Que pensarán os ríos?
Rodríguez Cabanas, M. Francisca - miércoles, 19 de mayo de 2021
Cando era pequena ía con meus irmáns apacentar as vacas. Tiñamos unha chousa pechada cunha entulleira por donde entraba a auga cando chovía. Por eso alí medraba boa herba, e as vacas pacíana de boa gana. Polo lado da chousa pasaba o río Neto, donde os cativos aproveitabamos para xogar.
Faciamos barquiños de abrótegas e tamén de casca de pino. Todos coas súas bandeiras feitas de follas. Sorteando a corrente bulían río abaixo. Engalanados e contentos de ir cara o Lambre. Nós tamén quedabamos contentos véndoos marchar, coa ilusión de que algún día chegarían ó mar.
Sen auga non somos quen de vivir pero non somos agradecidos con ela. Non a respectamos nin a tratamos ben. Unha fonte é un tesouro, darredor dela sempre hai vida. A miña mamá cantaba esta cantiga:
"Á beira dunha fonte
púxenme a chorar as penas;
e a auga respondeume
non as fagas non as temas".
Oitenta anos despois leváronme ver a chousa. No chedeiro dun tractor pois xa non podo andar. A auga seguía alí correndo, limpa, contenta. Como se fora a mesma da miña infancia. Como se non pasara casi un século. O seu murmurio reprochoume: "Ola, moito tardaches". Antes de contestarlle pensei se aqueles barquiños de abrótegas terían chegado ó mar. E que eu tamén estaba chegando.
"Ola. Non tardei tanto. Namais unha vida enteira".

Rodríguez Cabanas, M. Francisca
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora