O libro dos afectos
Requeixo, Armando - miércoles, 28 de abril de 2021
Nobelo de luz é o título co que a profesora e dinamizadora cultural Charo Golmar se estrea como poeta da man de Edicións Fervenza.
É este un libro dos afectos, pois todo arredor del devén irradiación pura do amor: amor á familia, ás amizades, á profesión docente, ás nenas e nenos, amor á paisaxe, á memoria, ao cosmos, á vida.
En Nobelo de luz está a lembranza benemérita do pai, Xesús Golmar, galeguista represaliado tras a Guerra Civil, que representa o acubillo do lar, a alba do amencer, o facho a alumear recordos que terman das almas dos seus, que son gueiro e faro, voz ergueita que ensina o camiño, o compromiso coa terra, a herdanza da educación compartida, liberadora, universal.
Mais neste libro está tamén a maxia dos nenos que encheron e enchen a vida de Golmar como mestra. E, entre todos eles, fulgura a ánima dun cativo moi especial, un meniño autista, que é disfásico e que ten que coser no ar das mans e nos vagalumes dos ollos todas as mensaxes que aniñan no seu peito e que o seu trastorno específico da linguaxe non lle deixan verbalizar.
A voz da poeta fúndese coa deste neno, vai cosida na súa propia pel, e o río encorado dos sentimentos flúe para dicir xuntos o que a represa das palabras retén no neno: que a vida ten bicos e aloumiños, a apertas a presadas, tamén soños que voan ata o ceo e mares da agarimo.
O verso de Golmar adiviña a palabra tras da non palabra, aprende a linguaxe dos silencios que son mensaxe clamorosa na mornura dos dedos, na esperanza da mirada, no ronsel dos sentimentos. É entón cando a poeta, tal un corpo aberto, se mimetiza co ser do neniño para proclamar: Serei a súa voz/ neste relato/ de neno diferente,/ de veleiro varado/ en mar aberto.// Voarei cal pomba mensaxeira,/ para achegarlle ao mundo/ os seus devezos.
E velaí como o nobelo de luz vai debandándose e despréndese del unha sedela vital que eclosiona para agasallarnos coa capacidade de superación e o intenso amor á vida que demostra no seu día a día o meniño.
Mais o pequeno devece por medrar para ser libre e pronunciar as palabras máis fermosas, pregoar e non ser silencio, deixar de ser apenas eco dunha sombra para voar ata onde a fala/ non precisa de sons/ nin de argumentos/ para expresarse/ na linguaxe/ dos afectos. Velaí como a ollada dun neno tan especial nos ensina a contemplar o mundo doutro xeito.
Todo este carrusel de emocións e sentimentos que debuxa con nubes de palabras Charo Golmar cristaliza nos pinceis de Amalia López Brea Luchi. Alí onde Golmar tece pensamentos e sentires Luchi espella corpos e formas, luces e contraluces, vagalumes de cor que todo o inundan. Ler a Golmar no pincel de Luchi é asistir ao diálogo cordial dun arco da vella de artes transfundidas que se arroupan e complementan, que se ollan no espello da cordialidade creativa.
A maior abondamento, Nobelo de luz conta tamén cun emotivo soarego: as palabras liminares do escritor Xosé Luna, que se unen ao impecable labor editorial de Fervenza para regalarnos un volume fermoso onde as haxa, ideal para agasallar tanto a xente miúda como máis medrada.

Requeixo, Armando
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora