Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

E Platón sentouse diante do televisor

martes, 24 de junio de 2008
I PREMIO A ARTIGOS SOBRE EDUCACIÓN (27 de Xullo do 2005). Instituto Ciencias Educación. Universidade Santiago de Compostela

Hai dous mil cincocentos anos escribía Platón un dos textos máis fermosos e perdurables no territorio das ideas: o mito da caverna. Pódese ler aínda, e sempre con proveito, no libro VII da República.

Espremendo recordos do bacharelato, naquelas aulas solemnes onde aínda se estudiaba grego e filosofía, latín e historia, física, literatura, bioloxía ou matemáticas, ciencias todas humanísticas, traemos á memoria o relato: Uns pobres diaños están no fondo da caverna fronte a unha parede de sombras iluminadas por outros e que eles cren que é a realidade. Pero un día un deles escapa e aínda que a luz o molesta sigue adiante e descubre a mentira na que foron obrigados a vivir. Ve a luz da verdade e volve para comunicar a boa noticia ós compañeiros. Pero eles, acostumados a felicidade morna e castradora da penumbra néganse a admitir o erro e acaban matando ó mensaxeiro da luz que remexe a súa mentira, a súa mediocridade: o sendeiro da verdade sempre acaba resultando perigoso.

Volve un ó mito da caverna ou parábola do que hoxe chamamos cultura mediática cando cada día contemplamos na televisión as sombras que disfrazan a realidade, lonxe daquela luz platónica da decencia e da verdade. Pois son xustamente a indecencia e a mentira as que van apoderándose dun medio que podía facernos mellores (informando, entretendo, educando) e ultimamente mostra o peor de cada casa, o peor de nós mesmos. Pero, ¿de onde sae esta tropa de lobotomizados que asolagan a cotío as pantallas? Ou mellor dito, ¿de onde sacan a estes tipos que ninguén coñece, que nunca fixeron nada, que endexamais pariron unha maldita idea e dedican horas e máis horas a remexer o caldeiro de merda da nosa estupidez?

Volvamos ó gran Platón, volvamos á intelixencia que ten que labrar a terra dura da ideas, a conquistar o territorio da arte e das artes, e facer traballos de sementeira, coidados e colleitas de literatura nos farturentos campos dos libros. Nestes traballos cheos de suor, esforzo e bágoas atopará a intelixencia o seu estímulo, a súa ledicia, aceptando que unha certa dose de dor abre a porta da plenitude, do amor, da felicidade. Pero estes parviños, nós, sentados no sofá fronte ó televisor do fondo da caverna, papamos hora tras hora, día tras día, ano tras ano as imaxes-mensaxes predixeridas que nos botan.

A portentosa noticia do que logrou escapar da trampa camiñando desde o fondo da mentira ata a boca da luz e volve para convencernos de que hai outra verdade vestida coas formas e coas cores nítidas que regala a luz acaba por enfurecernos. Matamos cada día ós mensaxeiros da luz. Non queremos que ninguén interrompa a vulgaridade adormentadora dunha pantalla que sementa alcaldes tonadilleiros, guerras tramposas, futbolistas rubios casados con cantantes de plexiglás e pagados coa mesma obscenidade coa que afogamos ós que queren entrar no paraíso en patera, ou esa excrecencia cubana que fornica cunha boneca de silicona inchable.

Velaquí a trampa da caverna: a inmensa maioría só vemos as imaxes e a realidade que unha inmensa minoría proxecta sobre o muro de sombras que acaban colonizándonos. ¿Podemos imaxinar as consecuencias dunha tal sementeira nos ollos dos máis pequenos? ¿Decatámonos acaso de que a plasticidade do seu cerebro adaptarase igual a xenialidade ou a mediocridade? ¿Cando nos daremos conta que o tempo da mocidade é tempo de soños e non do presentismo e da banalidade das imaxes?

Tiña moita razón o señor presidente do goberno cando denunciaba ás cadeas que exhiben nas franxas de prime time a exhibidores de vergoñas. Pero máis razón tería se na súa denuncia sobre o lixo televisivo incluíra por exemplo as noticias que disfrazan de sombras mentireiras a realidade. Moita máis razón tería se denunciara a imbecilidade (¿ou a intelixencia?) dos programadores de televisión (¿e de cerebros?) que inundan a grella con películas casposas dun infumable encefalograma plano mentres os escasos vagalumes de enxeño empezan a voar (na TVE-2, por exemplo) ás tres ou ás catro da mañá. Moitísima máis razón tería se explicara por que nos roubaron o teatro, os libros e os debates mentres emporcan os nosos baixos fondos coa obscenidade programada dos reality shows que outros chaman telerrealidade (¡)

Ocurríu hai 2.500 anos. Aquela tarde o aristócrata Platón farto de debater na Academia cun dos seus alumnos máis brillantes, un meteco chamado Aristóteles, sentouse no sofá ante o televisor. Diante dos seus ollos desfilaban hetairas, efebos golfos e sofistas barballeiros que os acirraban para divertimento do persoal. Adormeceuse soñando que a mocidade de Atenas (ou de Lugo, Portosín ou Xinzo) abandonaba esa penumbra de trivialidade da caverna televisiva e se transformaban en exploradores da luz, rebeldes con causa contra a mentira das sombras que lles venden tramposos de moral distraída.
Pinto Antón, J.A.
Pinto Antón, J.A.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES