Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Letras Galegas 2021

martes, 18 de mayo de 2021
Unha feliz casualidade quere que este Día das Letras se celebre coincidindo co 40 aniversario da Autonomía. A democracia galega, a Galicia democrática, nace hai catro décadas repleta de intencións reformadoras que en moitos casos se cumpriron, e en outros se iniciaron.

Neste días destacamos os logros que trouxo consigo o autogoberno en todo o que atinxe ao benestar material do noso país. Calquera comparación que poidamos facer entre a Galicia dos oitenta e a Galicia dos nosos días, en calquera sector ou actividade, ofrece un balance que permite falar dunha milagre cuxa autoría corresponde ao pobo de Galicia.

Sen embargo esa distancia abrumadora entre o pasado e o presente faise case inconmensurable se pasamos do desenvolvemento material ao que poderiamos chamar desenvolvemento espiritual, para englobar todo aquelo relacionado cos sentimentos máis fondos da nosa xente. Os galegos recuperamos a fe en nós mesmos. A Autonomía permitiu que nos recoñeceramos como un pobo forte, unido e capaz dos grandes retos. Ese espertar tantas veces invocado no himno faise realidade e reflíctese nun país grato que avanza en liberdades, en abrigas e benestar.

Nese rexurdimento a lingua é o gran catalizador. En certa maneira o pobo galego devólvelle ao idioma que nos é propio unha débeda que se remontaba a séculos atrás. O galego foi o facho que permitiu que o noso país se alumeara na escuridade, e camiñara con paso firme no camiño que desemboca no autogoberno. A lingua proclamou que seguíamos existindo.

Malia non contar con parlamentos nin con gobernos de seu, Galicia non esmoreceu grazas a unha cultura diferente que reivindica o noso papel no mundo. Nunha data coma a de hoxe podemos pensar nos galegos que viviron no 17 de maio de 1863 a publicación aquí en Vigo de Cantares Gallegos de Rosalía de Castro. Institucionalmente Galicia non existía, pero era unha realidade palpitante con libros que fornecían o seu futuro.

Pois ben; Galicia paga esa débeda situando a recuperación como unha fundamental prioridade. Todos os gobernos que o noso país tivo dende entón renderon tributo a ese principio que atinxe tanto a nosa cultura como á nosa convivencia. Grazas a ese acordo básico, a normalización converteuse en tarefa transversal na que todos os galegos están convidados a participar e seguir participando.

O pobo galego acerta cando decide facer do idioma unha ponte e non un valado, un punto de encontro e non unha disxuntiva. Teño para min que a convivencia estreita entre galegos débelle moito á pertenza a unha cultura común que congrega e non separa. Mantela, impulsala, despregala en todas as súas enerxías é un deber e, na miña opinión, tamén é un dereito.

Señoras e señores, estamos en Vigo, no barrio do Calvario, no instituto Castelao onde estudou, como se ten dito, Xela Arias. Aquí danse cita hoxe tres mulleres que contribuíron moito a ser como somos. Tres traballadoras da palabra. Está Rosalía de Castro, que motiva a festa do 17 de Maio. Está Emilia Pardo Bazán, falecida un 12 de Maio de hai cen anos. E está Xela Arias, poeta, tradutora, editora, mestra e nai.

Rosalía ergue a bandeira do Rexurdimento reivindicando un idioma que semellaba relegado á pobreza.

Emilia proxecta os motivos galegos en obras que teñen un eco literario no mundo enteiro.

Xela aporta continuidade, transición e modernidade da man desa poesía escrita “para ler pausadamente”, en palabras do presidente da Real Academia Galega, Victor Freixanes.

Filla de Valentín Arias, en boa medida continúa o labor do seu pai, mentor do cooperativismo galego, xerente da editorial Galaxia, e autor entre outros dun estudo precursor titulado A lingua galega na escola.

Na propia historia familiar de Xela Arias dáse esa sorte de carreira de relevos entre xeracións que fai que os escritores e pensadores galegos sexan primeiro alumnos e logo mestres.

A nosa escritora representa tamén unha importante transición: a que se dá entre a Galicia rural e a Galicia urbana. Ese tránsito non era doado cando Xela Arias inicia a súa carreira literaria porque o mundo urbano víase como algo alleo á cultura propia do país. Ela loita contra o tópico, o dobrega e axuda de maneira decisiva á que a lingua se mergulle naquel Vigo dos oitenta en plena efervescencia social e cultural.
A autora de Tigres coma cabalos, personifica igualmente a modernidade. “Poeta nas marxes”, afirma dela Manuel Bragado. Innova, rompe moldes, inventa neoloxismos, fuxe de convencionalismos.

Mesmo dende o punto de vista temático atrévese a entrar en terreos pouco explorados entón coma a maternidade, o feminismo ou a crítica social.

Xa no terreo da tradución achega ao galego obras cumios da literatura universal, dende o Dracula ata o Quixote.

Como “urbanizadora” da nosa cultura, como introdutora de novos horizontes, como unha das creadoras da industria editorial do país a través de Edicións Xerais, merece que lle digamos “Grazas mestra”.

Pero ese agradecemento sería cativo se non fora acompañado por accións como o Plan de Dinamización da Lingua na Mocidade, algo tan necesario, e o Proxecto Nós que presentamos hai unha semana, destinado a potenciar o uso da nosa lingua nos distintos dispositivos conversacionais.

En torno á figura de Xela Arias, estamos a promover unha ampla programación en colaboración con editoriais como Xerais, Galaxia, Bolanda, Laiovento, Ir Indo ou Baía; con institucións como a Real Academia Galega, como o Consello da Cultura Galega e a Radio Televisión de Galicia; e con empresas privadas. Programamos así mesmo preto de medio cento de accións en toda Galicia. Refírome a mostras como Xela Arias. Asinamos ser libres, Tigres coma cabalos e Aquela nena de Sarria.

En formatos dixitais ou audiovisuais, o proxecto Vencerse é cousa de se tratar, que fai realidade o desexo de Xela de levar ao escenario a súa derradeira obra.

Tamén a difusión de trinta pílulas audiovisuais arredor da autora, ou un novidoso videomapping que proxecta versos e imaxes de Xela en edificios e emprazamentos significativos do país.

Señoras e señores. Temos a inmensa fortuna de vivir nunha Galicia na que a o idioma une aos galegos e non nos separa de ninguén.

Nin Rosalía de Castro, nin Emilia Pardo Bazán, nin sequera Xela Arias cando iniciou a súa andaina literaria, puideron imaxinar un rexurdimento como o que hoxe experimentamos, e no que quedan moitísimas metas por acadar. Que o que queda por facer non nos impida sentirnos satisfeitos do logrado entre todos.

Grazas a todos. Parabéns á Banda da loba por estes poemas traducidos a cancións, e á Coral Casablanca, a máis laureada de Galicia.

E grazas sobre todo a esa mestra que hoxe aquí en Vigo, vangarda da industria e da cultura, aplaudimos. E, dende aquí, para toda Galicia.

(Alberto Núñez Feijóo, Presidente da Xunta de Galicia, na celebración do Día das Letras Galegas 2021)
Núñez Feijóo, Alberto
Núñez Feijóo, Alberto


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES