Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Cando a historia acelera

viernes, 28 de mayo de 2021
O pousado paso da historia é cousa do pasado. Inoculado o virus da instantaneidade, corre a velocidade de vertixe. Moita xente desconfía de que os dirixentes sexan capaces de dirixir o atolado ritmo do mundo. E aínda recorda cando o paso dun coche paralizaba os xogos na rúa. Agora a maioría das cartas que chegan ás casas son de impostos de circulación, seguros, multas ou letras do coche.

Nunhas poucas décadas pasamos dunha soa pantalla no pobo, a ter unha multiplicidade delas en cada casa. Unhas décimas de retardo do teléfono satélite na televisión ponnos dos nervios. Se as tripas de sílice do ordenador non funcionan instantaneamente causan fondo malestar a moitos que ata hai nada procesaban a información á velocidade do bolígrafo.

Os encargados de inventar o futuro vense ás veces sobrepasados polo presente. Xeracións que vivían ancoradas nunha sociedade que cambiaba pouco teñen que saltar agora, no espazo dunha soa xeración, dun mundo seguro a outro incerto e totalmente distinto. A celeridade dos cambios é agora tan brutal que unha mesma xeración vese obrigada a vivir varios mundos diferentes no curto espazo dunha vida.

Nas últimas décadas a aceleración da historia foi brutal e traumática, e moitas sociedades ven como se borran perfís da súa identidade. Outras, incapaces de seguir o ritmo, desaparecen.

A omnipresente rede de redes, internet, ten xa dimensións planetarias e co móbil crea entre persoas e países afastados urdidas inmediatas e fortes. Suprime distancias. Acurta os tempos. E amplía como un altofalante a repercusión de acontecementos que veñen de ocorrer nun recuncho do mapa.

Cando caeu o muro de Berlín o mundo asistiu atónito á caída dun imperio en tempo real, o soviético. Coa mesma velocidade asistimos ao despegue fulgurante doutros imperios demográficos e económicos: China, Brasil, India.

Todo corre moi axiña. O venerable periódico local que tardaba dous días en chegar ao destino multiplícase agora por mil en internet cunha pulsación no rato do ordenador. Cada mañá lemos xornais de todo o mundo. Quen domina o moderno latín, o inglés, accede gratis a todos os medios de comunicación.

Toda a realidade entra na casa cada mañá. Outra cousa é que ese exceso de información se transforme nunha forma de censura se atorda, se nos sabemos manexala e organizala.

O mundo xa é a aldea global de McLuhan. E a historia, unha fotografía instantánea da Humanidade enteira en tempo real. Nela estamos nós. Os pesimistas pensan que hai máis decencia temendo o futuro. Outros, máis optimistas cren que é infinitamente máis intelixente, preparalo. Agora, cando a historia acelera.
Pinto Antón, J.A.
Pinto Antón, J.A.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES