Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Cea en Vilalba

viernes, 20 de junio de 2008

Cada ano, celebramos unha xuntanza os que semanalmente falamos por Radio Popular de Vilalba, que nos vale para vernos as caras todos xuntos alomenos unha vez ó ano. E parolar do divino e do humano, de Vilalba e dos vilalbeses, de lembranzas e acontecementos de xeito que, alomenos para min, é retomar contactos, vivir de novo, poñerme ó día en moitas cousas, porque entre os presentes hai vilalbeses novos – Carmen e Ramudo, por exemplo- e outros con moitos anos de vilalbesía, como ocorre con Bernardo García Cendán.

Un dos temas que nos levou máis tempo dilucidar foi a antiguedade dunha gran foto colocada nunha das paredes da cervexeiría situada na parte de arriba da Praza, que se ve foi obtida desde un avión, pero da que descoñecemos o autor, que resultaba descoñecido tamén para a xente da mesma cervexería.

Para quen pisa a diario as rúas de Vilalba, ó mellor esta foto non lle di moito, pero ós que deixamos hai moito tempo de vivir nela, e sentimos lembranzas pola Vilalba que xa non existe, unha foto coma esta fai que nos recreemos en detalles que nos van alumeando cara á identificación do ano no que Vilalba era así.

Primeiro pensamos se a foto a faría desde o seu avión aquel Marianito Pérez que voaba sobre Vilalba fai arredor de cincuenta anos, que tiña raíces vilalbesas e chegaba co seu avión e daba varias pasadas pola vila, algunhas ben arriscadas, e todos os vilalbeses daquela sabiamos que era o Marianito o que pilotaba aquel pequeno avión, aínda que moitos de nós non o viramos nunca.

O castelo aparece coa parte superior chea de vexetación, o que quere dicir que a foto é anterior a mil novecentos sesenta e seis... Por outro lado aparece en obras unha casa que daba á calle Real, que así se mantivo moito tempo... E aparecen solares que foron construídos hai moito tempo, e na carretera vese a Casa Julio xa erguida... En fin, que chegamos á conclusión de que a foto é dos anos cincuenta e moitos ou comezo dos sesenta, que é unha fermosura por descoñecida, e que está moi ben onde está para lembrar aquela Vilalba máis escura pero que sen embargo provocaba en nós un especial agarimo que na actualidade está mesturada sen saber en que proporción cunha infinita melancolía.

Logo fixemos medio cento de fotos diante do castelo, á entrada e á saída do comedor novo do parador, como se quixésemos retrasar o momento da partida. O certo é que chegamos con día claro e cando nos fomos era xa o día seguinte.

A ocasión é sempre xeitosa, porque é como unha inxección moral que me di que aínda que me fun de Vilalba hai corenta e tres anos, nunca me fun de todo, e -o que é mellor- poido volver cando queira, e non só fisicamente, que eso está ó alcance de calquera, senón -e de xeito moi especial- a través das ondas nestas crónicas semanais das mañás dos martes, que se a quen escoite lle leva a miña voz pola radio, a min proporcióname unha conexión impagable, unha obriga a estar atento ó que pasa en Vilalba, ocasión de lembrar tempos que para min son inesquecibles, alimento espiritual que me mantén en forma durante moito tempo.
Xiz, Xulio
Xiz, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES