Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pandeireta do Ceo

viernes, 23 de abril de 2021
"A PANDEIRETA DE SEIS AZAS" IV
A POESÍA EN GALEGO DE FRANCISCO DE FIENTOSA

IV

Pandeireta do ceio,
¡axira as estrelas brancas!

Pandeireta da fonte,
¡cata unha estrela na auga!

-----------------

A cuarta "aza" da pandeireta está representada por dúas estrofas de dous versos cada unha e sen rima. Os versos das dúas estrofas son octosílabos e teñen a mesma estrutura:

1.- Substantivo + Preposición + Substantivo

Pandeireta do ceio
Pandeireta da fonte

2.- Verbo + Obxecto directo

axira as estrelas brancas
cata unha estrela na auga


PRIMEIRA ESTROFA

Comeza a primeira estrofa cunha metáfora, xa, impresionante:

"Pandeireta do ceio"

en referencia á forma circular do firmamento pero inmediatamente, no segundo verso, aparecen unhas connotación campesiñas na primeira palabra que é un verbo en imperativo "axira"

"¡axira as estrelas brancas!"

O imperativo é un tempo verbal que está dirixido a un ti, a unha segunda persoa, neste caso ao ceo, non sabendo se é unha orde ou mandato do poeta, ou é unha simple petición de algo, ou máis ben un desexo que formula mediante a verba "axira", que decontado nos trae reminiscencias da nosa infancia cando se axiraba o trigo despois de mallalo e limpalo, e antes de levalo ao muíño. Lémbrome como miña mai o facía: Primeiro tiña que haber aire do sueste e despois poñía un limpeiro no chan, e co cribo ía peneirándoo e soltándoo ao chan para que as impurezas (que eran as fabas lobas e outras) as levara o vento a un lado do limpeiro e o gran quedase un pouco separado nunha morea.

O termo "axira" tráenos, xa que logo, connotacións campesiñas e segundo a R.A.G. (Real Academia Galega), axirar é mover o gran nun cribo ou peneira para limpalo, neste caso o que se axira non é o trigo, cebada ou centeo senón as estrelas brancas, dándonos unhas semellanzas pola forma entre

pandeireta = cribo = ceo
grans = estrelas

Prodúcese tamén un movemento no noso subconsciente do son do gran ao axiralo e do son do vento no espazo da paisaxe.
O poeta fálanos de axirar as estrelas brancas, o que levaría consigo que ao axiralas, as máis pequeniñas caeran polos buratos do cribo, e teriámolas aos nosos pés, canda nós, mentres as estrelas máis brillantes quedarían alumando no firmamento.

SEGUNDA ESTROFA

Comeza esta estrofa cun paralelismo:

"Pandeireta da fonte"

onde a diferenza coa anterior é soamente nos vocábulos "do ceio" e "da fonte" que constitúen un paralelismo por substitución.
Estamos diante doutra imaxe, neste caso máis ruidosa, facendo referencia ao son da auga caendo polo cano da fonte ou polo chafariz por onde deita a auga a chorro e orixinando ao caer ese son parecido ás ferreñas e á pandeireta. Hai un predominio, neste caso, do son sobre a forma do obxecto, como ocorría na primeira estrofa, aínda que tamén fai referencia á forma da pandeireta nas ondas que provoca a auga cando sae polo chafariz e atopándose debaixo con máis auga, que ao caer, desencadea máis ondas ou pandeiretas, semellando tamén unha pandeireta movéndose e tocando, froito das ondas que van xurdindo e morrendo na tona do líquido elemento.

Na segunda estrofa tamén estamos diante doutro imperativo "cata"

"¡cata unha estrela na auga!"

A palabra "catar", pode estar referida a recoller ou buscar esa estrela que ou ben se reflicte na auga da fonte ou ben é unha estrela que caeu na auga froito de axirar as estrelas brancas que había na anterior estrofa.
Otero Canto, Xosé
Otero Canto, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES