Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Marcos e fronteiras

lunes, 10 de mayo de 2021
Marcos e fronteiras Todos os galegos sabemos das bromas e rexoubas que se levan a cabo con respecto ós marcos das fincas, en plan de que "moito coidadiño con movelos". Pois ben, atopeime cunha noticia que deixa ós nosos marcos, precisamente, nunha broma, nunha carallada de nada.

Resulta que un labrego belga cambiou a fronteira entre o seu país e Francia ó mover un penedo. Iso si é mover un marco, carallo! Aínda non se sabe ben se na localidade de Erquelinnes o labrego moveu a pedra de 150 quilos, situada na vila francesa de Bousignies-sur-Roc, para agrandar o seu terreo ou simplemente para que puidese pasar co seu tractor, que é o que di el. (Por certo, coñezo a uns cantos que, coma quen non quere a cousa, andan e andan, cavan e cavan, moven e moven ata que conseguen apoderarse duns metros de terreo).

O asunto é verdade que causa unha certa graza, pero analizándoo polo miúdo, teu o seu aquel serio e preocupante. A proba é que xa andan as autoridades das dúas localidades intentando convencer ó paisano belga para que leve o marco ó seu sitio. Se non o fai, Bruselas incorrería nun conflito fronteirizo con Francia e o labrego veríase diante dun tribunal penal. E por 2,29 metros ninguén quere iniciar unha guerra fronteiriza. Nós movemos os marcos por uns centímetros de leira, mentres o belga non lle andou con lerias... toda unha fronteira!

A fronteira tamén se pode dicir que é a que acabamos de cruzar con respecto á pandemia que nos mantivo máis que angustiados durante máis dun ano. Xa case se pode dicir que volvemos á normalidade, polo menos a un 90% da normalidade. Aínda que, para un servidor, quitando o bozo ou mascariña, si é a normalidade completa: xa podo ver o fútbol das nove da noite! A verdade é que botaba de menos eses partidos, principalmente agora, nestes días, que é cando andan as competicións europeas e a propia Liga española no seu punto álxido.

Como no seu punto asomou a risa de Eden Hazard, que lle chegou como auga de maio ós afeccionados madridistas para poder descargar o cabreo ou a impotencia pola eliminación na Liga de Campións. Parece que o futbolista belga (belga coma o labrego) tamén moveu a fronteira entre o Chelsea e o Real Madrid. E aquí está moi mal visto mover os marcos, rapaz. Non procede rir con amigos ou ex compañeiros mentres o afeccionado sofre.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES