Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Imbecilidade, idiotez, estupidez...

viernes, 23 de abril de 2021
Son termos impropios para un epígrafe…?!. Respecto todas as opinións; pero non teño que compartilas, aínda que debo dar razóns. Para enervar o espanto dende o principio, invítoos a ler a obra do profesor da Universidade de Turín, Maurizio Ferraris, titulada "La imbecilidad es cosa seria", Alianza Editorial, Madrid, 2.018, e a magnífica recensión que dela fai D. Víctor Ballesteros Sánchez-Molina, no nº 199 da revista "Estudios Filosóficos", páx. 627-629, cuxa lectura levoume a esta modesta colaboración.

Eu mesmo lembro nunha colaboración anterior que as referencias políticas ao progreso non deixou en paz nin a mesma imbecilidade nin a estupidez. Ambas progresaron nos nosos tempos…!. Pero aquí quero establecer algunha aclaración respecto ao significado destes termos, levándoos a unha especie de "denominador común semántico". Por suposto, excluíu todo tipo de doenzas, sobre todo de orixe psíquico, das que ningún de nosoutros está libre, e incluso podemos padecelas nalgún grao sen sabelo, en calquera momento da nosa vida. Todo o respecto, compaixón e cariño para calquera que as padeza.

E dito isto, enténdase por DENOMINADOR COMÚN SEMÁNTICO o sentido con que soen ser usados tales termos coloquialmente, máis que nada para expresar un peculiar estado de estrañeza, e por iso a referencia vai sempre dirixida a aquelas persoas que, habitual ou ocasionalmente, DIN OU FAN O PROPIO DUN IDIOTA, DUN IMBÉCIL OU DUN ESTÚPIDO. Así se di que se comportan como un idiota, un imbécil, un estúpido. Queda claro?.

Pois ben, cando se di que progresa a imbecilidade, a estupidez…, estase afirmando que esta maneira de comportarse estímase que se incrementa na sociedade, e este é un fenómeno de difícil control, porque as causas derivan de toda unha maraña de actitudes desencadeadas polo temor á degradación social e ás ansias de acadar unha diferenciación persoal desproporcionada coas capacidades. Así que penso que este debe ser o sentido que podemos darlle na obra do citado Dr. Ferraris, cuxa recensión comeza cos seguintes termos: "Igual que o Dióxenes pintado por Tischbein, Jordaens e Ribera, a actitude que adopta Maurizio Ferraris na obra "La imbecilidad es cosa seria", é a da procura dun exemplar maior, dentro dun todo, na calidade que os asemella. A única diferenza radica en que, mentres no caso do cínico este busca un home, o xenio de Piamonte parece querer buscar un determinado tipo de home: aquel que non sexa imbécil".

Pero o Dr. Ferraris define a imbecilidade "como aquela indiferenza, cegueira ou hostilidade para cos valores cognitivos", entendendo que o imbécil pasa, intencionalmente ás veces, destes valores, e outras, inconscientemente, de todo aquilo que teña que ver co coñecemento e o sentido común. E…, acaso isto non equivale a practicar o que fai un imbécil, un idiota ou un estúpido?. Parece que non cabe dúbida de que é así. Considera o autor mencionado da recensión que se o imbécil está afastado do coñecemento, tamén o debe estar facéndoo dunha realidade que esixe coñecemento para tratala, e ignora os seus propios límites; logo, quen representa este papel, asume as mesmas deficiencias; mais dinos tamén que Ferraris non distingue entre imbécil, idiota, estúpido …etc., pola sinonimia que aplica aos conceptos mencionados, o que a min deume por chamarlle "denominador común semántico" no ámbito coloquial.

Por outra parte, considera que o mundo da técnica, no que estamos inmersos, respecto da masificación da imbecilidade, non inflúe tanto pola súa esencial complexidade canto porque facilita que os imbéciles masificados utilicen algúns disimulos que permitan, con certa autoridade, presentarse como asisados. E ao amparo disto xorde a imbecilidade deses integrantes da elite que recibe a consideración das masas, como persoas referentes e importantes, que saben e falan moi ben – dise – , e así se constitúe unha estrutura dialéctica entre uns e outros, de tal maneira que as elites necesitan das masas para existir adornados de tales excelentes atributos, e as masas das elites para facelas obxecto de admiración ou de sarcásticas conversacións, sen deixar de recorrer a algún membro delas para solucionar problemas. Lembren como xa na Idade Media, os nobres necesitaban da burguesía para garantir a súa existencia, nun ambiente de estrañas relacións, sen deixar de andar ás rifas. E permítanme a extrapolación, que certifica unha tendencia histórica.

Por outra parte, para que emerxa na sociedade o que Ferraris denomina factor político, como elemento analizable no marco da imbecilidade, só falta que os cidadáns compoñentes da masa acudan a esta elite para encontrar nela a persoa máis imbécil do grupo, como nos apunta o Dr. Ballesteros, algo que xa denunciou Goebbels; é dicir, que esa masa, eses gregarios, ousen elixir a un Hitler capaz de satisfacer desexos e conducir vontades como método para conseguir os seus (des)propósitos. Por isto mesmo, dinos aquel, o autor da recensión do libro indicado do Dr. Ferraris, que este chega á conclusión de que "aliarse co idiota é o peor que pode facer calquera das persoas clasificadas como intelixentes, malvadas ou incautas,…", que de todo se encontra para abonar a viña do político. Reparen no lacerante exemplo de cómo a estupidez, levou ao desencadeamento da Segunda Guerra Mundial, e non deixen de valorar as actitudes que parecen seguir conducindo por este camiño.

Pero reparemos tamén que, aínda que se di que os pobos que non coñecen a súa historia están condenados a repetila, por estúpido que nos pareza, sempre existen personaxiños que se encargan de recordarnos que INCLUSO SE A COÑECEN TAMÉN A REPITEN, e se non recordemos que algúns nacionalismos en España estiveron en primeira liña a hora de provocar a Guerra Civil, e parece que aprenderon pouco, porque, uns con suavidade e certa educación, e outros con extrema estupidez de túzaros modais, volven a repetir as mesmas disparatadas ideas, que ben poderían levar a mesma catástrofe, polo menos noutras circunstancias.

Pero as estupideces brotan nos mesmos comportamentos de políticos persoalmente intelixentes que, reconducidos por unha estraña dialéctica política, obcécanse cando reciben críticas dun sinxelo cidadán, sen pararse a considerar que se trata dunha OPINIÓN CRÍTICA, e perden a perspectiva das súas esixencias funcionais cando os cualifican de INCOMPETENTES, sen pararse a pensar que só está referido o termo á FUNCIÓN SOCIAL ATRIBUÍDA, e non é correcto extrapolalo a súa intelixencia persoal, a onde pretenden levalo os afectados, facendo un uso abusivo da extensión terminolóxica, para causar un desexado impacto social nas masas arrastradas máis polas formas que polos contidos.

Desta maneira, e sen afectar as súas capacidades persoais, non é competente un aspirante a un cargo relevante que, por ofrecer un exemplo, escamotee un certo grao de deliberado engano, evidenciado na súa conduta académica e noutros medios de comportamento, que poden verse conxugados nos reflexos das propias veleidades na súa función social, desde a que adoitan pedir seriedade, da que eles mesmos carecen.

Todo isto lévanos a pensar que o cinismo enriquece a imbecilidade e crea unha heteronomía persoal coas faíscas asesoras no ámbito político, que debilita a propia identidade e configura unha personalidade incapaz de asumir as propias responsabilidades, diluíndoas subsidiariamente nos entes de coordinación.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES