Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Aquel zoqueiro (10)

martes, 20 de abril de 2021
.../...

Coma sempre, cada verba do Zoqueiro suscitaba en min un sementeiro de ideas, así que, con tal de que eu lle preguntase a máis mínima, el baleirábase coma se fose un mestre de escola, ¡que non todos saberían outro tanto! Entre mil cousas que non lembro agora, pasouse a falarme dos castros e dos castrexos, explicándome aquilo de moer á man, cunha pedra redonda e outra cóncava. Máis ou menos, díxome:

-Iso dos castros era para vivir á defensiva, e algo de oficios, pero, ¿onde tiñan o horto? ¿Onde baixaban os calzóns? ¿Onde cazaban? ¿Onde pescaban? Por iso, baixar dos castros, que o fixeron pouco a pouco, establecéndose no entorno das villae romanas, tivo que resultar dunha gran liberdade, e tamén dunha gran comodidade, maiormente para as mulleres...

Tanto cariño se lle colleu á horta, e tamén aos regadíos, que moitas testas se levan partido por culpa das partillas e demais litixios. O problema foi manexa-la aixada porque ese arado, o romano, o de madeira, amén de non facelo todo, tanto tirou das terras para abaixo que se converteu este pais noutra especie de castro, xeneralizado: ¡os socalcos das agras!

En segundo termo, pero cun amor de primeira magnitude desde que tal tubérculo se coñeceu, estaban as leiras das patacas, as pataqueiras: boa terra, fonda; lixeiramente húmida, e sempre con accesos para o carro, pois, sen esterqueira orgánica, e algo de cal nas ácidas, en vez de patacas saían fariñóns. Para non cansar unha terra agradecida, o propio é darlle, en segunda volta, centeo; centeo outonío, séxase de ferraña, ou de espiga, que engrena perfectamente, na súa liberación, coa sazón de sementa-los nabos. Iso si, a condición, sine qua non, que dicía o párroco, sempre atento ás colleitas, ¡que incluso nos denunciaba á Garda Civil se traballabamos nas festas de gardar...! Daquela o sancristán dábase unha volta, ¡ou as que fixesen falta!, por todo o Couto, para recolle-los dereitos que lle incumbían ao seu xefe: os baixamáns, baixar a man, que ben o di esta verba; as rogativas do trono, os responsos…

Para esparexe-la nabiña o preceptivo era deixa-la camisa por fóra do calzón, que nas terras deste Lugh foi a forma, o xeito, de logralos para que os nabos fosen..., ¡de Lugo! O outro requisito era que as mulleres estercasen, pero non sementasen, pola súa dificultade en asoma-la camisa... Os ditos, os ditos e mailos mitos, as crenzas en definitiva, de algo veñen, que por xeración espontánea, do bo, só se dan as amoras; ¡as amoras e mailos amores!

En canto ao millo, que máis ben habería que chamarlle millorado pola atención que se lle poñía, despois da guerra estivo a punto de perde-la súa primacía por..., ¡por dexeneración! Non houbo importacións, non houbo hibridacións...; ¡e por non haber, nin brazos houbo, que se de verde pesa moito, coas espigas non digamos! O que si foi a maiores foron as fabas, case sempre mesturadas, pois sen caldo, e sen castañas, as tripas non estaban satisfeitas, ¡non fogueaban!

Iso era daquela, -aclaro eu, agora-, pois ao viren tempos de melloría, coa minoración da poboación e co invento dos pasteiros, os pensos de fábrica, etcétera., o millo avagou, ¡para volver con forza, coa forza que lle deron as vacas tolas! En canto ás fabas galegas mellor será que lles pregunten aos ástures, que están sendo os detentores daqueles saberes, ¡daqueles saberes, e daqueles sabores!

De pé, naquel segundo ripeiro, cabe do meu Zoqueiro, daquel mestre sábeo todo, ¡que lonxe estaba eu de imaxinar que en cousa de medio século o meu val seguiría sendo verde, regado polo mesmo Azúmara, pero poboado por unha xeración tan distante da miña, ou máis, que a daqueles homes de ferro avasalando aos amerindios!

-Tío Xosé, -que o de Piepito igual me ocasionaba unha zoscada-, ¿vostede..., leva medio século ao lombo...? Naceu no XIX, ¿non si?

-¡Máis ou menos!

-Cando eu sume outro medio século, se chego a tanto, ¡igual lles fai graza aos que veñan vindo que lles conte algo de todo isto, o que lembre entón canto vostede me leva dito! ¿Autorízame?

Parou co trade, cubicoume de arriba para abaixo, e á viceversa, como calculando se eu daría a talla para tal cousa; despois diso deume a man:

-¡Este testamento póñoo na túa cabeza, con Deus de testemuña, pero no ben entendido que non te autorizo para repeti-los meus tacos, que de ti espero que chegues a falar coa limpeza e coa sinceridade de teu pai...! Pois ben, xa que estamos de relevo xeracional, precisamente hoxe, San Millo para os de Bergland, vénseme á chencha que aqueles gobernantes de Madrid de cando a Ditadura, puxéronlle uns dereitos de aduana terribles, que, segundo o mestre Rico, (1) tiñan por finalidade que nós, os labregos galaicos, mercásemos trigo castelán, ou lles désemos toxo ás vacas, ¡para que lles saíse a vitela máis barata aos ricos; aos ricos de verdade, e non de nome!
Aquel zoqueiro (10)
Nunca tal oíra, pero dicíndoo "Piepito"..., ¡vox Dei! Estando nestas parolas, nestas filosofías, o meu oído mozo percibiu o son das nosas campás:

-Pare un pouco, escoite, que tocan a morto...

-¡Il é certo! Daquela é que saíu un definitivo, outro emigrante..., ¡e a saber se vai para o Ceo ou para o Inferno!

-Voullo dicir á madriña...

Ela, desde a cociña, pero máis exactamente desde a súa sesentena, non oíra aqueles prantos, aquelas nenias, interpretadas maxistralmente co badalo da campá polo mestre enterrador, polo tan soado Afonso da Cordeira.

-¡Ai, meniño, déixate caer pola Casa Grande para ver se lles veu algunha vaca, ou se acaso eses do millo...!

Encamara, para non levantarse máis, embarcara para o Alén, nada máis e nada menos que o Leiteiro de Veiga, un centenario máis teso que un carballo; pero antes diso, na súa mocidade, fora centauro, un daqueles facciosos do carlismo, tan admirado duns como temido dos outros. Non sabía moito o que dicía pero bramaba, viñese ou non a conto: ¡Por Deus, polos foros e polo Rei...! Meu avó dicía daquel Leiteiro que do que máis entendía era do leite, de vender queixos, pois aquilo dos foros..., aqueles foros que esmagaban a nosa Galicia eran outros, moi diferentes dos que defendían os vascos, así que o pobre señor tamén loitaba contra os muíños do vento. Daquela do abrazo de Vergara, instaurador de privilexios e restaurador de exencións e de concertos, maldito se ninguén se lembrou dos "leiteiros" da Veiga do Azúmara como non fose para recadar compensacións, para subi-los nosos "consumos". O que me gustaría saber, pero xa non queda quen o diga, é se os curas cobraron nas honras fúnebres do noso, ¡do seu!, Leiteiro, aquel seguidor tan fanático do Cura de Seixosmil, un dos máis bragados de toda a carlistada.

Cando informei do enterro, que a tal momento estaba miña madriña retirándonos unha cestada daquelas estelas, daquelas labras caídas do ripeiro, díxolle:

-Fixen un trato aquí co rapaz, que lle vou contar as peripecias dos últimos cincuenta anos para que dentro doutros cincuenta engada as miñas coas súas, pois con todo iso nun saco vai ser coma se vivise os cen dese Leiteiro. ¡Xa é coincidencia, xa, que ata non sei se nos sopraría esta idea a propia ánima do defunto!

A madriña escandalizouse de mala maneira, así que cumpriu co seu ritual dos escándalos, tres cruces e tres Ave María Purísima.

-Señor Xosé, que vostede aínda cae na familia..., por Deus lle pido que non tolee neste neniño, que xa discorre que se mata, pola súa conta, da imaxinación que ten, sen que encima o abure con máis preocupacións.

-Señora, preocupación, ningunha, pois os contadores da Historia sonlle, ou sómoslle, se algo diso me toca, máis ou menos coma o reloxo dese Afonso, ¡que enterra as horas asemade cós defuntos!

Nin que dicir ten que a miña velliña fuxiu do pendello coa cesta das estelas por diante da barriga, coma se levase un escudo protector, sen esperar por máis disparates. O Zoqueiro, fitándome como tiña de costume, a modo de escusas:

-Moito peca quen lle faga dano a este anxo da túa garda, que tal é túa avoa... Pero volvendo ao que íamos: Cando empeces a suma-las túas experiencias coas miñas, o que eu che diga co que ti verifiques, unha das primeiras certezas que vas lograr será a de que o home é bo, e incluso adoitan selo un par deles, pero tan pronto se xuntan tres, sexan homes ou mulleres, ¡preito á vista! O caso máis sanguento, ¡ducia e media de fusilados, nun só ano!, tivémolo, tivéstelo, nesta parroquia. Mentres aquela Unión lles facía teatro, ¡pan e circo, que dicían os romanos!, e lles fornecía libros pagados polos emigrantes, precisamente polos máis pobres, pois os ricos e mailos morgados nunca emigraron; polos expulsados do país, en definitiva, aqueles da lexítima curta..., pero maiormente pola comenencia de conseguir pola Cooperativa da vosa Unión pensos, sulfato e abonos barateiros, daquela, ¡Viva a Pepa, viva a Unión! Nisto que a Patria, a Patria ou a Matria, deu en parir reaccións, revolucións e contrarrevolucións, así que un día o Párroco, ¡que eses saben latín!, predicoulles que era preferible cadrarse diante dun ferrolán cativeiro, ¡aínda que tivese voz de muller! ¡Me cago na tose, ao Paco confundírono con San Francisco! Con todo iso, esta parroquia, unha parroquia de galos, converteuse, da noite para a mañá, noutra de pitas..., ¡e con tal de fode-lo veciño cadráronse, todos á vez, ao cura, aos gardas, á falanxe, ao cabo do cuartel...! ¡É a lei da envexa, que abunda máis cás ortigas!

Quedei desacougado, así que me atrevín a replicar:

-Tío Xosé, todo iso pódollo admitir, menos que o señor Cura, o que houbese daquela, predicase tales homicidios...

-¡Pobre neno, canto che queda por aprender! Para empezar, tes que distinguir entre relixión e clerecía, entre Deus e mailo César. Os cregos colléronlle medo á República porque..., ¡porque eran irmáns do César, viñan asociados, de vello, co caciquismo imperante, salvo honrosas excepcións, por suposto! Os xudeus non mataron a Xesús, ¡que va, eles non!, pero pedíronllo ao Romano, esixíronlle: ¡Crucifícao, crucifícao!

-Daquela..., ¡ata será verdade o que di, que no Exército seica se bendicen os canóns!

Despois dun cachiño de reflexión o meu convencemento achegábase bastante á bile do Zoqueiro, así que engadín:

-A verdade é que iso da guerra de España moito me leva dado que pensar; quero dicir, o que pasou en Montecubeiro. Mire como é a cousa, que aquel día da Vitoria fixéronos ir, ¡en procesión, cruz alzada e todo iso!, ata a Cruz da Granda, aló por xunto desa fonte que sempre se chamou de Matahomes..., por aquilo do Rei Silo das Asturias! Toda a parroquia, incluso os nenos das dúas escolas. Unha guerra que axudaron a facela, e por tanto, a gañala, aqueles mouros que pasaron por Castroverde cara ás Asturias, e resulta que para celebrar esa Vitoria, ¡levamos en procesión ao noso Santiago, ao Matamouros!
Aquel zoqueiro (10)
-¿Sacaron ao Santiago...? ¿De veras..., ou é unha broma?

-Foille certo; e á volta díxome meu padriño, cando llo contei, que el quedárase coas vacas aí arriba, no monte das Ferreiras:

-¿Que me dis? ¿O noso Cura deixoulles levar ao Matamouros para celebrar que os mouros lles ganasen a guerra aos asturianos, aos mineiros, Covadonga incluída? ¡En definitiva, aos nosos! Daquela xa podo morrer, que me entra a teima de preguntarlle directamente ao noso Santiago... ¡Ou é que estou tolo, ou é que vivo nun mundo de tolos!

-¿E que, que máis...? -Inquiriu o tío Xosé.

-De momento, nada, grazas a Deus, que vostede ben o ve; a tal momento volve a estar coas vacas aí arriba, no Zarro Novo..., ¡e segue nos seus cabais!


NOTA: (1) Rico, Arximiro Rico, Mestre de carreira, do San Bernabel da Xesteira (Martín), foi "paseado", e castrado en vida, ¡sen anestesia!, na Serra da Ferradura, en setembro do ano 1937).

.../...
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES