Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A fotografía lucense na segunda metade do século XX

jueves, 29 de abril de 2021
A fotografa lucense na segunda metade do sculo  XX A actividade fotográfica existente na cidade de Lugo na segunda metade do século XX é difícil de entender sen considerar o labor desenvolvido por dúas sociedades que estiveron activas durante ese tempo: a Agrupación Fotográfica Lucense de Educación e Descanso e o Grupo Fotocinematográfico Fonmiñá.

A historia da Agrupación Fotográfica Lucense comeza en novembro de 1958 coa redacción dos seus estatutos fundacionais. En xaneiro do ano seguinte constitúese a primeira directiva provisional, con Juan José Vivancos Puente como presidente, José Luis Vega Fernández como vicepresidente, Valentín Roldán Real como secretario, Juan Bazarra Hermida como vicesecretario, César Quijada Ruiz como tesoureiro-contador e os vogais Laureano López Morán, Benito Lázaro Rojo, Manuel López Vila e Luís Rueda Sánchez.

Entre as múltiples actividades realizadas pola Agrupación Fotográfica destaca, dunha maneira especial, a elección da Foto da Semana, dada a repercusión que chegou a alcanzar na cidade. O faladoiro para seleccionar as fotografías presentadas comezou celebrándose os mércores, posteriormente os martes e finalmente pasou aos luns. Os socios comentaban as distintas fotografías e logo puntuábanas de cero a vinte puntos. Sumábanse todas as puntuacións, dividíase a suma polo numero de socios presentes e as que superaban os quince puntos de media eran seleccionadas como Fotos da Semana. Posteriormente expoñíanse nunha vitrina nos soportais da Praza de España onde podían ser contempladas durante uns días. A continuación publicábanse no diario El Progreso.

A Agrupación Fotográfica desenvolveu tamén unha frutífera actividade coa organización A fotografía lucense na segunda metade do século  XXde numerosos concursos, como A fotografía do verán, o Galaico Portugués, o Concurso Nacional de Fotografía Deportiva, o Safari fotográfico... Pero o máis importante de todos eles, que mesmo chegou a ter un gran recoñecemento a nivel nacional, foi o Trofeo Folla de Carballo. A súa primeira edición realizouse no ano 1967 e a temática foi "Belezas de Lugo", pasando a tema libre ao ano seguinte. A partir de 1973, por iniciativa de Ignacio Barceló Vidal, director de revista Arte Fotográfico, implantouse a modalidade de Secuencias fotográficas, definida nas distintas bases do concurso como: "Desenvolvemento en imaxes dunha idea sobre algo real ou imaxinario, Non se trata de reproducir os movementos dun tempo, senón os tempos dun acontecemento que nos suxira a súa historia".

Para actuar como como xurados nas distintas edicións, desprazáronse ata a nosa cidade fotógrafos de prestixio como Juan Dolcet Santos, José Segura Gavilá, Pedro Marrugat Querol, Iñaki Markaida, Joan Fontcuberta, José Marín Chacón, Miguel Oriola, Gonzalo Vinagre, Salvador Obiols, Santiago Bernal Gutierrez ou José Torregrosa García, entre outros.

Ao redor da Agrupación xurdiu un gran número de fotógrafos que marcaron o quefacer fotográfico na cidade. É preciso mencionar algúns nomes: Juan José Vivancos Puente (1918-2011), Luís Belló Arias (1921-2000), Valentín Roldán Real (1929-2009), Luís Rueda Sánchez (1921-2004), Hipólito Galán Núñez (1925-2013), Francisco Gallego Morandeira (1919-2008), Manuel López Vila (1905-1995), Arturo Longoni de Castro, Benito Lázaro Rojo, Ramón Pico Graña, Avelino Penelas Carballo, Ramón Prieto Vázquez, Carlos Valcárcel Gay, César Quijada Ruiz, Ismael Alonso Martínez... A estes hai que sumar os dos reporteiros gráficos José Luis Vega Fernández (1913-1993) e Guillermo Peinó Mosquera (1920-1994), que coas súas imaxes documentaron a información para a prensa, El Progreso e La Voz de Galicia.

O Grupo Fotocinematográfico Fonmiñá naceu en 1977, cando uns afeccionados á fotografía e ao cinema pensaron que, unindo esforzos, poderían levar a cabo actividades relativamente importantes no mundo da imaxe. Durante algún tempo conviviron as dúas asociacións, pero en 1980 a Agrupación Fotográfica Lucense integrouse no Grupo Fonmiñá.

Foron moitas as actividades realizadas por Fonmiñá: concursos fotográficos, cursos de fotografía, exposicións, etc. Pero, sen dúbida, entre as máis destacadas figuran as distintas edicións das Mostras Fotográficas.

A primeira, baixo o nome de Bienal Lucense, celebrouse en 1985 na sala da Deputación Provincial e foi dedicada exclusivamente a autores de Lugo. En 1989 tivo lugar a segunda, xa baixo o nome de Mostra Fotográfica, coincidiu co 150 aniversario da presentación da fotografía na Academia das Ciencias de París e estivo dedicada á paisaxe, as sedes foron a Deputación Provincial, o Círculo das Artes, o Banco Gallego, o Salón Azul do Monterrey, o Auditorio Municipal, a Galería Zu, a Biblioteca Pública e a Residencia Feminina Eijo Garay. En 1991 a Mostra foi dedicada ao retrato, expoñéndose as obras nas salas do Museo Provincial de Lugo, do Círculo das Artes e da Deputación Provincial. No ano 1993 o tema elixido foi o espido e utilizáronse as mesmas salas que na edición anterior. A V Mostra Fotográfica, a de 1995, virou ao redor da arquitectura. As salas de exhibición foron a do Museo Provincial de Lugo, a de Caixa Galicia, a do Círculo das Artes e a do Colexio de Arquitectos. En cada edición da Mostra, ao mesmo tempo que se presentaban as distintas exposicións realizáronse diversos talleres fotográficos.

En 1998, con motivo do 40 aniversario da creación da antiga Agrupación Fotográfica de Educación e Descanso, celebrouse no Museo Provincial de Lugo a exposición Da Agrupación Fotográfica ó Grupo Fonmiñá. 1958-1998 (40 anos de Fotografía en Lugo) e publicouse o catálogo da mesma.

Nas últimas décadas do pasado século, no campo das exposicións fotográficas, destaca o labor realizado por Caixa Galicia a través da súa Fundación. Sucedéronse unha seria de mostras de autores do nivel de Jean Bescos, Inge Morath, José Mª Ribas Prous, Larry Towel, Donna Ferrato ou Jean Dieuzaide, do mesmo xeito que de fotógrafos galegos como Virxilio Vieitez ou Xurxo Lobato. Nesa mesma época tamén puideron verse en Lugo, na programación temporal do Museo Provincial, interesantes mostras colectivas, como a de Fotoxornalismo, e obras de fotógrafos relevantes como Carlos Pérez Siquier ou Robert Mapplethorpe.
Ochoa, Eduardo
Ochoa, Eduardo


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES