Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O poder da poesía

viernes, 07 de mayo de 2021
É tanto o poder da poesía, tanto, que cada unha de nós podería dar conta de algunha das súas grandezas.

Basta mirar para atrás e lembrar.

... A primeira vez que un mozo me agasallou cun papel, no que estaba escrita unha poesía. Debaixo dela o nome do seu autor co libro de onde a sacara. Ao primeiro sentín incomprensión, como podía darme algo que non escribira el? que sentido tiña? Canto tempo lle dediquei a pensala, a ver que se ocultaba detrás desa escolla que alguén fixera para min, porque imaxinaba que tiña que ter un significado e non quería que se me escapara. Ao meu modo quixen ao mensaxeiro e ao poeta.

As poesías musicadas por Paco Ibáñez que definiron a transición. Os anos horribles do final da ditadura cos cinco fusilados, coa represión facéndose dona das rúas e o horror agachándose detrás de cada esquina. E os versos de Celaya e Blas de Otero, León Felipe ou Góngora acompañando o noso segredo de liberdade. Cantabas con el para que nunca rematara o poema.

Acompañabas o seu camiño polo Olimpia e as salas do exilio e el ía contigo polo silencio que secuestraba os berros.

Os cantautores foron as voces daqueles tempos, Aute cantou a despedida do compañeiro que acompañei a Madrid. Escoitamos "Al alba" na festa do PC e semellaba escrito, tamén, para aquel adeus.

Celso Emilio Ferreiro, viaxando entre ananos pola longa noite de pedra.

Con música ou sen ela, a poesía estivo sempre entre nós. Era o texto que poderiamos pintar nas paredes: as tatuaxes da alma. Podíamos dicir o que sentíamos sen saír do verso, por iso aquel mozo me regalou os versos de Salvador. Podiamos descifrar a realidade histórica lendo nos poemarios.

Pero todo isto xorde dun encontro. Moitos anos despois, cun marcapáxinas na man, igual que o coronel Aureliano Buendía fronte ao pelotón de fusilamento, había de lembrar o día en que ese anaco de cartón me espertou. Fora a Feira do Libro da Habana, con Galicia como país convidado, e alguén trouxera esa mostra do que a alí se levara. Unha imaxe verde, de natureza en fotosíntese, unha data despois dun corazón branco 14FEB2008 e dous versos
"Ti es a canle dos meus cantos,
eu son a túa eternidade."

Creo que non lin os versos, senón que foi a voz potente de Avilés que mos trouxo, de vez. E coas palabras amigas chegaron os ritmos e o aire que envolvera os días do pasado. Rompín en mil anacos coma o meniño ao que lle dan unhas palmadas,nas cachas, para que chore e esperte á vida. Acordei, coma a auga que abre camiños na fonte, cun pranto incomprensible. Porque ese non era un poema que a min me gustara, porque non había razón para chorar, nin para sentir nada fóra do normal. Pero souben que eses versos viñeran para salvarme de algo, que foran escritos-coma un ensalmo- para protexerme dun mal, que foran e viñeran a Cuba para ser dados en man.

Como aquel poema de Salvador que Bieito me entregara, estes de Avilés estiveran buscándome para redimirme. Non podería dicir de que, seguramente non poida facelo nunca, pero había algo esencial que golpeaba no peito querendo entrar. Aínda hoxe non abrín esa porta.

Eu xa estivera en Cuba, no malecón e na fortaleza da Cabaña, na bodeguilla del Medio e con Neira Vilas. Das tendas que tanta controversia creaban porque podían mercar nelas os de fóra pero non os cubanos, trouxen unhas telas coas que cortar roupa que nunca se fixo. E, nun marcapáxinas, viñeron dous versos que me devolveron á vida porque seguramente levaba tempo… como escribira Pushskin e recollía Miguel Anxo Murado: "Transcorre moito tempo sen que suceda nada digno de mención", tempo durmido no que se sobrevive (así como hibernan os animais no inverno), e porque dende sempre tivemos ese empeño, agarrarnos á vida pero a vida sucedía cun perfil tan baixo que apenas se facía consciente, ata que chegaron os versos a golpearme.

Nunca terei palabras para explicar o impacto da pedra rachando o cristal, os versos golpeando o peito e facendo abrollar outros días.
Sampedro, Pilar
Sampedro, Pilar


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES