Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Labrego, vide e bacelos

domingo, 02 de mayo de 2021
Como é lóxico e natural, Xesús empregaba para dar a coñecer a súa mensaxe moitas comparanzas relacionadas coa vida e co traballo da xente coa que convivía. Eran comparanzas sinxelas, ben doadas de comprender.

Menos mal que aínda hoxe, malia os progresos da técnica, temos a posibilidade de ver e observar cos nosos propios ollos de onde vén o viño que sae a grolos dunha botella, etiquetada ou non, que nos poñen á mesa. Hai todo un proceso, coidadoso e delicado, desde aquel vello e retorto tronco da vide, que se mantén firme na terra do seu dono, ata podermos degustar o viño saído dela nun alegre xantar con familiares ou amigos.

O viño ten que ver e tivo sempre que ver coa alegría de bebelo en compaña doutros, creando amizade e compañeirismo, construíndo así comunidade e fraternidade.

Cómpre non esquecer que tamén a eucaristía que celebramos cada domingo ten que ver con esa comunidade de vida, de fe e de alegría que queremos ir construíndo pouco a pouco arredor da mesa do corpo e do sangue do Señor. Na comuñón recibímolo precisamente en forma de pan e de viño.

De maneira especial nestes domingos de Pascua convídasenos -e concretamente na liturxia deste domingo- a vivirmos a "santa alegría da Pascua", da que se nos di ademais que é preparación para a "alegría eterna" que nos espera a todos.

Ben. Para entendermos o que nos refire hoxe Xoán sobre a comparanza do reino de Deus coa vide hai que saber distinguir –e isto é moi doado- entre o labrego dono da viña, a vide mesma plantada xunto con outras máis na súa leira, e as ramas ou bacelos da vide dos que penduran os prezados acios acugulados de bagos ou uvas.

Hai aí unha especie de trindade: labrego, vide e bacelos ou ramas da vide. Unha trindade que lle serve a Xesús para nos falar da unión e relación íntima que debemos ter con el e, a través del, co Pai, con Deus Pai.

O labrego tradicional coida, mañá e tarde, da súa viña. Está curtido polo sol, polas chuvias, polos temporais. A súa pel asemella a cortiza do tronco da vide: recia, morena. Podería dicirse que a vide é filla do labrego. Mais sobre todo o labrego ama a súa viña. Coida dela con agarimo de pai. No deixa que follas ou ramallos sobrantes afoguen a súa teima e esperanza de que a vide produza acios fermosos, agradábeis á vista e ó padal. Cando o labrego a poda, non a quere asustar nin lle causar dor. É só para que a vide sexa máis ela mesma e máis parecida ó seu pai, o labrego.

Fermosa é a comparanza que fai Xesús de seu Pai Deus co labrego que coida amorosamente da viña!

Como digo, Xoán quere axudarnos a entender a unión que deberiamos ter nós, os bacelos (as ramas da vide), coa vide mesma, que é Xesús. Mais tamén a unión que ten a vide, Xesús, co labrego que é seu Pai. Sen este labrego - Deus Pai nin habería viña nin vides, porque as malas herbas e os xabarís acabarían con ela.

Agora ben, se Xesús (que é a vide) non pode existir sen o seu pai-Deus, menos aínda poderiamos nós existir se non estiveramos unidos á vide. Desta, é dicir, de Xesús é de onde os bacelos ou as ramas da vide (que somos nós) recibimos a seiva divina que nos vai divinizando pouco a pouco. De tal maneira que se con coidadiño nos cortan da vide e nos plantan nun terreo axeitado poderemos chegar a converternos en novas vides, á semellanza da vide nai ou primeira que é Xesús. Pois levamos a seiva del connosco.

O que non é posíbel é crer que poderiamos subsistir por nós mesmos sen relación ningunha coa vide, que é Xesús. Neste circula, bule e ferve a seiva divina que vén do Pai-Deus, de quen todo procede. Só del podemos recibir a forza divina que precisamos para vivirmos con alegría, esperanza e amor. “Fóra de min –dísenos no evanxeo de hoxe- non podedes facer nada”.

Pero é que ademais –aínda que disto hoxe non se nos fala directamente- a comparanza da vide ten que ver coa fraternidade que deberiamos practicar entre nós. Nos bacelos, nas ramas da vide, é dicir, en nós mesmos circula unha mesma seiva: a seiva de Deus que se fai presente na vide, que é Xesús, e que é un don infinito de Deus Pai e do seu Espírito ó mundo. Esta seiva divina, que circula por tódolos bacelos da vide, é a que nos converte a todos en verdadeiros irmáns. Pois participamos dunha mesma vida e dun mesmo agarimo común, o amor que lle ten Deus Pai ó mundo e que se nos manifestou en Xesús.

Falamos da unión que precisamos ter con Xesús e con Deus Pai para podermos producir froitos saborosos de xustiza, de paz e de amor. Mais esta unión non nos fai uniformes, como tampouco hai nunha mesma vide un bacelo exactamente igual a outro ou un acio de uvas que sexa totalmente idéntico a outro. O Deus que é un, mais que é tamén diferente en si mesmo (en canto Pai, Fillo ou Espírito), quere construír así en nós unidade e diferenza, unión de cada un de nós con el e cos demais, mais mantendo cada un a súa propia identidade, a súa diferenza respecto dos demais.

Construír un mundo así, unido e diferente segundo as diversas culturas, linguas e tradicións, é unha tarefa á que nos deberiamos dedicar sempre con teima, alegría e esperanza. Mais sabendo que só acadaremos realizar esa grande obra se nos mantemos unidos con esa vide, que é Xesús, e por medio del co labrego traballador e agarimoso por excelencia, que é Deus-Pai.
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania