Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

As troitas, miñas mestras

miércoles, 05 de mayo de 2021
Veume hoxe unha inesperada morriña da pesca que dende hai un ano, non sen certas dúbidas, decidín deixar de practicar. En realidade, máis ca pescar o que eu facía era gozar coma un anano da exuberancia da natureza, das augas abondosas e transparentes, da fermosura das troitas fuxidías ou do casual milagre azul dun martiño peixeiro... Refírome, xa que logo, á pesca da troita amiga, como diría Delibes en "Mis amigas las truchas". Un fermoso libro que o autor me dedicou na madrileña Casa de Campo hai xa ben de anos ("con mi afecto y mi amistad") en luminosa e viva letra de cor azul, coma a dos ceos casteláns, alá cara a finais dos anos setenta do pasado século.

Porque cómpre saber que cando en Madrid aperta a calor saben tamén as amigas troitas agacharse convenientemente nos sombrizos gacheiros dos altos regueiros da montesía serra castelá. Desprazarme desde a meseta ata o meu sabido e familiar troiteiro río de Sabucedo, servidor do Lérez, era daquela pra min case un imposíbel. De modo que Galicia, "o país dos mil ríos", como o cantou o sochantre literario Cunqueiro, ficaría pra tempadas máis propicias.

Durante non poucos anos puiden así visitar as miñas amigas madrileñas con éxito non pequeno tras un casual e inesperado descubrimento da súa presenza en augas pra min ata entón descoñecidas. Pensei máis dunha vez que os habitantes desta grande urbe ou non saben delas ou non son quen de as saberen debidamente apreciar. Só unha vez me atopei naqueles tempos, nas miñas felices escapadas fluviais, cun amigo da cana, e este era significativamente orixinario das veciñas terras asturianas. Lembro que ó el chegar de volta onda min, que a piques estaba de iniciar a lúdica faena, só me puido comentar o seu fracaso. Nada estraño. Estaba nese intre a se formar unha sonora treboada que descargou xustamente ó eu tentar as augas montesías coa primeira culleriña. Endexamais volvería ter eu tanto éxito troiteiro.

Porén, as amigas troitas eran, para min –como digo- só case un pretexto. Mergullarme cana en man na frondosidade, beleza e vitalidade da natureza que de xeitos tan variados e podentes se amosaba á beira das fluíntes augas era pra min prioridade. A mente e as interioridades renovábanse así e rexuvenecían de xeito inesperado. Sempre pensei que a mente precisa ingredientes vitais que non veñen só dela, senón da realidade viva, inmediata, sorprendente e independente que nos envolve. Algo disto debeulle de pasar tamén ó gran sabio Martiño Sarmiento cando lembraba no século XVIII o seu casual e vivificador encontro coa arte piscatoria: "Vivindo en Asturias no ano 1721 –deixounos el escrito nunha súa carta- ofrecéuseme a ocasión de sospeitar para que profesión concreta nacera. Quen me crerá? Sospeitei que nacera para ser pescador de cana. Tanto me gustaba ese exercicio o pouco tempo que me dediquei a el".

Por sorte, semella que o noso frade só se deixou levar polas sereas do eido piscatorio nalgúns felices mais casuais momentos. Pois sería máis ben a súa querenza por desempoar vellos manuscritos o que o convertería nun dos meirandes pescudadores da agachada historia de Galicia e da dignidade da súa lingua. Aínda que seguramente se pode dicir tamén que el se mantiña así de feito no seu firme oficio de teimudo buscador de ocultas e vivas realidades, ben fosen estas provenientes da pluriforme natureza ou de antigas testemuñas dun noso florecente pasado.
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES