Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Noite de Vran. Lúa Outa.

viernes, 30 de abril de 2021
"A PANDEIRETA DE SEIS AZAS" V

A POESÍA EN GALEGO DE FRANCISCO DE FIENTOSA

V

"Noite de vran. Lúa outa.
No ollo da pucharquiña
as ras tocan as cónchegas".

-----------------------

A estrofa é unha tercerilla: estrofa moi empregada por Francisco de Fientosa, de tres versos, de arte menor por ser versos octosílabos, con rima no primeiro e no terceiro versos, quedando libre o segundo (8 a : 8 - : 8 a) e tendo en conta que a rima tan só se produce nas vogais máis abertas ou máis tónicas:

- outa = ó u á

- cónchegas = ó e á

Parece mentira que nunha estrofa tan pequena, con tan só catorce palabras, -se lle eliminamos os elementos de relación, que son cinco-, quedariamonos soamente con nove palabras... e que con nove palabras se poida dicir tanto, parece case imposíbel, aínda que nada ten que ver cos haikus ou formas de poesía tradicional xaponesa, consistentes nun poema breve de dezasete sílabas escritas en tres versos de cinco, sete e cinco sílabas respectivamente, por máis que neste caso o poema teña tan só 19 sílabas sen os elementos de relación: preposicións e artigos, neste caso.

A tercerilla é dunha grande sinxeleza, en moi poucas palabras abrangue unha gran cantidade de información que se sustenta na preponderancia de substantivos, en total, sete: "noite, vran, lúa, ollo, pucharquiña, ras, cónchegas", con un único verbo, "tocan", e outro único adxectivo, "outa". Como vemos, o autor, vai buscando o esencial para dotar de significado o conxunto, ao que lle engade un só adorno ou adxectivo, "outa", e dota de movemento á estrofa con un só verbo, "tocan".

O poema está tamén deseñado por unha figura xeométrica, ás que é tan adicto o noso autor, neste caso, como en todos os poemas da composición a "Pandeireta de seis azas", a figura predilecta ou dilecta é o círculo, que se manifesta nas seguintes palabras: lúa, ollo, pucharquiña, cónchegas.

A estrofa preséntanos o tempo, o espazo, o lugar e, finalmente os personaxes, como se dunha narración se tratase.

PRIMEIRO VERSO
"Noite de vran. Lúa outa".


Estanos indicando o autor o tempo estacional no que se desenvolve a acción porque é de "vran", mais tamén e ao mesmo tempo, inclúe a temporalidade referida á xornada e á luz, xa que é noite, engadíndolle incluso unhas percepcións temporais cando describe a situación da lúa "lúa outa".

SEGUNDO VERSO

"No ollo da pucharquiña"


Francisco de Fientosa pasa de indicarnos a temporalidade a realizar a localización mediante unha metáfora A de B, sabendo que hai unha pucharquiña ou poza, e dentro da poza, no centro mesmo, o ollo.

Ata aquí o tempo e o lugar. Fáltannos, agora, os personaxes da historia e que actos realizan no mesmo centro ou ollo da poza, sendo no


TERCEIRO VERSO que
"as ras tocan as cónchegas".


Impresiónanos esta metáfora sonora, extraordinaria dun coro no que “as ras tocan as cónchegas”; é dicir, cantan ou croan, mais engadindo ademais outra idea temporal implícita porque xa comentou antes que era verán, pero volve a incidir subrepticiamente polo feito de que é nesta estación ou na primavera cando as ras cantan; neste caso, refregando as cunchas, que supón unha metáfora acústica polo parecido abondoso entre o seu croar e o fregar das cónchegas.

Este gusto polas ras e polos sapos, penso que o herda do seu padriño, o poeta Crecente Vega, moi dado a ese gusto franciscanista na súa poesía. Vexamos o poema "Anoitecer" de Crecente Vega (1).

"Vai o sol na furada. Os sapos preguiceiros
cansados baixo as pedras de estar acochadiños,
salen tocar a frauta âs veiras dos camiños,
e escóitanse nas regas os 'grau-grau' barulleiros das râs".


NOTAS:
1.- CRECENTE VEGA, José.- Codeseira . Santiago 1933. Páx. 33.
Otero Canto, Xosé
Otero Canto, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES