Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A maldición do encoro

miércoles, 26 de mayo de 2021
Meu querido Manuel,
Van alá máis de 10 anos que andamos xuntos os camiños da vida. Dez anos intensos nos que, co teu permiso, podo dicir que te coñezo ben; quizais, mellor que a moitos que me rodearon toda a vida. Por outra parte, ti tamén me coñeces mellor que esa xente e iso traduciuse nunha relación profesional e persoal moi intensa. Neste tempo, deches moitas boas novas, algunha delas compartida a medias e da que me sinto fondamente orgulloso.

Non en tanto, a mellor nova para min foi a da publicación da Maldición do encoro, que tiven o gusto de pechar a xeito de epílogo. Nese epílogo, dixen que me parecía o teu libro total, unha especie de cúspide que te reflicte persoal e profesionalmente. Cando escribín isto, déralle unha primeira lectura que me deixou bo sabor de boca pero, tamén, a necesidade de fondear no papel. Pasou un tempo e chegou o libro e, de novo, a sensación de ter nas miñas mans o libro total que te reflicte como un interprofesional das ciencias sociais que comprende mellor que ninguén o ser humano, porque dispón de todas as ópticas necesarias: a sociolóxica, a antropolóxica, a política, a psicolóxica e, sobre todo, a mirada dun coach mentor que ve dende fora o que moitas veces non somos capaces de ver dende dentro e ten a vontade de axudar a desvelar esta perspectiva.

Ademais de todo isto, naciches en Vilela e na túa terra viviches o que supón perder o que máis se quere. Vivíchelo a partir das testemuñas directas e fuches quen de poñer todo o teu saber para desvelar as actitudes que teceron o fío da historia facéndoa tal e como foi, cos seus acertos e os seus erros. Despois de tanto ensinar, de formar tantos traballadores, de apoiar tantas causas, de dar tanto, viras a proa cara ao berce para darlle o mellor de ti, escribindo a súa historia máis recente; quizais, a máis triste; quizais, a que tiña que ter sido doutra maneira pero non foi porque é difícil pensar pausadamente nunha situación límite. A túa voz de irmán comprende sen deixar de poñer negro sobre branco os erros cometidos e as súas consecuencias.

Tamén, fica recollida a parte da saudade de todo aquilo que se perdeu: unha comunidade plena e rica ademais de unida. Unha tribo que a auga dividiu.

Non te esqueces tampouco dos problemas de saúde que ocasiona un encoro debido ás néboas, nin de como as presións da empresa convidan a tomar malas decisións que, a miúdo, traen consecuencias moi tráxicas.

Noutra orde, o antropólogo que hai en ti recolle e describe exhaustivamente o patrimonio perdido e, con el, a vida, os soños, as xeracións e mesmo a saúde que moitas persoas deixaron na loita.

Este libro debera figurar nos programas de moitas materias da rama educativa, da rama de historia, da rama da psicoloxía, da rama da filosofía, da rama do dereito e, sobre todo, da rama común das humanidades porque este libro reflicte unha historia desgraciadamente repetida ao longo e ancho de Galicia. Unha historia a miúdo ocultada e escondida da que só ti tes en conta todas as historias de vida que mudou (ou minou) esta maldición. A historia do que Otero Pedrayo deu en chamar "feudalismo eléctrico" repítese en Portomarín ou en Castrelo do Miño, coas mesmas causas e as mesmas consecuencias.

Xa que o ser humano tende a repetir a historia, a maldición do encoro faille un servizo ás xeracións vindeiras que é deixar claras todas as actitudes que deron lugar a un desenlace fatal e inxusto. Polo tanto, estamos ante un libro para aprender e esta aprendizaxe ten que vir da man das humanidades.

Dende elas e téndote como mestre, podemos desvelar como se forxa unha maldición a forza de erros e de trampas. Erros e trampas que non debemos permitir que a historia repita.

Por último, quen lea A maldición do encoro, pode xulgar a túa análise e incluso rebatela porque aportas toda a documentación analizada evitando así que se perda na fondura dos arquivos. Aquí queda pura e espida a túa total xenerosidade que estou seguro que o tempo saberá valorar. Aínda que tamén a imos valorar no presente, procurando celebrar este libro para que teña un longo percorrido e pase por todas as mentes de ben que merecen beber da túa xenerosidade, honestidade e profesionalidade.

Parabéns por este libro total que imos desfrutar moito e que vai ser un novo motivo para camiñar xuntos pola vida.

O teu amigo e irmán.
Santalla, Iago
Santalla, Iago


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES