Hai uns anos publiquei na revista de Soberanía Alimentaria un artigo sobre a diversidade funcional no mundo rural. Entón, entre outros temas, falei dunha táboa que meu avó Antonio me fixo para xogar ao tute e de como, co seu invento fixo, na intimidade do lar, un entorno inclusivo. Isto foi así porque para incluír nunca fixo falla ler teses, nin

innovar. Para incluír só fai falla ter corazón, ser libre e facer liberdade para acadar o que é xusto. Con estes vimbios meu avó ideou esta táboa que aínda hoxe me permite xogar as cartas.
A semana pasada saíu na Voz a historia de Manuel Pereira, veciño de Barro que con 93 anos deseñou unha cabina para a súa scooter. É un artigo anecdótico, bonito e sobre todo inxenioso que pon de manifesto unha realidade e é a necesidade de crear medios de mobilidade seguros para as persoas con diversidade funcional no medio rural. As cadeiras eléctricas non chegan debido a que os camiños son estreitos, os tractores máis grandes e ninguén quere dar un ferradiño en beneficio colectivo.
Ante este panorama, se eu fora inventor, xa lle estaría dando ao caletre para deseñar un medio seguro que lles dea plena mobilidade ás persoas que a teñen dobremente reducida por vivir no mundo rural. Quen o consiga, se é capaz de facer un produto economicamente accesible, ten o futuro garantido abrindo, ademais, moitos porvires de liberdade.