Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Bachareis do 1947

Xiz, Xulio - miércoles, 25 de junio de 2008
Reúnense en Lugo, vintecinco de xuño, os Bachareis de 1947, nun acto que se celebra no edificio da Deputación Provincial, onde estivo o Instituto lucense o último cuarto do século XIX e a primeira metade do XX.

Contan coa miña simpatía estes teimudos bachareles que conseguiron selo o ano en que eu nacín, e que polo tanto gozan desde hai 61 anos desa titulación que cando eu era novo se sinalaba que era a que permitía tratar de “Don” a unha persoa.

Seguir a reunirse todos os anos desde hai sesenta e un, fai deles merecedores dun Premio á Constancia que seguro todos os participantes no acto lles teñen concedido “in pectore”.

Eu vin a luz primeira en Vilalba, que non tiña Instituto por telo perdido na traxedia de final dos anos trinta, polo que todos os meus paisanos desde entón ata min e bastante despois, tiñamos que vir a Lugo cando menos a examinarnos, xa que ou un cambiaba de residencia á capital, ou se preparaba por libre.

Eran moi poucos os que podían financiar a súa estadía lucense, e a maioría estudiaba na Academia Santa María, que debía preparar ben porque os vilalbeses – xunto coa academia Muinelo de Taboada- eramos dos que máis sona tiñamos de bos estudiantes.

Nós –os nados no 47- disfrutamos xa do Instituto novo, ó que viñamos da provincia examinarnos con xente tan principal como Antonio Fraguas, Glicerio Albarrán, Germán Alonso ou o estricto Don Froilán que pasou á historia coa lenda urbana de ter suspendido en latín mesmo a un sobriño seu, extremo que como estudiantes nos parecía incrible.

Os Bachareis do 47 deixan colocada nun pasillo da Deputación unha placa, coa que lembran con agarimo o centro no que cursaron o bacharelado. E seguirán contribuíndo a que este primeiro instituto lucense, con máis de cento sesenta anos de funcionamento, o máis antigo de Galicia se siga considerando en Lugo “O Instituto”, a pesar de que sexan media ducia os existentes na actualidade.

Na actualidade tamén Vilalba –xunto con outras moitas vilas- ten o seu Instituto. Son, afortunadamente, outros tempos.
Xiz, Xulio
Xiz, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES