Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Aprendendo da pandemia

martes, 04 de mayo de 2021
Un longo ano levamos aturando unha pandemia muda e irta. Ata a súa chegada unha boa parte da humanidade vivía supostamente feliz, ostentosa e fachendosa de si mesma, danzando sobre a feble e sutil crista dunha onda mariña que a erguía sobre si mesma. E agora á vista está como ela, inxenuamente amante dun xogo de surf a grande altura, se veu esnafrar con tódolos trebellos nun chan movedizo, inclemente e duro. Porque o feito de que a ti ou a min non nos poidan contar (alomenos de momento) entre os desaparecidos en nada diminúe a ferinte crueza e a inesperada traxedia ocorrida a moitos.

Quen son –pregúntanse algúns- os responsábeis deste fatídico xogo, deste engano, desta fraude a grande escala? Va e oca cuestión, pois todos puxemos nel en realidade, dun ou doutro xeito, as nosas mans, aínda que nisto seguramente uns teñan máis que ver ca outros. Nunha terra e nun cosmos estreitamente conectados somos todos nalgunha medida responsábeis de canto ocorre.

Velaí agora, porén, o intre dunha máis decidida e leal colaboración mutua entre os pobos e culturas do mundo. Velaí a necesidade de profetas e pensadores lúcidos, máis ca de políticos oportunistas que só semellan se buscaren a si mesmos. Velaquí a urxencia de coidarmos a nai terra, o mar irmán, os nosos ríos e regueiros cantareiros e mailo antigo lustre das estrelas que os nosos fumes hai tempo esborrallaron. Velaquí o intre do valor da poesía, da amizade, da proximidade e do respecto. Do amor pola beleza e a xustiza. Do ímpeto a prol da igualdade entre as linguas ou as culturas, pois en modo algún deberiamos falar delas como grandes ou pequenas, como emperatrices ou escravas. Velaquí a necesaria e xusta loita a prol da igualdade de oportunidades tanto nos países ricos coma naqueles que estes hai tempo empobreceron ou depauperaron, deixándoos así logo á súa sorte.

Laboura ampla e longa, xa que logo, e decidida a prol da vida e do porvir das novas xeracións, que con razón non son quen de comprender como as súas esperanzas e horizontes se puideron acurtar ou apagar de xeito tan abrupto e inesperado. Instaláronse así as dúbidas e a roda do vivir volveu unha vez máis amosar a súa ambigua e bifronte face.

Mais a vida é sempre misteriosa e sorprendente, exposta ó caos e levada porén da man da espera e da esperanza. Revive ela co agarimo e coa amizade e sabe ó tempo ser cauta ante ameazas, desencontros e trasacordos. Non é, porén, o vivir endexamais algo sabido, nin tampouco se aprende sen máis a súa arte en sentencias escritas e sabias doutros tempos. Pois vivir é sempre con-vivir. Sen a presenza dos outros, xa que logo, non son eu quen de poder ser. Pois a palabra amábel que a min chega é sempre lene e sorprendente bolboreta que en min pousa e me bisba eu ser alguén. Semella ser ese noso e común "eu" –don fermoso, do que só cada un sabe- a secreta fonte dun vivir que nada teme porque todo o espera.

Se este retiro noso acada así reforzar os nosos "eu", non haberá forza telúrica nin celeste que sexa quen de frear o seu ímpeto de vida. E un novo mundo e diferente amencerá.
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES