Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Hoxe houbo unha gran riada (1)

viernes, 28 de mayo de 2021
A POESÍA EN GALEGO DE FRANCISCO DE FIENTOSA

"HOXE HOUBO UNHA GRAN RIADA"


VII

Hoxe houbo unha gran riada:
as samesugas dos cómaros
botáronse sobre a agra.

Os ourizos do caneiro
fuxiron da auga ó monte:
Hoxe son toxos no vedro.

Tan grande foi a crecente,
que veu a fouce da lúa
a segar na auga corrente.

Hoxe houbo unha gran riada:
Tódalas redes pesqueiras
andan no ar pervagadas.

Redes de troitas e peixes,
redes de anguilas e oucas;
hoxe unha gran riada,
¡ai, as zoquiñas das dornas!

Deste poema na obra de Ricardo Polín, Á primeira luzada, e nunha nota ao pé de páxina, lemos o seguinte: "Cantar paralelístico incluído en versión manuscrita entre a poesía dispersa ou non coleccionada de Fientosa e posteriormente publicado no nº 640 de Vida Gallega (10 de setembro de 1935), sendo o primeiro dunha colección de catro textos numerados á romana que responden á cabeceira Poemas de Francisco de Fientosa, asinados e datados nas Montañas de Lugo-1935".

A composición consta de cinco estrofas: catro tercerillas octosilábicas tipo (a - a), rimando o primeiro co terceiro en asonante e o segundo queda solto. Para rematar, aparece unha estrofa que é unha cuarteta asonantada (- e - e), rimando só os versos pares.

RIMA:
- 4 Tercerillas: a - a : b - b : c - c : d - d
- 1 Cuarteta: - e - e

O poema pensamos que se pode dividir en dúas partes e a súa diferenciación está sinalizada polo primeiro verso: "Hoxe houbo unha gran riada" e polo paralelismo do verso número dez que marca a segunda parte da composición.

As tres primeiras estrofas abranguerían a primeira parte e serían tres tercerillas. A segunda parte comezaría tamén polo verso "Hoxe houbo unha gran riada" e está disposta pola derradeira tercerilla e a cuarteta asonantada coa que remata.

PRIMEIRA PARTE

PRIMEIRA TERCERILLA
"Hoxe houbo unha gran riada:
as samesugas dos cómaros
botáronse sobre a agra".

Comeza o poema na temporalidade da escrita co adverbio de tempo "Hoxe", que marca todo o que apreixa esta poesía, como se fose un estigma que sinala, non a ferro quente, senón a auga de enchente, a todo o que suporá a súa continuidade.

O que vai vir despois é a aparición dunha gran riada ou subida pronunciada das augas dun río, provocando inundacións moi frecuentes na nosa Valuria ou Terra Chá, concretamente na Ponte de Outeiro, onde viviu o poeta; cando o Miño se desborda produce unhas enchentes grandísimas, tanto que, o que isto escribe, fillo tamén da Ponte de Outeiro, e moi cerquiña de onde viviu Paquiño de Outeiro (Francisco de Fientosa), do outro lado do río grande (Miño), dá fe delas, sendo na vida de Fientosa e Crecente Vega moito máis importantes porque non había os desaugues que hai hoxe, froito da mecanización, mais, aínda na miña infancia eran moi superiores ás de hoxe, estando no meu recordo o ter que sacar os animais das casas da Ponte e levalos para as cortes doutros veciños. Pois ben, esta é a situación na que temos que enmarcar o poema.

A riada, supoñemos que sería a finais de novembro ou principios de decembro, a xulgar polo que nos di no poema e referido aos tres conceptos que se desenvolven en cada unha das tercerillas:

Na primeira: as samesugas.
Na segunda: os ourizos
Na terceira: a fouce da lúa

E sobre todo aos ourizos, como logo veremos.

As samesugas son vermes anélidos, escuros, cilíndricos e con ventosas nos extremos, que se adhiren á pel dos animais ou das persoas para zugarlles o sangue. Estou seguro que Francisco de Fientosa o observou moitas veces na Ponte de Outeiro, cando levaban as vacas a beber ao Pozo das Égoas, que estaba situado no medio do río Miño, por debaixo da ponte de Ponte de Outeiro e que, ben seguro, se apegaban ás patas das vacas. Tamén, cando eu era pequeno e nos iamos bañar ao caneiro dos Basanta, moi cerquiña da casa dos Crecentes, onde vivía Francisco de Fientosa e Crecente Vega, é de supoñer que se bañaran algunha vez no río e concretamente nese caneiro no que se bañan, aínda hoxe os mozos da parroquia; tamén é de supoñer que o autor as coñecía perfectamente. O que isto escribe dá tamén fe da súa existencia neste punto do río Miño e na paleira que hai na marxe dereita do río.

"As samesugas dos cómaros", refírese a que, cando había enchente, ían a ese espazo ou cómaros que había entre o río e as fincas que formaban unhas grandes extensións de terreo a labradío chamadas agras, divididas en leiras que pertencían a distintos donos da parroquia e que estaban antes e despois da ponte; por iso nos di que as samesugas
"botáronse sobre a agra"

a procura de animais aos que poder zugarlles o sangue.

(Continuará)
Otero Canto, Xosé
Otero Canto, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES