Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de Orballo: Coa ansia descansada

viernes, 23 de abril de 2021
Levanteime coa ansia de facer moitas cousas e creo que non fixen nada. Podo asegurar que non fixen nada en absoluto. Quixen comerme o mundo, pero como non sabía por onde empezar a rillar nel, nin tan sequera o intentei. Tamén lle quixen mirar ós ollos a unha muller, mais como son tan tímido, quedei coas ganas. Despois si a mirei por detrás cando marchou. Coma un covarde. Quixen abarcar o universo nun abrazo. Pobre de min; é tan inmenso, tan inalcanzable... Non me quedou outra que simplemente soñalo.
Lembro que ó abrir os ollos o primeiro pensamento que tiven foi o de facer máis do que se pode realizar. Espertei coma un cabalo de batalla e, agora, a realidade, amósame un espírito amorfo e unha nugalla sen fin. Quixen subir o monte dos Castros correndo, pero coxeo. Cruzar unha lagoa inmensa, pero sei que afogo. Quixen contemplar a lúa en cuarto minguante, pero había unha nebulosidade negra. Tamén quixen escribir sobre a bóla de fogo que volveu cruzar a península ibérica, mais non o fixen porque cada vez estou máis convencido que é Mazinger Z co seu fogo de peito.
Erguín coa ansia de domar o mar a paus e levo moito tempo esperando a dar o primeiro paso. Non é nada sinxelo empezar a actuar por algún punto concreto cando se quere abarcar ou cinguir todo a un tempo. Cada vez estou máis convencido de que non farei nada. Tamén é verdade que, ante tal situación, non penso poñerme nervioso. Sei que ás veces incluso é bo esperar a velas vir. Espero coa ansia descansada.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania