Y tal y tal
Ansemil, Xosé Luis - martes, 17 de junio de 2008
Que grandes tipos os romanos! Que organización! Coas súas vías, os seus exércitos, o senado, o dereito, o latín, as murallas, os acuedutos, as vilas fermosas, os mosaicos, a súa arte, a literatura, os seus mitos
pero, coincidiran comigo, que grandes tipos estes romanos! A frase, xa sei, soa un pouco a Asterix e Obelix, pero que lle vou facer, é así, e eu canto máis os estudo máis admirado me teñen. Que tipos! Parece mentira e xa vai para dous mil anos e eu aquí, aberto do peito que diría María de Seixo, suspirando por uns homiños co peito de lata. O que non sabe moita xente e que foron os inventores do slogan publicitario déjenos pensar por usted non se rían que isto que lles conto, aínda que soe a anuncio de lavadoras, é verídico e ademais certo. Eles non o dicían con estas palabras, así e todo eran uns tipos con clase, ¡sabían latín! A eles gustáballes repetir aquilo de panem et circenses xa saben, pan e circo, ou amandi e cachucha ou incluso, se me apuran a tradución, birra e cachondeo, moito máis literaria e actual.
Sei o que están pensando: xa está aquí este cos seus desbarres clásicos, coma se nos non souberamos historia, ¿pero a onde quererá ir parar este pobre infeliz?. Teñen razón, xa me centro, vexamos: se eu lles digo Villa, Villa, Villa maravilla ou ¡que Viiiiiilla España! (cántase coa música de célebre pasodobre de Manolo Escobar e coa cara de Alfredo Landa interpretando a un emigrado en Alemaña), ¿a que saben de que estamos falando? Pois iso mesmo, estamos falando de Paña, da selección nacional, de Luis Aragonés y tal y tal e do título intergaláctico (y cierra Europa) que xa case temos no peto. Si falamos de iso e falamos tamén de pan e circo e de déjenos pensar por usted E falamos dunha xente cabreada de folga que non chega a fin de mes que non pode prender o camión ou o barquito chiquitito, falamos diso tamén. E de miles de consumidores cabreados que levan xa unha temporada longa a espaguetes con salsa de tomate. Falamos diso, créanme, pero non pasa nada porque mentres teñamos o furbor a cousa aínda se sostén.
Recemos para que Paña siga gañando partidos, aínda que sexan de penalti inxusto e no último minuto, porque en canto sexamos eliminados da eurocopa entón si que se vai notar a desaceleración, ou a crise, ou como coño se chame isto que nos vén encima.
Pan e circo. Pero que tipos estes romanos!

Ansemil, Xosé Luis