Tríptico para Xela Arias, 'letras Galegas 2021'
Fernández Abella, Xoán Xosé - lunes, 26 de abril de 2021
Tríptico para Xela Arias:
I, a Xela Arias; II, a Xela e Luisa Villalta e III, a Valentín Arias, seu pai.
I. A XELA ARIAS. IN MEMORIAM
Para ti, Xela Arias,
existente ou lembranza
-eu creo que existente
no máis alá e triunfante-
van estes versos meus
cheos de admiración
pola túa obra,
pola túa vida,
pola túa persoa.
Núa, valente, audaz,
limpamente sincera,
no teu fermoso e único
Tigres coma cabalos.
Profundamente oposta
a toda hipocrisía
na túa certeira e firme
Denuncia do equilibrio.
No teu Darío a diario,
alta, inefabelmente
maternal.
E co teu Intempériome
alcanzaches o cume
no de espires a alma.
Excelsa tradutora,
traduciches, tamén,
na túa vida
teus sentires en feitos.
Filla e mais nai,
irmá e compañeira,
familiar ou amiga,
clara autenticidade.
Cheguen a ti estes versos,
de sentida homenaxe,
coa miña admiración
invariábel.
Os Tilos, 14 de agosto de 2004
Publicado no libro "Xela Arias, quedas en nós" do 2004 e no meu libro "Poemas de amor, loanza, condena e outros" do 2011.
II. PARA LUISA VILLALTA E XELA ARIAS. NA MIÑA ADMIRACIÓN E RECORDO IMBORRABLES
Ambas na gloria máis alta,
as dúas, extraordinarias,
digamos Luisa Villalta,
ou digamos Xela Arias.
As dúas, extraordinarias,
ambas na gloria máis alta,
xa digamos Xela Arias
ou súa par Luisa Villalta.
Combarro, 19/Setembro/2004
3ª Edición de "Poetas na Rúa"
Publicado no meu devandito libro do 2011.
E III. PARA O MEU GRANDE AMIGO E GALEGO EXEMPLAR
VALENTÍN ARIAS LÓPEZ
Namorado esencial da nosa Terra,
pedagogo de alta executoria,
premio galego e español, cal gloria
que a tradución á nosa lingua encerra.
Home de paz e nunca home de guerra,
quixo a escola en galego fiel á Historia
dun pobo asoballado, sen memoria
que longa imposición, cruel, enterra.
Amigo dos amigos verdadeiro,
dunha fidelidade acrisolada,
humilde, agradecido, tesoneiro,
do seu mestre Avelino a emocionada
lembranza sempre, polo amor senlleiro
que tiña á súa Galiza silenciada.
Os Tilos, 14/09/2013
Publicado no meu libro "Loanzas sentidas e outros poemas", do 2018.
Xoán Xosé Fernández Abella
Os Tilos, 24/Abril/2021

Fernández Abella, Xoán Xosé