Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Polos océanos verdes (1)

viernes, 07 de mayo de 2021
"A PANDEIRETA DE SEIS AZAS" VI

A POESÍA EN GALEGO DE FRANCISCO DE FIENTOSA


VI

Polos oucéanos verdes,
abaneándose como un barco
vello,
vai a vaca marela.

Leva nos ollos o paisaxe
invertido,
-arbres e seres
frolecidos no alén-,
e no argadelo dos cornos
enguedellados os liños
do sol.

Logo se esquenceu das
roitas
e ficou inmobre,
vairada no vento;
e así viviu trescentos
anos,
até que froleceu o esterco
nos cornos,
e callóuselle o leite
na ubre,
e xióuselle a auga
nos seus ollos
todos cheos de lágremas
de erba...

Como unha pedra,
como un dolmen,
como un sono,

escoita aínda
a cantiga da silveira.

Polos oucéanos verdes,
abaneándose
como un barco vello,
era unha vez
unha vaca
marela...

Estamos diante dun poema dedicado á vaca, ese ser do que todos os galegos temos que estar moi orgullosos, porque foi a que nos sacou a fame do corpo durante as estadías máis comprometidas da nosa historia, que foron case todas, pero destacando as máis próximas, podemos acordarnos da postguerra incivil e en moitos outros períodos da nosa herdanza labrega; por iso, cando morría a vaca marela, había loito en toda a familia. As vacas na nosa terra eran consideradas como outro máis da casa e a querenza era tan grande que ata se choraba por ela cando morría ou ía camiño do matadoiro. Os monumentos que se lle dediquen á vaca son poucos, comparado co que ela fixo por nós xa que quitou a moita xente da desgraza da emigración, e por iso, o poeta, sabéndose debedor da vaca, componlle en agradecemento, este fermosísimo poema.

A composición está formada por cinco estrofas de desigual longura, desigual número de versos e desigual número de sílabas. As estrofas van desde os catorce versos até os catro. O número de sílabas abrangue desde os nove atá os dous, o que nos leva a pensar que, a composición é moi irregular e, por suposto, sen rima.

ESTRUTURA
A poesía dividímola en catro partes.

1ª A VACA VIVA.- Abrangue as dúas primeiras estrofas, na primeira aparece a presentación da vaca e, na segunda describe os seus ollos e a súa cornamenta.

2ª A VACA MORTA.- Comeza polo proceso de degradación da vaca e vainos cativando por medio dunha serie de metáforas impactantes para o lector.

3ª A DUREZA DA VACA.- Maniféstase a través dunha serie de comparacións.

4ª FINAL.- Que nos recorda o principio, como se fose o eterno retorno. Remata tal e como empezan os contos "era unha vez".

Francisco de Fientosa fai a composición como se fose un conto porque nalgunha das súas partes, concretamente na segunda, as metáforas son tan fortes, que hai que concibilas coa mente da fantasía dun pequeno e nunca do raciocinio. Remata a composición tal e como principian os contos tradicionais, chegando a sorprendernos cando, ao final, o autor o enmarca na categoría de conto.

PRIMEIRA PARTE: A VACA VIVA
Está construída con dúas estrofas; na primeira aparece a presentación da vaca e na segunda trata dos seus ollos e dos seus cornos, como xa dixemos.

A) PRESENTACIÓN
"Polos oucéanos verdes,
abaneándose como un barco
vello,
vai a vaca marela".

Segundo comeza o poema, estanos a lembrar a Valuria ou Terra Chá, porque lle dá a consideración aos prados, xa non de mares, senón de "oucéanos" e ademais en plural, nunha metáfora visual extensa e sensitiva como se fose unha inmensa extensión verde que soamente cabe concibila na nosa Valuria ou Valura.

Logo, aparece o personaxe no segundo verso, aínda sen saber de quen se trata, pero vai abaneándose, como van as vacas ao andar, igual que as persoas cando temos artrose e somos vellas.

"abaneándose como un barco"

Comezan as connotacións mariñas, moi propias de Franciso Vega Ceide, xa que en toda a súa produción non se pode esquecer do mundo marino, e do mundo da auga, que é o mundo da vida, que o perseguirá ao longo de toda a súa curta vida e, por suposto, ao longo de todo este poema, como despois veremos.

Posteriormente, sufrimos os lectores con ese encabalgamento abrupto e quebrado, o cal rompe o sintagma cun adxectivo
"vello"

que quere facer visíbel o autor, rompendo a continuidade de nove sílabas en tan só dúas e cunha semellanza porque
"vai a vaca marela".

que é como un barco vello, e non podía ser outra, senón a nosa, a de sempre, a coñecida por todos, "a marela" e por riba "vella".

(Continuará)
Otero Canto, Xosé
Otero Canto, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES