Xenofobia en galego dise merda (en castellano, mierda)
Santalla, Iago - miércoles, 28 de abril de 2021
Un empeza a estar xa farto de que determinados estamentos da sociedade dediquen os seus tempos nos medios de comunicación e nas redes sociais a mentir impunemente. Obviamente, están amparados pola liberdade de expresión pero utilizan a mesma para deslexitimar os valores democráticos e inclusivos que deberían ser fundamentais no noso sistema (teñamos en conta que non hai democracia plena sen plena inclusión).
Quizais debamos recordar que a paradoxa da tolerancia de Popper convida a excluír aquelo que pode destruír a convivencia. Esta paradoxa exemplifícase perfectamente no feixismo que utiliza a democracia ata acadar a cota de poder suficiente para aniquilala.
Vivimos nun país que foi emigrante, converteuse en destino de inmigración e actualmente coido que vén desenvolvendo os dous papeis xa que unha boa parte da nosa mocidade viuse na obriga de emigrar e ao mesmo tempo somos demandantes de man de obra.
Moitos dos que profesan ideas xenófobas nas redes sociais traballaron, traballan ou teñen contratados traballadores doutras nacionalidades. Isto non é unha contradición, isto explícase porque no trato directo coas persoas, moitas veces dilúense os prexuízos pero máis alá deste trato diario, recibimos tamén diariamente, a nosa dose xenófoba a través dos medios de comunicación e das redes sociais.
Entón, o trato directo non é suficiente para diluír esta peste que se multiplica en millóns de mensaxes que intentan retorcer en verdade a vil mentira e perfís falsos onde milleiros de haters teñen a súa dose diaria de odio.
Individualmente, o que podemos facer son dúas cousas moi sinxelas: a primeira delas é non compartir, nin entrar en discusión en temas que non son discutibles e con xente que non ten capacidade para discutir.
A segunda é bloquear, neste aspecto eu quíxenme abrir a todos e coido que caín na paradoxa da tolerancia; realmente, non paga a pena ter na nosa rede xente que defende ideas aniquiladoras. Aquí distingo aquela xente que simplemente ten unha idea distinta ou contraria á túa pero esa antítese reflíctese nun diálogo cordial, daqueles outros que expanden ideas que van en contra da túa propia existencia.
Neses casos, hai que ter en conta que bloquear é un acto cívico que potencia a democracia. Non son xente, non son persoas, sinxelamente son xeradores de odio sementando discordia, desigualdade na procura dun mesías que "nos salve" aínda que o prezo sexa a propia democracia.

Santalla, Iago
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora