Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Polos océanos verdes (2)

viernes, 14 de mayo de 2021
"A PANDEIRETA DE SEIS AZAS" VI

A POESÍA EN GALEGO DE FRANCISCO DE FIENTOSA


VI

Polos oucéanos verdes,
abaneándose como un barco
vello,
vai a vaca marela.

Leva nos ollos o paisaxe
invertido,
-arbres e seres
frolecidos no alén-,
e no argadelo dos cornos
enguedellados os liños
do sol.

Logo se esquenceu das
roitas
e ficou inmobre,
vairada no vento;
e así viviu trescentos
anos,
até que froleceu o esterco
nos cornos,
e callóuselle o leite
na ubre,
e xióuselle a auga
nos seus ollos
todos cheos de lágremas
de erba...

Como unha pedra,
como un dolmen,
como un sono,

escoita aínda
a cantiga da silveira.

Polos oucéanos verdes,
abaneándose
como un barco vello,
era unha vez
unha vaca
marela...


A) OS SEUS OLLOS
Os ollos das vacas reflicten, como os ollos da xente, as súas penas e as súas ledicias. Que galego non lle mirou aos ollos da vaca marela! Claro está que me refiro aos galegos dunha época, os que hoxe son avós e algúns que aínda somos pais, porque os demais só viron a vaca imposta no país, as pintas; é curioso, ninguén está en contra das pintas, pero si do eucalipto! A vaca

"Leva nos ollos o paisaxe
invertido,
- arbres e seres
frolecidos no alén-"

Eses ollos alongados e listos da vaca... son verdadeiros espellos nos que se reflicte a paisaxe e, sendo elas mesmas, -as marelas-, unha parte tamén importante da mesma paisaxe galega. Non había foto das nosas contornas onde non aparecesen as vacas ao lado das árbores, das herbas e das flores dos campos e dos pasteiros.

A poesía, chea dunha gran beleza, abrangue esa paisaxe reflectida nos ollos da vaca como "paisaxe invertido" composto por "arbres e seres/ frolecidos no alén"; é dicir, por detrás dos ollos da marela.

B) OS SEUS CORNOS
Como vimos, esta estrofa está dividida en dúas partes, a primeira referida aos ollos e a segunda á cornamenta...
"e no argadelo dos cornos"

volve o autor a outra metáfora propia da época porque os máis novos non saben o que era un argadelo ou "armazón xiratoria de madeira que serve para devandar as madeixas e convertelas en novelos" (1). E quen, de pequeno, non fixo de argadelo cos seus brazos?, pois ben, os cornos da vaca semellan un argadelo no que están
"erguedellados os liños
do sol"

Cando, "erguedellar" é envolver dunha maneira desordenada, formando unha lea difícil de desfacer, que son

"os liños/ do sol"

noutra metáfora referida aos raios que abranguen as súas cornas.

SEGUNDA PARTE: A VACA MORTA
Comeza esta segunda parte, cando a vaca, como se fose un ser humano con alzhéimer

"Logo se esquenceu das
roitas"

porque a vaca marela tiña memoria e ía ao prado que nós lle indicabamos e víñase do prado ela soa, á noitiña, para que a muxísemos, esa era a vaca marela, a amiga da casa, a que sabía o que había que facer

"e ficou inmobre,
vairada no vento;"

Isto é igual cá embarcación coa que a compara, quedou inmóbil, varada como o barco ao tocar fondo na area ou nalgunha rocha, pero aquí sería o vento o que non a deixaría mover; hoxe, en terminoloxía mariñeira, sería "estar ao pairo"
"e así vivíu trescentos
anos"

Neste momento é cando principia o conto do que F. de Fientosa nos refire, visíbel na incredulidade das súas metáforas, tan estupefactas ou atónitas e asombrosas, que deixan ao lector perplexo e confuso para indicarnos a morte da vaca marela e o fluír do tempo incardinado no tempo do conto fantástico, porque así permaneceu
"até que froleceu o esterco
nos cornos,
e callóuselle o leite
na ubre,
e xióuselle a auga
nos seus ollos
todos cheos de lágremas
de erba..."

Metáforas insospeitadas propias da corrente ultraísta da época de F. de Fientosa, como son:

"froleceu o esterco/ nos cornos"
"callóuselle o leite/ na ubre"
"xióuselle a auga/ nos seus ollos"

Todas elas impactantes, para indicarnos como a morte chega a esta vaca marela, mais no fondo desas palabras hai un renacemento intrínseco en "frolecer", "callárselle o leite" ou "xiárselle a auga dos ollos", ollos cos que engrena outra metáfora preciosa relativa a eles

"todos cheos de lágremas
de erba..."

Nesta última imaxe logra deter o tempo da caída das bágoas da vaca, que van caendo pausadamente, formando unha herba, mais sen lograr caer ao chan. Capta, pois, ese momento da caída, sen chegar a realizarse totalmente, porque a clepsidra do tempo estase desocupando pero sen chegar nunca ao baleirado, indicándonos, tamén, que grande foi o seu sufrimento ao longo dos séculos.

(Continuará)

NOTAS:
1. R.A.G
Otero Canto, Xosé
Otero Canto, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES