Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Caldaloba

miércoles, 19 de mayo de 2021
A Torre de Caldaloba na parroquia de San Martiño de Pino en Cospeito, asemella que se mantén en pé grazas á teima de colectivos culturais e á enerxía das e dos creadores, aínda que cada volta vai esfarelándose máis e perdendo corpo, pero o seu espírito e simbolismo medran na conciencia do noso pobo, principiando pola Asociación de Veciños de Pino.

Así, o vindeiro sábado, ás 11,30, asociacións da Terra Chá e de Lugo, imos concentrarnos arredor dela urxindo a súa restauración para convertela nun espazo de encontro e memoria para o país. É unha actividade aberta na que partillaremos a palabra e a música. É verdade que é unha propiedade particular, pero tamén está declarada "ben cultural".

Foi nos anos noventa do século pasado cando as Brigadas en Defensa do Patrimonio Chairego deron novo pulo a esta reivindicación, convocando ás asociacións a espallar o significado deste castelo coma testemuña da loita do Reino de Galiza contra o centralismo dos Reis Católicos no s.XV, xa que foi alí onde o gobernador dos monarcas cercou a Constanza de Castro que resisteu ata a morte, despois da decapitación do seu pai o Mariscal Pardo de Cela en Mondoñedo.

Constanza estaba casada con Fernán Ares de Saavedra, con raíces en Miraz de Friol. As Brigadas crearon o Premio Caldaloba a prol do noso patrimonio e concentraron na súa loita a escritores coma Manuel María, o guieiro da tribo dalgúns deles: Fernán Álvarez, Orlando Viveiro..., a Darío Xohán Cabana, a Xesús Rábade Paredes, premio na primeira edición do Certame de Poesía Torre de Caldaloba (2019) con Caldaloba en terras de Valverde...

E xa que vimos de celebrar o Día dos Museos cómpre celebrar a colaboración neste percorrido de valedores do patrimonio coma Felipe Arias. Arredor deste fito histórico medrou un filón prodixioso de lendas e música, así as recreacións da literatura oral de Xosé Otero Canto en Valuria (2014) con ilustracións de Anxo Grande Penela ou a pintura de Miguel Anxo Macía.

É tal o seu magnetismo que esta paisaxe abrollou nunha literatura oral máxica que converte Valverde e a Valuria no berce dun mundo de seres míticos e misteriosos. Xa no 1985, o grupo Xorima de Vilalba acendera en todos nós o lume da memoria coa peza "Caldaloba", a mesma lumeirada ca dez anos despois reviveu Puchi, Xabier G. Santiso, co grupo de música tradicional Caldaloba.
Blanco Torrado, Alfonso
Blanco Torrado, Alfonso


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES