Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Balas de tinta

lunes, 17 de mayo de 2021
Coido que é un lugar común xa dificilmente mutable que os peores inimigos dun escritor son certos críticos literarios afectados de vampirismo clínico. Non nego que nisto haxa razóns fundadas, mais penso que o máis cruel asasino está na propia casa e que son os escritores os máis terribles xuíces dos seus colegas.

A historia da literatura está chea de exemplos de tinta sanguinaria gastada a enxurradas por escritores contra colegas seus. Evitarei aquí reproducir a morea de metralla misóxina, homofóbica ou de insulto groso que leva séculos circulando entre os artistas da palabra. No seu lugar prefiro lembrar opinións e xuízos que, todo o incisivos que se queiran, foron en si mesmos tamén acabadas mostras de ferrete creativo.

Nesta extrema Europa a gran tradición de espadachíns literarios inaugurárona Lope, Cervantes e, sobre todo, Quevedo e Góngora. Lope amosou de sempre notoria animadversión por Cervantes, do que chegou a declarar: "De poetas, non digo: bo século este. Moitos están a agromar para o ano que vén, pero ningún hai tan malo como Cervantes nin tan necio que gabe a Don Quixote". En xusta compensación, Cervantes tratábao ironicamente de "felicísimo enxeño destes reinos" e dicía que as súas comedias estaban cheas de disparates e que eran unha xeitosa "mercadoría vendible".

O rancor que destilaron Quevedo e Góngora non tivo fin e traspasou o estritamente literario para chegar ao persoal, ata o punto de que o aristócrata mercou a casa do seu rival no actual Barrio das Letras madrileño só para que ficase na rúa. Amais do celebérrimo soneto "A un nariz", no que Quevedo escarniaba a Góngora polo seu prominente naso, dedicoulle varias outras composicións non menos sarcásticas, que foron puntualmente respondidas, con igual inventiva e mala baba por Góngora. Este pensaba de Quevedo que era un paifoco ignorante do grego, que se empeñaba en maltratar ao tentar traducilo, ademais dun catador de purrela que ben merecía o nome de Francisco de Quebebo. Da súa parte, Quevedo opinaba de Góngora que era un crego túzaro, ludópata dos naipes e outras lindezas irreproducibles e aseguraba que non lía os versos do poeta andaluz nestes termos: "Non os tomei, porque temín cortarme/ polo sucio, moito máis que polo agudo,/ nin os quixen ler, por non ensuciarme".

A esgrima versal que ambos gastaron está lonxe de ser un caso illado, pois foron moitos os que dende aquela ata os nosos días se dedicaron cruzadamente terribles cualificativos ou foron xulgados cainitamente por colegas seus posteriores. Velaí o caso do poeta inglés do XVIII Alexander Pope, do que Oscar Wilde dicía: "Hai dous xeitos de sentir aversión pola poesía: a primeira é ter antipatía por ela; a segunda é ler a Pope".

En vida Mark Twain foi tan popular e querido que era adorado case coma un deus literario. Mais a posteridade non sempre é amable e a inmensa Virginia Woolf tiña outro concepto moi distinto del, pois víao como: "Un periodistucho que en Europa non tería pasado de quinta división. Tomoulles o pelo a unhas cantas momias literarias salpicando os seus textos aquí e acolá con algunhas doses de cor local, as suficientes para intrigar a frívolos e frouxos".

De todo un clásico como Henry James dixo T. S. Eliot que "tiña unha mente tan perfecta que ningunha idea podía profanala", ao que engadiu Wilde que "escribía narrativa como se fose unha obriga desagradable".

Nas letras rusas Dostoievski foi xulgado por Nabokov como "un escritor bastante mediocre; con luzadas de excelente humor, separadas, desgraciadamente, por desertos de vulgaridade literaria". Claro que Nabokov non perdía a ocasión de acoitelar os seus paisanos, pois do Doutor Zhivago de Boris Pasternak asegurou que era "unha obra lamentable, chambona, trivial, melodramática, chea de situacións tópicas, avogados voluptuosos, mulleres pouco cribles e coincidencias máis que vistas".

Dos dardos pezoñosos non se librou tampouco Hemingway, de quen Faulkner dicía que "xamais utilizou unha soa palabra que puidese mandar o lector na procura do dicionario” e Nabokov profería con desidia que o lera "por primeira vez a mediados dos corenta, algo sobre touros, pelotas e campás; repugnoume".

Nas irmás letras portuguesas as labazadas tamén veñen de vello. Velaí en pleno XIX a 'Questão Coimbra' con António Feliciano de Castilho acusando a Antero de Quental de "falto de calquera bo senso e bo gusto" e a este último respostándolle que a súa escrita era "absurda, inútil e fútil".

En fin, a lista é interminable e poderían engadirse aínda a Truman Capote explicando que Jack Kerouac "non escribe, mecanografa"; a Dalí e Buñuel mandándolle unha carta a Juan Ramón Jiménez na que lle confiaban que sentían "o deber de dicirlle -si, desinteresadamente- que a súa obra nos repugna profundamente por inmoral, por histérica, por cadavérica, por arbitraria"; a Vicente Huidobro sentenciando que Pablo Neruda escribía "unha poesía fácil, badoca, ao alcance de calquera plumífero” ou a Camilo José Cela xulgado por Italo Calvino como "un dos escritores máis vacuos e insoportables da literatura internacional", razón pola que Rafael Sánchez Ferlosio confesaba que "hai trinta anos que non o leo; é un repunante" e Juan Marsé opinaba do de Iria Flavia que había que "distinguir entre narradores e intelectuais e outros que non son nin narradores nin intelectuais, que só escriben trangalladas e retórica, como Cela, que é un plúmbeo".

Ben se ve que, cando se fala de escritores, disparan con bala e a tinta envelena o sangue. Para os que lles preste saber máis sobre esta lacerante arte do improperio literario, recoméndolles a lectura de Escritores contra escritores (2006) de Albert Angelo e mais Escritores a la greña (2014) de Julián Moreiro, dúas estupendas recompilacións das letras máis ferintes de todo tempo e lugar.
Requeixo, Armando
Requeixo, Armando


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES