desvergonzadas arrogancias dos separatistas, tantos embustes, tantas sondaxes retiradas, e tanta visión corta e opaca acerca das concesións aos secesionistas que se están lexitimando as súas pretensións, etc.

Pero creo que nin así se pode xustificar a procedencia de adiantar críticas a un traballo que merece coñecerse ben previamente, por unha oposición que tampouco se presenta con sobradas garantías de acerto, porque a contradición sistemática doutras opinións, alegando razóns incoherentes, so evidencia carencia das propias. E as enquisas teñen o seus cociñeiros, que impiden consideralas con suficiente probabilidade. Non obstante, ridiculizar un traballo de investigación con xeneralidades, non parece que deba conducir nin a unha aceptación precipitada nin a un cómodo rexeitamento sen elementos suficientes de xuízo.

En canto aos fins, creo que é indiscutible que o gobernante non debe intentar acomodar os fins obxectivos, aos subxectivos. Os alemáns designan os fins subxectivos, metas persoais (Ziele) e os fins obxectivos (Zwecke), con dous termos diferentes, como vemos, para evitar confusións semánticas de consecuencias nefastas. E aquí é onde, na miña modesta opinión, hai que facer unha crítica política documentada, posto que non é o mesmo que as influenzas persoais e ideolóxicas queiran consumar as súas orientacións políticas en España no ano 2050, que a lóxica dedución mediante a investigación científica, con rigor epistemolóxico, na dinámica social, valorando as tendencias históricas soterradas, como parámetros fiables, para establecer, polo menos, cunha seguridade plausible, a situación de España nese ano.

Vostedes, amigos lectores, preguntaranse por que o ano 2050. Son os autores do traballo os que teñen que dar razóns para xustificalo.E isto é o que hai que pedirlles!!. Porque deben demostrar como a investigación evidencia a existencia dunha estrutura procesual que finaliza no ano 2050 (aquí o fin é obxectivo, desvinculado de ideoloxías persoais, para o que os alemáns tamén teñen o termo Ende, como fin dunha serie ). Sen dúbida, o alemán esixe nesta caso maior precisión, o que facilita o exercicio dunha crítica política máis rigorosa e aberta a unha colaboración eficiente.

Engadamos a isto que os líderes da oposición, tanto a nivel estatal como autonómico, teñen sempre dous camiños para caer no descrédito: unha oposición impertinente e aproveitarse descaradamente dos éxitos de subalternos destacados dos seus partidos, dando a entender que o seu apoio manifesto é o decisivo: Estes comportamentos, na percepción do cidadán, son a manifestación máis evidente dunha inseguridade para realizar funcións políticas de máis elevado rango.

E trato de traer aquí o exercicio responsable da oposición porque as súas veleidades, ademais de evidenciar unha inconsistencia persoal, crean unha razoable inquietude na cidadanía, que intúe unha carencia de líderes adecuados para asumir responsabilidades gobernativas con garantía de eficacia e acerto, sexan do partido que sexan. E esta intuición pública non adoita dispararse tanto debido ao cuantitativo como ao cualitativo, é dicir, as intervencións dos lideres da oposición, salvo nos afiliados gregarios, non se valoran polo número de saídas airadas a palestra, senón pola pertinencia en profundidade e documentación, incluso o discurso elocuente, que persuade e ten un valor literario, non garante o valor propio dos contidos, senón que máis ben pretende exhibir con egolatría a súas habilidades oratorias.

A política non é a arte de enganar dialecticamente, como diría D´Alembert, senón o exercicio da honradez recoñecida na praxe, como di Fletcher. Hai que evitar que a oposición se enfrasque nunha permanente descualificación irreflexiva, para logo poder utilizar en función gobernativa o que antes rexeitou. Polo tanto, non critiquemos á lixeira o 2050, para despois aproveitalo cinicamente. Imponse un "sentidiño", que evite que estes rebentos das novas xeracións, no atafego das esixencias ideolóxicas teóricas dunha época de incertezas, que sempre esixen prudencia, prescindan arrogantemente das titorías necesarias para non quebrar os principios ideolóxicos esencias e soster o tronco do que eles xerminaron. Por isto, unha decisión de someter a debate o resultado das súas elaboracións innovadoras sempre será eloxiable. E as distintas posturas non deberían configurarse como oposicións, senón como achegas na análise da complexidade que se produce no ámbito social e político.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES